Explorando a prieto picudo con Cumal 04 e Alaia Roble 04


Viñedos leoneses. Foto: Dominio DosTares

A variedade prieto picudo, que se caracteriza por un acio apreixado e uvas pequenas a xeito de piñóns, enchía boa parte dos viñedos leoneses. Trala pandemia filoxérica, no XIX, as cepas ficaron concentradas nunha pequena zona, de 1.500 hectáreas, ao redor de Valdemimbres Los Oteros. A prieto picudo, que dá viños tintos frescos, moi afroitados, case atlánticos, foi empregada durante estas últimas décadas como complemento, pero nos últimos anos, varias adegas están a rescatar a variedade do seu relativo anonimato, e comézase a descubrir unha variedade de alto potencial que, por riba, é quen de aturar tempo en barrica preservando ou reelaborando a súa frescura orixinal.

Eu ando a perseguir prietos picudos con moita curiosidade. As dúas últimas botellas que probei, cada una delas ficoume na memoria. Por exemplo, o Alaia Roble 2004, que fai o grupo galego Galiciano en León cun 50% de prieto picudo e outro 50% de tempranillo. Un viño fresco, que case parece que non pasou por madeira, tremendamente amplo en boca e sen o final pesado que teñen moitas veces os viños de gran produción. Dígoo porque o Alaia custa só 4 euros pero é un viño excelente na súa relación calidade-prezo. Atópase con facilidade no Corte Inglés.

Nunha gama máis alta está a aposta da adega Dominio Dostares -a filla de Dominio de Tares para facer viños prieto picudo en Los Oteros-. O seu viño máis recoñecido, é o Cumal 04, un viño de capa alta, taninos maduros, intensos sabores a froita negra pero cunha sorprendente frescura malia os seus 15 meses de barrica. Saboroso. O Cumal 04 atópase por 16 euros, pero nos dá unha bastante clara das grandes potencialidades desta variedade.

One Comment

  1. 18 / Abril/ 2008

    Concordo contigo en que o Alaia é un tinto moi interesante, e máis co prezo que ten. Do outro nada poido dicir, que non o probei.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *