O territorio como unha historia

Last updated on 19 / Maio/ 2022

O pasado 4 de abril participei no encontro Gastrolimia, un evento transfronteirizo organizado pola Deputación de Ourense e que está enmarcado dentro do proxecto Fronteira Esquecida. O programa, cofinanciado polo FEDER a través do programa Interreg, quere “potenciar os recursos naturais e culturais do río Limia-Lima, e a súa contorna” e, no ámbito específico do turismo e da gastronomía, potenciar as sinerxias entre produtores e hostaleiros da Baixa Limia e do Norte de Portugal.

Falei ao redor dunha idea á que cada vez lle dou máis voltas en relación ao turismo e o xeito no que concibimos as viaxes a destinos que, pola súa ubicación, son idóneos para viaxes de curta duración (fin de semana, pontes, etc.). O que tentei explicar é como estamos nun momento moi singular. Nos últimos anos puidose comprobar (e eu creo que isto deixou desconcertado a todo o mundo) o auxe dos microdestinos. Lugares moi específicos dun territorio, moitas veces distanciado dos percorridos turísticos máis frecuentes, que en cuestión de meses pasan de ser descoñecidos a estar masificados. As novas canles de propagación revelan que temos moitas máis posibilidades de construir destinos e diversificar viaxes posibles.

A cuestión é como conseguilo máis alá das imaxes que xeneran un impacto visual inmediato, pero aprendendo do que gardan. En gran medida, a foto turística ten a clave. Todos queremos participar dunha historia. Cando nos sacamos unha foto cun monumento famoso ás nosas costas, queremos incorporar ese monumento á nosa biografía. De algún xeito, os valores e o relato desa historia. Cando simulamos que estamos reflexivos no banco de Loiba, escenificamos e actuamos para a nosa propia audiencia. Os destinos fast-food funcionan porque consegues unha foto para a túa liña do tempo das redes, pero tamén porque compartes os valores. Con todo, hai que relativizar. Non é nada que non exista desde a propia noción de turismo dos viaxeiros do Grand Tour no século XVIII. A apropiación do espazo como procura dunha definición e unha historia de si mesmo.

Que historia queremos que conte o territorio? Que relato que sexa fiel á tradición, á memoria, á cultura, á sociedade e ás xentes e, á súa vez, conecte cos novos perfís turísticos. No caso do Xurés-Gerês, as terras de fronteira sempre son profundamente suxestivas. En primeiro lugar, para os visitantes que teñen a noción de fronteira. Xa que logo, os visitantes de proximidade: o público galego, portugués, español. En segundo lugar, como encaixan estas terras con estas narrativas. Non hai unha única posibilidade, pero destinos de ámbito comarcal están compostos de varios focos de atención e relevancia que poden ser postos en conexión. No meu ver, o que temos que preguntarnos é como os territorios poden contar unha historia. Unha historia na que cada destino se complemente cos outros, achegue o seu propio valor, e permita ao visitante desprazarse polo territorio como quen se move por un filme, unha novela ou un conto de tradición oral. A viaxe por territorios rurais parécese, en certo xeito, ao hipertexto. Máis alá dos circuitos hiperríxidos dos grandes destinos, nos que somos conducidos por guías ou estamos atribulados por unha pechadísima lista de cousas “imprescindibles” que hai que facer e visitar, as comarcas rurais son como hipertextos que poden ser percorridos en múltiples direccións. No que as pequenas grandes historias poden ser contadas en diferentes espazos.

No caso da Baixa Limia, o Xurés-Gerês é un espazo absolutamente singular, no que xogamos cun elemento de doble sentido. Por unha banda: o descoñecemento sobre a comarca fai posible unha serie de valores de ‘descuberta’ que son valiosos no contexto de saturación turística do mercado global. A problemática é a difícil conexión, nestes momentos, entre esas historias e os esquemas e referencias culturais coñecidas polos turistas, e que sempre son importantes. A maior parte das veces, visitamos o que antes xa temos previamente na nosa memoria, dun xeito ou doutro. A singularidade dun territorio é un valor que ás veces non é doado de xestionar. Ese é para min o gran desafío nestes momentos desta comarca.

No turismo do futuro inmediato parte do desafío será poder ofrecer un relato diferenciado do que o visitante, de algún xeito, se poida sentir parte. Non no sentido máis directo que poderíamos imaxinar -poñelo a vendimar, vestilo de algo-, senón na medida en que esa viaxe encaixa coas súas preguntas, aspiracións, busca persoal. Concibir un destino como unha historia significa pensala tamén como un guión, con todas as súas estruturas, a súa capacidade de construír atención e gañas de profundizar. Nese concepto, cada localización e cada experiencia son parte dese guión.

As plataformas dixitais, a multiplicación da oferta de contido en toda as canles fai que vivamos inmersos en historias. Moito do caudal de metodoloxías e coñecementos pode ser aplicado á dinamización de áreas rurais. Á altura do ano 2022, cando moitos espazos dispoñen dunha infraestrutura de equipamentos razoable, os principais investimentos deben estar na innovación asociada á oferta e á diferenciación do produto-territorio nun mercado enormemente competitivo.

Comments are closed.