Unha cuestión de diñeiro


Liña de costa norte de Corrubedo dende o Monte Facho

Hoxe vou falar de cartos. Dos cartos que estamos a punto de perder todos. A Xunta vai permitir a creación dunha piscifactoría de rodaballo da empresa Stolt Sea Farm -a que ten aquela enorme superficie ao carón do Cabo Vilano- nas proximidades do Cabo de Corrubedo, na comarca do Barbanza. Falamos dun enorme baldío -esa era a palabra que se usa no Barbanza para estes espazos deshabitados- de fermosa e brava riqueza marítima nun medio singular. Un baldío carísimo. Nos últimos anos, a xente do Barbanza puidemos ver como pouco a pouco o noso litoral se foi degradando pola construción indiscriminada e arbitraria -en moitos sentidos digo isto. Isto está a supor unha enorme perda económica: o principal valor económico da comarca -afortunadamente non tan explotada polo turismo de consumo rápido como a ribeira sur da ría de Arousa, o Salnés- eran as súas condicións medioambientais.

O único problema é que a percepción do litoral como un recurso económico que debe ser protexido e explotado pertence a sociedades xa orientadas a modelos de produción avanzados: no Barbanza, por desgraza, aínda existe unha economía orientada á extracción -na pesca-, na que só agora comeza a ser percibida a necesidade da protección previa dos recursos que se van extraer. Houbo optimistas mostras de cambio social e económico, cando se comprobou a autoorganización da comunidade cando o desastre do Prestige. A outra gran masa económica da comarca descansa repousada tralos amplos diñeiros das prexubilacións concedidas polas compañías petroleiras nas que estaban enrolados unha boa parte dos homes desta casta. O diñeiro, polo tanto, descansa de xeito residencial nas contas de Caixa Galicia e nas reformas das enormes casas das familias da clase media prexubilada -que ollo, ten todo o dereito do mundo a descansar despois de moitos anos de traballo duro. Non está desenvolto un modelo intermedio, baseado no turismo de calidade, na explotación dos recursos medioambientais e na creación de zonas de produción económica intermedias que tivesen como polos de atracción a calidade de vida para os residentes xunto coa proximidade a grandes nós de comunicación. Este modelo de desenvolvemento local contemporáneo é habitual en determinadas zonas inglesas, francesas ou irlandesas.

En cuestión de 10 anos perdimos no Barbanza moitísimo diñeiro potencial provocado pola avaricia dos concellos: destrozaron os chans da Serra de Barbanza, unhas enormes highlands de paisaxes espectaculares e climatoloxía propia ubicados no medio das rías. Se a Serra chegase intacta ata hoxe, se cadra a súa xestión tivera sido distinta e puideran ter sido explotadas como un gran recurso do turismo de aventura -que se prolonga todo o ano-, aproveitando a estrutura comunal do monte para reverter o investimento nas comunidades locais.

A granxa de rodaballo de Corrubedo encaixa dentro desta filosofía de depredación da paisaxe que esgota un recurso económico potencial. Nos últimos anos, Corrubedo convertiuse -sen axuda de ninguén- nun lugar de moito interese turístico. Se cadra, o Parque Natural proclamado hai tempo e xa en pleno funcionamento tivo que ver na revalorización económica da zona: aqueles paisanos que se rían do invento venderon a un prezo elevadísimo as súas parcelas, pero é posíbel que non estableceran a relación causa-efecto entre unha cousa e outra. A parroquia ten a sorte de contar cunha enorme zona virxe de espectaculares praias. A creación da fábrica de rodaballo por parte da multinacional noruega -que a penas crea postos de traballo locais- provocará unha modificación absoluta do medio e a perda de valor no mercado de toda a área. Que queren que lles diga, demasiado diñeiro para non tomalo en importancia.

O outro día, comentádoo con Gourmet –que tamén escribíu un post sobre a cuestión, tiñamos medo de que non se producira unha reacción local contra a piscifactoría -do mesmo xeito que non se producira, tampouco, sobre como se fixo no seu momento o o complexo de acuicultura de Couso, en Aguiño. Pero, por fortuna, comézanse a escoitar as primeiras voces. Moito ánimo.


Folleto de información sobre a riqueza natural da zona na que se quere construír a piscifactoría.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará