La Casa de la Marquesa: por fin volve o sushi a Compostela!

Last updated on 18 / Abril/ 2010

Que en Compostela non haxa un restaurante xaponés é difícil de entender. Houbo un hai non moitos anos, pero non rematou de funcionar. ¿Realmente somos tan refractarios á cociña internacional? Non o acabo de crer. O estourido de xaponeses que inunda nestes momentos moitas capitais europeas chegou, por fin, a Santiago, aínda que se só sexa de esguello. A boa noticia é que en Compostela xa se sirve sushi, cando menos de xeito un tanto experimental, en dous locais da cidade, o Caney e La Casa de la Marquesa.


Fotos do post: Sole

A proba de que aos compostelanitas o sushi lles gusta como a calquera bo gourmet está no tremendo éxito que está o que sirven en La Casa de la Marquesa [T: 981573959/localización], un establecemento aberto hai pouco nas proximidades do CGAC e do Museo do Pobo e que ocupa os baixos dun casón por desgraza en bastante mal estado. Cunha decoración de estilo colonial baseada na madeira escura, La Casa de la Marquesa ofrece unha carta occidental varios días da semana pero dedica, monograficamente, os xoves e os sábados ao sushi.

Xavi Casalderrei, que foi cociñeiro nun restaurante xaponés en Praga, está ao cargo da proposta: ofrécenos un sushi de carácter internacional, no que xunto a especialidades máis tradicionais do país xaponés ofrécense as achegas que se fixeron a este estilo gastronómico noutros países, coma os californias ou os royales. Nós tomamos unhas Gyouza, que son unha sorte de ravioli recheos de carne acompañados dun prebe picante e despois unha boa fonte de sushi á que lle engadimos un royal crunch (á dereita, na foto inicial) que estaba de morrer. Todo ben coidado e con mestría: o sushi é a típica comida que, se o cociñeiro non domina e o restaurante non é coidadoso, canta á mínima, debido á súa desnudez e á necesidade dunha materia prima excelente.

É unha gran noticia gastronómica que en Compostela poidamos disfrutar outra volta dunha comida tan sensual e saborosa como a xaponesa. Cunha xerriña de saque servido como debe ser -morno- e máis auga, a cousa saiunos en 23 euros por cabeza.

3 Comments

  1. 17 / Abril/ 2010

    Sitio realmente agradable, eu xa me volvín adicto e fago visita cada vez que vou a Compostela.
    Que bo está o sushi tempurizado :)

  2. 18 / Abril/ 2010

    Que interesante! Non sabía que ahí facían sushi, é unha agradable sorpresa non ter que viaxar a Coruña, Vigo ou quen sabe onde para tomar algo de comida xaponesa :-)

  3. 18 / Abril/ 2010

    Alégrome de que che pareza interesante. Lembra: o sushi só os xoves e sábados.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará