Cidades no tempo: unha viaxe a través do legado das sete cidades

Hoxe pola mañá presentamos na Cidade da Cultura un proxecto no que levabamos longo tempo traballando. Cidades no tempo é unha iniciativa de longo alento promovida pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, a Fundación Cidade da Cultura e Afundación, que explora a través de sete exposicións o legado cultural das grandes cidades galegas. Sete mostras consecutivas que comezan en Santiago de Compostela xa o venres 3 de xuño e que ata o 2024 amosarán o legado cultural das sete grandes cidades galegas. Como chegaron a ser o que son a través dunha ollada interdisciplinar que se introduce moito máis alá da pegada urbanística e que explora o inmaterial, a literatura, a arte, os medios de comunicación, os patróns visuais e a tradición oral urbana.

O proxecto nace como unha reivindicación da Galicia urbana e do papel das cidades de Galicia na configuración da nosa identidade.

Neste texto, que lin hoxe á mañá na presentación, introduzo a filosofía e o concepto do proxecto expositivo.

En primeiro lugar, quero agradecer a confianza prestada pola Xunta de Galicia, a través da súa Consellería de Cultura e a Fundación Cidade da Cultura, así como de Afundación, por convidarme a liderar este proxecto cultural apaixonante, e que creo que podemos considerar como a que será unha das propostas expositivas de maior complexidade técnica das últimas décadas en Galicia.

A actual hexemonía da comunicación dixital ten contrapartidas insospeitadas no mundo físico, moito máis alá do virtual: en gran medida grazas a Internet e as novas tecnoloxías é como podemos comprender o éxito de grandes eventos culturais como os festivais de música ou o auxe das exposicións de gran formato que ata o momento da pandemia ocupaban boa parte da gran axenda cultural europea e que agora se están a reactivar. Coa Consellería de Cultura e a Fundación Cidade da Cultura tiven a oportunidade de comisariar en 2019 unha destas grandes exposicións, nun novo modelo no que a tecnoloxía de última xeración e os novos xeitos de divulgación convivían co goce colectivo da presenza das pezas. Pero se Galicia un relato no mundo foi relevante é porque deixou un pouso que en moita xente segue ata hoxe: fronte o tópico dunha Galicia aillada e periférica, a exposición amosaba como Galicia participaba dun mundo e achegaba a súa propia identidade ao concerto global. Puiden confirmar alí que realmente as grandes exposicións son as que reúnen coñecemento pero tamén emoción. Que son capaces de transmitir algo que o visitante percibe como moi próximo, moi pegado á súa identidade, e que ao tempo son quen de ampliar os seus horizontes e propoñerlle ollada máis amplas.

Estou interesado nas exposicións que desafían os tópicos que nos rodean, que nos fan preguntas e que son libros abertos e convites á exploración: para un comisario son exposicións sen dúbida arriscadas, pero son as que pagan a pena desenvolver. O proxecto que hoxe presentamos pode ser visto deste xeito: como un desafío, como unha pregunta aberta pero tamén como un novo xeito de concibir a escala das exposicións.

O que nos interrogamos agora en Cidades no tempo é ao redor doutro tópico que tamén segue vivo e presente nas mentalidades propias e alleas, que se reproduce sen cesar no audiovisual, nos memes de Internet, nas columnas de prensa e en moitos outros soportes: Galicia como un país rural, que sempre foi rural, que é rural, e o rural como vehículo fundamental para comprender a nosa identidade. Pero realmente é así?

Este proxecto pretende darlle a volta á luva. Como comenta con frecuencia Margarita Ledo, Galicia non é un país moi extenso pero si é un país infinitamente denso. Non teño dúbidas que unha parte moi significativa dese espesor e densidade procede das cidades. Se lle damos a volta a esa luva poderiamos ver Galicia exactamente ao revés. Como unha malla densamente interconectada de cidades e vilas a pouca distancia entre elas, como un tecido neuronal que impregna todo o territorio, o transforma e o constrúe.

Pero como a nova xeografía nos ensina, Galicia é un territorio caracterizado por unhas cidades de límites borrosos, que se insertan no rural, mentres o rural se inserta no medio do urbano, construíndo un proceso híbrido que fai moi particular a experiencia urbana galega.

O filósofo Antón Baamonde reivindicaba no seu recente libro Unha nova Olanda (Galaxia, 2021) unha aposta decidida por situar mentalmente o fenómeno urbano como eixo da reflexión colectiva sobre o futuro do país. “Calquera cousa que sexa ou vaia ser Galicia non é nada sen as súas cidades”, afirma, “é no ámbito urbano onde se xogarán as grandes partidas do futuro, dende a saúde da súa economía ata a continuidade do idioma e da cultura, pasando, naturalmente, pola capacidade do país para promover unha certa igualdade e integración social. Se Galicia ha de ter formas propias de modernización iso non será sen xerar vizosas culturas urbanas”.

O proxecto Cidades no tempo quere trasladar esa reflexión ao ámbito expositivo, botando unha ollada sobre nós mesmos e explorando o legado cultural das sete grandes cidades galegas, contribuíndo a arrequentar esas culturas urbanas ás que se refería Bahamonde e que serán fundamentais para afrontar o futuro no que a dimensión local parece cada vez máis relevante. Unha viaxe de exposicións consecutivas que comeza por Santiago de Compostela e continúa por Ferrol, Lugo, A Coruña, Vigo, Pontevedra e Ourense. Esta viaxe comeza en Santiago este venres e rematará en Ourense no ano 2024.

Este termo ao que me referín antes é central: o legado. Porque con frecuencia á hora de abordar as cidades centrámonos unicamente na súa evolución urbanística, nas trasformacións dos seus edificios, pero sabemos desde hai máis de cen anos que as cidades non son só iso. No texto fundacional da socioloxía urbana, Robert Park xa escribía en 1915 que as cidades son sobre todo “estados de ánimo, un conxunto de costumes e tradicións, de actitudes organizadas e sentimentos inherentes a estes costumes, que se transmiten mediante dita tradición”. O noso proxecto expositivo vai máis alá do crecemento urbanístico ou da Historia no seu sentido máis convencional e intérnase nos imaxinarios, na vida das súas clases sociais, nas súas capacidades produtivas, nos seus conflitos e desafíos, no carácter dos seus creadores, nos cambios na idea da propia urbe. Explora de xeito interdisciplinar a identidade das cidades para coñecer como cada unha das cidades galegas chega a ser o que son, porque unha cidade sempre está negociando coa súa memoria: cando medran barrios novos, cando se transforman, cando envellecen os seus cascos antigos. A marabilla das cidades é que nunca foron, sempre están sendo.

O principal desafío do proxecto é a súa complexidade técnica para narrar as cidades deste xeito, e por iso eu falamos dunha exposición distribuída: partimos dunha estrutura expositiva común para todo o proxecto, que permite facilitar a súa producción, pero que en cada caso conta integramente con contidos exclusivos e únicos para cada unha destas cidades, botando man de pezas emblemáticas e singulares procedentes do exterior canda outras pezas procedentes de coleccións máis próximas, que son postas nun contexto que facilita novas lecturas e diálogos.

Nas exposicións sempre indagaremos nos mitos locais e que agachan sobre cada cidade, gozaremos dunha forma innovadora de coñecer os ricos arquivos documentais locais para comprender como a cidade se foi definindo desde a expansión urbanística, a estética, o comercio, a industria ou os servizos públicos. Coas nosas mans farémolas medrar ao longo do tempo desde un miradoiro virtual. E mergullarémonos, a través dos Escenarios, no relato moitas veces pouco oculto e visible da mensaxe que garda cada unha delas, e como os seus homes e mulleres fabricaron unha idea de convivencia ao longo dos séculos e contaron a súa cidade.

A exposición nace dunha visión común, pero ao tempo é profundamente local, elaborada a partir de debates e conversas con numerosos expertos, dos que quero destacar os asesores xerais do proxecto, os profesores Miguel Pazos Otón, Xaquín Núñez Sabarís e Cristina Sánchez-Carretero: con eles falamos de distribución de poboamento, de imaxinarios literarios, de identidades cidadás, de barrios e fronteiras invisibles.

Para cada unha das cidades, o proxecto conta con coordinadores locais de reputada e coñecida experiencia. Deste xeito, e por orde de aparición das exposicións, como nas películas, contamos con Xosé Ramón Lema (Santiago de Compostela), Guillermo Llorca (Ferrol), Marica Campo (Lugo), Rubén Ventureira (A Coruña), Manuel Bragado (Vigo), Milagros Bará (Pontevedra) e Xabier Limia (Ourense). Foron seleccionados porque son persoas que non ten só fondos coñecementos das súas cidades, senón que en si mesmos tamén conteñen de algún xeito o espírito da cidade, ese coñecemento inmaterial que procuraremos destilar e recrear nas exposicións. As súas achegas complétanse con nutridos e plurais consellos asesores locais permítennos incorporar moitas olladas distintas, ata un total de máis de setenta profesionais que nos ofrecen unha visión desde dentro de cada unha das cidades. Aos coordinadores locais e aos consellos asesores queremos tamén agradecer a súa implicación e ilusión por este proxecto colectivo.

E todos eles apoiados por un equipo técnico excepcional mixto encabezado por Chus Martínez, tanto da Cidade da Cultura como de diferentes empresas do país, integrado por museólogos, documentalistas, arquitectos, desenvolvedores virtuais, deseñadores, ilustradores, realizadores audiovisuais, fotógrafos e montadores que confirma o que eu digo sempre: en Galicia temos capacidade para desenvolver proxectos culturais do máximo nivel.

En todos estes meses de traballo xa lle comezamos a dar a volta a luva, e o que atopamos foi prodixioso. Porque un proxecto global, de ámbito galego coma este, e ao tempo profundamente local, ten unha capacidade singular para detectar a diversidade e pluralidade do fenómeno urbano galego e poñelo en perspectiva. Non hai unha cidade galega que conte a mesma historia. En cada unha delas é recoñecible con facilidade un ingrediente distinto desa receita que é Galicia: este proxecto achéganos un novo xeito de descubrir as cidades galegas pero tamén de viaxar ao corazón da Galicia. Así o podemos ver na exposición que inauguraremos este venres, Santiago no tempo, no que observaremos como poder, cultura e estética se entrecruzan desde hai séculos, e como unha cidade se constrúe dialogando continuamente entre os seus propios pasados.

Agardamos que as exposicións de Cidades no tempo permitan facer visible, dun xeito novo, moitos legados nos que ás veces non reparamos e reivindiquen unha Galicia urbana que é unha parte fundamental da identidade do que hoxe é o país, pero tamén de como Galicia chegou a ser o que hoxe é. Como dicía Italo Calvino nas súas inesquencibles Cidades Invisibles, “dunha cidade non gozas das sete ou das setenta e sete marabillas, senón da resposta que dá a unha pregunta túa”.
Debo dicir que nesta apaixonante viaxe, as cidades de Galicia conseguen responder ás nosas preguntas.

1 de xuño de 2022
Santiago de Compostela

Comments are closed.