as candidaturas

Si, claro, xa sei que o importante é participar, e que se volverá a tentar e todo iso. Pero neste mundo caníbal a participación xa se dá por feita.

Repaso a lista de candidaturas a Obra Mestra da Humanidade aceptadas (47 de 64!!) pola UNESCO. A lista é sorprendente, cando menos nas escasas iniciativas aceptadas en Europa:

-A polifonía coral albana.
-As procesións de dragóns e xigantes de Bélxica e Francia.
-A danza dos reclutas en Polonia.
-Cancións pastorís sardas.
-O Patum de Berga.

…e non podo deixar de comparalos -sen minusvalorar calquera destas manifestacións, vaia- coa complexidade, riqueza, historia, relevancia para o noso presente, da candidatura galego-portuguesa, difícil de rivalizar mesmo en termos de oportunidade histórica, da relevancia da conformación de novas identidades no seo de Europa, da pervivencia de tradicións nunha situación difícil na sociedade contemporánea e da reconversións das mesmas en oportunidades de difusión, de convivencia e mesmo negocio.

Pode ser que os membros do xurado non leran os informes das candidaturas, mesmo que actuaran por intereses paraculturais, mesmo unha suma sinxela dos feitos anteriores. A UNESCO sempre se presentou ante o mundo e nos petit comités como mártir deshauciada por denunciar prácticas de presión no seo das organizacións que integran o complexo das Nacións. Pero a non aceptación da candidatura galega -especialmente se analizamos os criterios de elección– é absolutamente desacertada e sospeitosa. A UNESCO expresouse oficialmente en positivo, gabando as aprobadas, pero a min gustaríame saber por que non se escolleu esta candidatura.

Por suposto, outros factores, coma o feito do pulo expreso do Goberno español ao candidatura do flamenco ou a do Goberno portugués, que se presentaba con esta candidatura aínda que non ratificara oficialmente como Estado o Convenio sobre o Patrimonio Inmaterial da UNESCO tamén puideron axudar ao desacerto.

En fin, outra vez será.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará