Asador O Pazo, en Padrón: un gran sitio máis alá das vodas

Last updated on 18 / Outubro/ 2010


Fotos: Sole

O prexuízo é algo propio de todo bicho vivinte que transitamos por este mundo. Recoñezo que mirei moitas veces este lugar, o Asador O Pazo, ao carón do hotel Scala, á entrada de Padrón. De feito, emprego a rotonda do carón para atallar para o Barbanza cando a feira de Padrón peta as rúas da vila os domingos. Tiña idea de que ese era, sobre todo, un complexo para vodas e grandes eventos, claro, e desconfías do pulso diario do xantar. Nas nosas exploracións da gastronomía comarcal, nin se me ocorrera parar por aló.

A curiosidade e o feito de que o Asador O’Pazo [T: 981811507 / localización] pertencera ao grupo Galicia Gourmand, que reúne a un significativo número de restaurantes de calidade e prezo medio, con estilos gastronómicos coidados de a cabalo entre o tradicional e o ilustrado por toda Galicia, fíxonos decidirnos. Logo din que as marcas non son importantes. Claro que o son!

Que enganado e cheo de prexuízos estaba. Este lugar é un magnífico restaurante. Liña clásica con toques gourmet, produto impecable, unha sala nun estilo clásico -ladrillo vista, Sargadelos, numerosas chiscadelas ao viño- e un servizo exemplar, especialmente no momento de lidiar co viño. A carta dispón dunha xeitosa oferta de peixes e carnes, con elaboracións propias do estilo dun asador, como a grellada, e outras máis propias. Aquí sírvese un produto de primeira, con elaboracións sinxelas pero que van moito máis alá da cociña de mínimos de moitos lugares que se denominan do mesmo xeito: o Asador O Pazo é un espazo ilustrado no que se pode disfrutar con garantías de grandes carnes, pero tamén do viño. A carta de viños, das mellor coidadas da comarca de Compostela, permítese mesmo detalles coma unha parte na que os viños se clasifican polos viños de viticultores. Epígrafes coma “Os viños de José Luis” (por José Luis Mateo, da Quinta da Muradella de Monterrei) ou “Os viños de Raúl” (polo mítico viticultor Raúl Pérez) son unha forma ben curiosa de consultar os viños, procedente posiblemente da paixón do propietario, Manuel, polos bos caldos. Nós pedimos un Enrique Mendoza Syrah-Cabernet Sauvignon. A botella que trouxeron, anada do 99, cousa seria, foi servida coidadosamente por un camareiro cunha profesionalidade pouco habitual.

Para xantar pedimos un monumental taco de foie con améndoas (coidado se o pedides para dous, é unha barbaridade de tamaño, pero para catro sería un entrante estupendo), seguido das “Tres Carabelas” (solombo de boi, chuletiñas de año e biffe). A boa impresión quedou para todo. Outro día probareille os Tres solombos, outro destes mix que fan moi agradable a cata de carnes de calidade. Este sería o típico sitio cando te apetece tomarte unha boa mariscada ou zarzuela de mariscos e peixes; o sitio que levarias ao teu pai ou sogro, para unha pequena celebración familiar, para entendérmonos, e que ao mesmo tempo ti tamén puideras disfrutar.

Cunhas cañas de postre e o café, a cousa saiunos en 42 euros por persoa. Segue a sorprenderme a estupenda relación de establecementos de calidade que hai na contorna de Padrón.

2 Comments

  1. 15 / Outubro/ 2010

    Que bien sabe elegir.Manolito es un fenomeno en vinos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará