Todos somos Atilano (ou Atilana)

Foto: Proxecto Castro de San Lourenzo

Xosé Luís Barreiro dedica a súa columna de sábado á escavación do señor (ou señora) Atilano. A tese do politólogo afirma ser de raíz cristiá e ten que ver coa suposta falta de respecto a un labrego (ou labrega) soterrado hai mil anos ao que se retira da tumba na que agardaba a vida eterna.

Se lle entendín ben o argumentario, os arqueólogos que están a traballar no castro de San Lourenzo (Cereixa, A Pobra do Brollón) estaríano a facer por avidez académica e por incrementar o seu salario mensual xa consolidado na universidade (fala de sexenios) co obxectivo de descubrir cousas irrelevantes. Barreiro xa parece sabelas todas de antemán, nun exercicio de clarividencia que só se podería explicar grazas á unción de algún santo sacramento:

La finalidad de tan irreverente exhumación es investigar si era hombre o mujer, comía carne o pescado, y si murió -viejo o joven- de peste, hambre, por un tumor, o por una indigestión de castañas. Los sabios que lo exhuman dicen que apenas saben nada de él. Pero yo, en cambio, sé casi todo lo que para Atilano era importante: que era cristiano, que recibió los sacramentos y fue catequizado en una parroquia de Pobra de Brollón, que participaba de los cultos y la vida social, y que un día murió, después de haber criado -supongo- a los hijos que le dieron cariñosa y dulce sepultura.

A verdade é que, chegados a este punto, eu comecei a dubidar de se aos editores se lles colara na edición dixital algún texto do peor catolicismo do século XVI, cando as cousas se sabían sempre de antemán porque estaban escritas na Biblia (ou alguén dicía que estaban escritas). A terra plana, a data da creación do planeta calculado por xenealoxistas, as enfermidades como castigo ou proba de fe divina…só a partir desa fundamentada liña de pensamento se pode entender que Barreiro nos trazara de corrido e sen pestanexar a cristiá vida do señor Atilano -fiel crente, educado cristián cunha longa rolada de nenos como Deus manda. O artigo todo de Xosé Luís Barreiro é un auténtico tributo a ese tipo de pensamento, pero tamén a un xeito de retorcer argumentos no que o columnista non andivo moi fino e revelan a súa desinformación:

Por eso me pregunto: ¿Hay derecho a exhumar a Atilano para publicar un artículo y obtener un sexenio? ¿Quién y en nombre de qué tiene ese derecho? ¿Es tan lejano el año mil como para ir por los cementerios apañando huesos? ¿En qué momento dejamos de ser muertos para ser hallazgos arqueológicos?¿Qué sentido tiene que haya gente que busca huesos en las cunetas para darles sepultura digna, mientras otros sacan huesos de sus dignas sepulturas para meterlos en cajas de zapatos?

Porque dá a casualidade de que moitos dos membros do equipo que está a escavar no castro de San Lourenzo tamén se dedican a desenterrar mortos de gabiar e a investigar en pasados incómodos e recentes, deses que tanto me chama a atención que se preocupe o columnista por primeira vez na súa columna. E aí vén outra puntiña do argumento: Barreiro afirma con desprezo que estes “sabios” escavan a pobres do rural pero que non se atreven cos grandes ricos enterrados en catedrais. Ou Barreiro é moi descoñecedor de todas as investigacións que en toda Europa se fan con restos de reis (por exemplo, aquí e aquí) e bispos, ou sabéndoo a mantenta comete tamén uns cantos pecados cristiáns ao ocultalo cando llo quere contar á súa audiencia, nun exercicio que ofende a intelixencia.

E agora en serio. O que máis me chama a atención é que, como todo arqueólogo e persoa informada sabe, un dos grandes problemas de traballar en cascos históricos urbanos é o risco de atoparse cun cementerio. Vivimos sobre ósos, camiñamos e durmimos sobre camposantos cristiáns porque a Igrexa non tivo ningún tipo de problema en remexer camposantos, vender fincas, construír por riba de antigos cemiterios nos que anteriores fegreses foron soterrados polas súas familias. E en moitas das igrexas do país temos osarios, resultado de ter que facer espazo nos camposantos porque os mortos seguen a chegar. Desmóntanse sen maior problema e císcanse os osos sen maior contemplacións, nalgún trasteiro. E que dicir do noso rural, onde as lápidas do XIX funcionan moitas veces, volteadas, a xeito de pavimento do adro? Mesmo, como ben se sabe, é moi doado atopar inmensas concentracións de ósos non documentados preto dos mosteiros, dos que dubido moitas veces que se lles dera ese enterro minimamente formal ou mesmo cristián. Sería interesante ler neste artigo unha crítica á laxitude práctica da Igrexa na xestión dos mortos dos que xa ninguén se acorda.

Porque é a falta de respecto o que define todo isto, pero non na dirección na que con enrevesada intención quere apuntar o columnista. Porque un dos deberes dos comunicadores públicos é coñecer todas as claves dun problema antes de emitir unha opinión sobre el, e non xogar a tersiverxar datos, ocultalos e tentar poñer á audiencia en contra dun proxecto científico consolidado. Non só o esquelete de Atilano (ou Atilana) foi retirado co máximo respecto, igual que outros restos orgánicos obtidos nas tumbas, senón que Barreiro descoñece cal será o tratamento futuro (xa pensado hai tempo) destes restos nun proxecto tan respectuoso coa comunidade local e a cultura popular do país como é o castro de San Lourenzo. Este debe ser un dos poucos proxectos científicos no que se recuperou unha romaría cristiá e se traslada en procesión todos os anos o santo patrón desde a igrexa actual ata o seu antigo altar excavado polos arqueólogos, todo co máximo respecto. O San Lourenzo é levado a ombreiros por científicos que, sen posiblemente ser crentes ningún deles, non dubidan en facelo porque saben que símbolos como San Lourenzo van máis alá da súas crenzas persoais e pertencen ao pobo, e non dubidaron en integrar ese antigo mundo cristiá na súa excavación científica porque saben que iso une a comunidade ao redor do proxecto. Uns arqueólogos, por certo, que exercen o seu traballo desde unha inmensa, lacerante e vergoñenta precariedade laboral. É Barreiro quen pode solicitar sexenios, non eles.

Porque aí vén o fondo do asunto, o discurso final que subxace e no que se inscribe este artigo. Un relato moi vixente na Galicia actual, que non é inocente. Segundo este discurso, determinados tipos de traballos, como a ciencia, ou posicionamentos políticos de esquerda, obedecen unicamente a cuestións egoístas e persoais dos que os manteñen, supostos señoritos de familia ben que actúan para perxudicar á boa xente humilde e traballadora do común, aínda que manifesten o contrario e afirmen defendelos. Que tentan enganar aos bos pais e nais de familia de Galicia embaballándoos con soflamas e discurso que perxudican a paz social. Analizando ben ese discurso, de onde procede e quen o formula e constrúe, é doado saber a que intereses responde, a quen tenta ocultar baixo unha cortina de fume. Iso é o que se amosa este texto. Que a ciencia ou as voces críticas en realidade son perxudiciais para ti. Quérenche quentar a cabeza.

E, por suposto, mírese por onde se mire, Atilano é ciencia. É ciencia precisamente porque a escuridade sempre é sabelo todo de antemán, desde o seu sofá, que é o que fai o columnista e moita outra xente. Atilano (ou Atilana) permítenos saber, precisamente, dos pobres aos que parece defender tanto Xosé Luís Barreiro. Porque do ano 1000 o que tiñamos en Galicia ata agora son os documentos, moitas veces mentireiros, feitos por poderosos para poderosos, e nos que falan de si mesmos. Pouco máis. Pero dos pobres do ano mil quedánnos en Galicia, por agora, os ósos de Atilano e de algúns outros defuntiños, moi poucos. Por iso son tan valiosos, e por iso hai que investigalos. Non me parece maior mostra de respecto cara esta pequena comunidade labrega que vía pasar o mundo e soñaba (quizais) coa eternidade en Cereixa hai mil anos: recuperar a súa voz a través da materia orgánica que deixaron atrás.

Por se queres saber máis sobre o proxecto do Castro de San Lourenzo:

5 Comments

  1. Alexandre
    9 / Decembro/ 2017

    De verdade que, aínda facéndoo eu mesmo, non podería estar máis dacordo con cada una das túas palabras, Manuel. Tes toda a razón, non é inocente, e quen o publica faino ás sabendas, como quen tamén quen o edita, desafortunadamente para a boa xente deste país chamado Galicia.

  2. 11 / Decembro/ 2017

    Grazas, Alexandre!

  3. Xan
    18 / Decembro/ 2017

    O calumnista de La Voz fixo nese artigo o que adoita, terxiversar.

  4. Laureano Carballo
    30 / Decembro/ 2017

    Ben falado, Manuel, ben falado.
    Non adoito, por un san e simple exercicio de pura hixiene mental, ler aos “columnistas de garda” da prensa do réxime pero un meu amigo, amosoume a (e tento ser “fino”) arroutada (“oración” di D. Xosé Luis…) do Barreiro e a túa tallante e asisada réplica. Un mal día témolo todos. O do camarada Barreiro xa logo vai para a década… A súa deriva de politólogo a “todólogo” é Titánica (no “abisal” sentido naval do termo…). Ao seu insoportábel ton paternalista engádelle a ousada Ultra(sic)parvada de tentar pontificar verbo duns eidos, os da ciencia (con c maiúsculo) e o coñecemento e procedemento arqueolóxicos, dos que amosa un descoñecemento homérico (será polo XL do seu nome…). Non estou a dicir que Barreiro sexa un inculto, “aínda que o pense” (Pazos, “Airbag” dixit). O verdadeiramente aberrante do seu atoleirado esbardalle é a cínica, noxenta e hipócrita beataría fachendosamente amosada (sí, o de “fachendosamente” vai ao “Rosa Díez Freestyle”…). Esa sinistra e revirada mensaxe do “E mellor non fedellar nas cunetas”, “Non nos tiremos os ósos ás cabezas”, etc… Moitas das escavacións arqueolóxicas do futuro faranse dixitalmente. Se cadra ao noso pío “XL” Barreiro o que non lle presta é a idea de que algún “descreído” (sic) arqueólogo da futura “sociedad de la comunicación y la ciencia” (sic) ande a fuchicar no seu pasado político… A “estratigrafía” das hemerotecas dos anos 80 podería amosar algunha que outra “anomalía” no rexistro… Pero, qué saberemos nós, “sabios” (sic) Indianas na procura de sexenios perdidos, da súa interpretación! Por desgraza, non posuímos as súas dotes de vidente e, á fin e ao cabo, a vida é unha lotaría, uns boletos… Con todo, ao menos niste caso en particular, menos prédica e máis coherencia “cristiá” non estarían de máis. E, xa postos en fariña, porlle unha vela a Deus e outra ao demo tería sido máis axeitado e máis “democristián”… non si?
    Parabéns de novo polo teu (necesario e varudo) retruque! (e Bon Ano!).

  5. 30 / Decembro/ 2017

    Grazas, Laureano! Un gusto saber de ti! :-)

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará