Nos ollos da montaña

Last updated on 29 / Setembro/ 2010


Fotos: Sole

Un día a montaña durmiu. E cando abriu os seus tres ollos viu un enorme manto de estrelas; ao mencer, o sol e as nubes agarimaron os picos penedentos dos cumios, e a néboa esbarou polos caborcos desta antiga cara deitada fronte ao firmamento. E a montaña chorou, e os seus ollos enchéronse de bágoas para sempre. E, ao facelo, o firmamento enteiro entrou dentro das súas bágoas, e quedou atrapado nas lagoas para a eternidade. Así vexo eu estas bágoas:

Esa montaña é Trevinca, o teito de Galicia. Nunha banda do macizo hai tres lagoas, Laceira, Carrizais e Ocelo, e todo o monte chámase coma esta última, os Montes do Ocelo. Aquí está a localización. Non sei cal será a súa orixe toponímica real, pero a min gústanme pensar que ven de Oculus, e que estas fermosas lagoas glaciares, a máis de 1500 metros de altura, subidas na cimeira estrema dun verde, frío, fermoso e recóndito val, son os Oculos da montaña, os tres ollos deste xigante mitolóxico.

Chégase a elas camiñando desde Xares, unha das parroquias veiguesas. Un camiño adéntrase no coto de caza -un dos máis grandes de Galicia, unha enormidade de 2000 hectáreas acoutadas e repoboadas con fauna incorporado á Rede Natura-; é o antigo val no que os habitantes de Xares coidaban o seu gando. Os regatos de Caborco e Morteira descenden rodeados de carballeiras que agochan antigas cabanas en ruínas. Á fronte, maxestuosas no alto, unha serie de enormes penedías sosteñen as tres lagoas, como tres irmáns dun relato andino.

Entramos neste territorio solitario, cheo de corzos, muflóns e cervos en dúas ocasións esta fin de semana. Na segunda, trala medianoite, saímos do hotel ben ceados e cos licores café quecendo os corpos, cunha friaxe do demo aterecéndonos xa en setembro. Imos no todoterreo a tombos ata a Morteira, un prado no medio do val no que se escoita todo e no que as estrelas brilan como se lles cambiaran a bombona por primeira vez. Queremos escoitar a berrea dos cervos, o canto do celo dos machos para amosar a súa valía fronte os outros e as femias. No camiño é inevitable contar historias de aparecidos, claro.

-Este monte é tremendo -di Carlos Parra, o cociñeiro e xerente do hotel El Ciervo, que se enfundou en catro xerseis e un plumas en canto rematou o servizo.- Un día subiamos tamén despois da medianoite, e de súpeto vimos unha sombra, como unha presenza, correndo diante do coche, cruzando a estrada. Puxéronsenos os pelos de punta. O primeiro que pensei foi que era a pantasma dun home que se perdeu aquí no coto hai uns anos e do que nunca se atopou o corpo, cousa moi estraña porque o coto está totalmente pechado. Ao volvermos ao hotel dimos parte á Garda Civil e atoparon a aquel home. ¿Sabedes quen era? Era un vello portugués dunha aldea de Chaves. Quería atravesar a Península enteira andando para chegar a Francia e ir ao dentista. O home emigrara aló e quedáralle a idea que o odontólogo era gratis na Seguridade Social de aló. E cruzaba todas estas serras para volver ao dentista.
-Carlos, esa historia é insuperable -dixémoslle admirados. Imaxineime ao vello, antigo neno pastor, atravesando o macizo de Pena Trevinca e todas as cordilleiras do norte da península cun caxato e a man na meixela inchada. A realidade, insuperable nai da ficción. ¿Vedes que tiña razón en ler Á lus do candil?

Na Morteira prendemos unha queimada. Se hai que atraer defuntos, claro, esta é a mellor opción. En canto se apaga o lume, xúrovos que a queimada se convertiu nun granizado, do frío que había. Cando os oídos se nos acostumaron apareceron, flotando sobre as copas dos carballos, os ansiosos bruídos dos machos, que se contestaban entre eles entre os outeiros. Algo absolutamente máxico.

-Son coma calquera. Mamíferos nun sábado noite -di un de nós escachando da risa.

Algúns bruídos viñan do Salar, ou da Portela. Pero ao fondo, máis lenes, máis para oídos espertos, chegaban outros desde as Portas de Ocelo.

As Portas de Ocelo.

Nalgún lugar debe estar escrito algún longo poema épico sucedido aquí. Os picachos que protexen as lagoas.

As Portas de Ocelo. Agora estamos pola mañá, camiñando a bo ritmo. Subimos desde a Morteira ata a Valigota, a banda sur do monte. Desde alí, as lagoas están a un paso. Camiñamos, e primeiro aparece a pequena Laceira, logo a limpa e estreita lagoa dos Carrizais. Camiñando, meténdose aínda máis no corazón da montaña, está a máis máxica: a Lagoa de Ocelo. Alí rodouse moito da película Pradolongo. Alí refúxianse os cervos a beber, e todos os animais da montaña. Alí o céo parece mergullarse na terra a través deste pozo escuro.

A montaña ten os ollos pardos, ás veces verdes e ás veces azuis. A montaña repousa sobre o mundo e por veces sorrí como se toda ela fose unha cesta de soños conxelada no granito e, durante o inverno, atrapada na neve. Se cadra se garden nestas augas algo do que somos.

Notas prácticas:

O Hotel El Ciervo está xusto no punto de partida do Roteiro das Lagoas, que ten 14,5 kilómetros e dificultade media (vaise moi ben). O Hotel, xa temos falado del, é un lugar moi especial: distante de todo, con habitacións enormes, e unha cociña incrible e insólita para estas soedades. Aquí xúntanse na fin de semana micólogos -o Coto é un magnífico lugar para os cogumelos-, naturalistas, cazadores, gourmets e mesmo persoeiros coñecidos que un nunca agardaría atopar alí. O secreto, o recóndito e acolledor do lugar, o prezo razoable (60 euros a habitación doble) e a espectacular comida de Carlos Parra.

Por 18 euros o menú (tanto na comida como na cea), Carlos Parra sirve magníficos pratos con produtos locais (androlla, corzo, xamón, cervo, xabarín, as patacas de Otilia, os tomates da súa nai, os amorodos enormes e riquísimos de Trevinca). Puro confort food. O menú da mediodía pode ofrecer o seguinte, así todo xunto: unha bandexa de porco ibérico curado en Trevinca, tomates da súa nai con mozarella, pementos asados da Veiga, un queixo camembert ao forno con amorodos de Trevinca, uns medallóns de solombo de porco albardado con tiras de touciño e para rematar, por se segues vivo, un coulant de chocolate. Cando chegas dunha fría mañá enteira na montaña este comedor parécese moito ao paraíso. O resultado: nestes tempos tan duros para a hostelería e tan lonxe de todo, o comedor e o hotel estaban cheos de xente.

7 Comments

  1. Xurxo
    28 / Setembro/ 2010

    O do portugués de Chaves é foliano total. Tes toda a razón do mundo, ler ou reler a Fole é unha marabilla, nin Berger nin ostias.

  2. 29 / Setembro/ 2010

    Magnifica e detallada descrición dos encantos da nosa terra. PARABÉNS!!!

  3. Sergio
    29 / Setembro/ 2010

    Un verdadeiro pracer ler a túa descrición da maxia deste fermosísimo lugar. Voltarémonos a ver paseando “nos ollos da montaña”, escoitando o bruído dos cervos, as “lendas folianas”, as prácticas sexuais dos aforcados e dando boa conta dos pratos que Carlos teña a ben regalar os nosos sentidos. Por certo, non entrei na catedral pero vin as súas torres, os picos de Trevinca. Unha aperta

  4. 29 / Setembro/ 2010

    Grazas, Txema.

    Sergio, pasámolo moi ben esa noite. Seguro que nos vemos noutra!

  5. Miguel
    30 / Setembro/ 2010

    A segunda sobre toponimia de hoxe, a ver se alguén me pode axudar; pode ser que “Ocelo”, veña de “aucellus”, diminutivo de “aus”, forma latina vulgar de “avis”, que por exemplo en catalán da “aucell” e “ocell”, forma normativa esta última. É dicir, Ocelo = paxaro pequeno?

  6. Eva
    6 / Outubro/ 2011

    Preciosa desripción Manuel de este rincon de Galicia que tanto me apasiona, cuantas más veces voy más ganas tengo de volver. Visité as Lagoas do Ocelo esta primavera en mi última visita a Trevinca antes del verano dando un bonito paseo desde el pueblo de Xares. En realidad estábamos alojados en Vilanova (punto de salida a las rutas a Trevinca subiendo por el Maluro), en “O Trisquel” hermosa casa regentada por Cholo y Marcos, excelentes personas que conocen bien la montaña y todos sus senderos, disponen además de un refugio de montaña muy bien acondiconado. Pero en realidad si tuviese que quedarme con alguna de las launas glaciares de Trevinca mi elección sería a “Lagoa da Serpe”. Se puede comenzar el sendero desde Vilanova mismo por “O Carboeiro” o bien comenzar desde A Ponte. Tiene un poco de dificultad porque después de pasar por una cabaña de cazadores en Pena do Ferro (1452m) hay que ascender por un sendero a la derecha de fuerte inclinación has la cima de O fial (1839m). Pero el esfuerzo merece la pena porque la vista de la Lagoa y del valle glaciar del rio Xares es espectacular y al fondo Pena Trevinca con sus 2127m. Nosostros pasamos por ella haciendo el camino hacia Trevinca, con lo que hiicimos la bajada de O Fial hasta a Serpe para luego volverer a subir a Trevinca. Puedo hasta cierto punto desmentir alguna de las antiguas leyendas que corren por el pueblo de A Ponte sobre esta laguna, dado que una de ellas dice que quien se bañe en la laguna será arrastrado hacia sus profundidades, pero nosotros no pudimos resistir la tentación de sus preciosas aguas (animados también por el aplastante calor de aquel día de primavera hace ya casi dos años) y aquí seguimos. La leyenda decía también que aquí habitaba una enorme serpiente que por las noches se convertía en una hermosa mujer.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará