10 anos de patrimoniogalego.net

Last updated on 17 / Maio/ 2021

Hai dez anos, unhas poucas semanas antes do Día das Letras Galegas, agarrei un cabreo descomunal. Non lembro moi ben por que, pero tiña que ver coa ausencia de información sobre algúns bens arqueolóxicos do país e a súa conseguinte indefensión, debido ao seu descoñecemento e falta de posta en valor. Pecheime unha fin de semana na casa e púxenme a personalizar unha instalación de wordpress para tentar convertela nalgo parecido a unha base de datos. Estaba nunha tempada de moitísimo traballo e non podía programar unha aplicación desde cero, así que decidín botar dos fantásticos plugins de wordpress e a inxente documentación oficial e colectiva ao redor deste CMS. De aí saiu un Frankenstein tecnolóxico que aínda se mantén hoxe mal que ben, grazas ás puntadas de mantemento de Eladio Rial. É rústico, un tanto rudimentario, sufriu centos de ataques informáticos pero aí segue, máis ou menos respondendo. Un miragre.

Foi poñer patrimoniogalego.net en circulación e sumarse un certo grupo de xente: con algúns deles tiña contacto previo e con moitos outros non. Xente brava que comezou a botar unha man en diferentes ámbitos, con moito rigor: desde a publicación das fichas de bens patrimoniais en moitos lugares ata a comunicación, o mantemento técnico, a didáctica, etc. Non nos interesaba a oficialidade. A Xunta de Galicia aínda carece hoxe dunha ferramenta orientada especificamente á localización e inventariado dos bens de patrimonio cultural: apenas hai unhas capas moi incómodas nos visores xeográficos pensados para o aproveitamento forestal ou a construción. Estabamos fartos de agardar polas iniciativas públicas que non chegaran nin, dez anos despois, chegaron. Criamos nunha sociedade civil que se dota a si mesma de ferramentas.

Dez anos son un bo momento para unha reflexión global. Só darei algunhas puntadas moi rápidas. En primeiro lugar, o conseguido é incrible. Hai que dicilo así. Case 12.000 bens culturais distribuidos por todos os concellos do país. Son moitísimos, un caudal inxente de coñecemento e de visibilización e posta en valor. Moitos deses bens, anónimos, humildes e rurais, teñen en patrimoniogalego.net o único punto de referencia na rede. Os responsables deste esforzo heroico teñen nomes e apelidos (máis ben nomes de usuario). Todo o agradecemento debe ir dirixido a eses catalogadores que investiron centos de horas das súas vidas en achegar coñecemento á sociedade galega de maneira desinteresada, e todo o que se lle poida gabar nunca é abondo, e tamén ao resto do equipo de soporte e apoio que facía posible a súa labor. Na Galicia actual vemos como se recoñecen publicamente -por institucións públicas e entidades privadas- iniciativas culturais que serán máis ou menos meritorias, pero moitas delas con moito menos percorrido, utilidade pública, esforzo e gasto de recursos persoais, como as que fan estes editores de patrimoniogalego.net. Non hai ningún outro proxecto dixital en Galicia -se exceptuamos os repositorios institucionais de teses, ou algo así- que acumule tanta cantidade de información organizada ao redor dos bens culturais inmobles. E a nivel español teriamos que irnos, en comparación, aos catálogos en liña da Junta de Andalucía e similar. E isto hai que dicilo ben alto e claro, e dígoo eu, aínda que soe pretencioso, porque non hai ninguén que o diga en público. Eles traballan nas sombras, de maneira constante, por un ideal que se di compartir pero que na práctica non parece importar demasiado. Ningún deles -de nós- busca ningún tipo de recoñecemento, pero esa chamativa ausencia si ten sentido que sexa anotada nun post de reflexión sobre a traxectoria. En parte, por unha paradoxa: o mundo dixital, máis que crear realidades novas, o que adoita facer é fortalecer as xa existentes. E un aspecto importante: como sabedes, a clave do éxito das redes sociais é o recoñecemento, os likes, o sentirte querido. Iso é o que anima á xente a publicar máis e máis cada vez, buscando ese recoñecemento social. Pero esta xente de patrimoniogalego.net curra a cegas, case sen feedback. Como moito, alguén entra e o pon a parir porque se confundiu nun microtopónimo. E seguen.

No proceso de implementación do proxecto eramos tamén conscientes do que significaba unha web colaborativa e aberta á cidadanía na práctica. Xa a esa altura había publicados un bo feixe de traballos ao redor de como funcionaba en realidade a web 2.0., as redes e os sistemas de autoedición. Un gran exemplo para patrimoniogalego.net nese sentido era a Wikipedia, unha web formalmente aberta a quen quere participar no traballo, cun inxente tráfico que usa os seus valiosos contidos, aberta a que calquera publicase. Pero, en realidade, o groso da edición dos contidos da Wikipedia realizábase -e realízase- por un pequeno grupo de xente. Hai un gran número de editores cun ou dous artigos publicados, e logo un pequeno número de persoas con centos deles. En patrimoniogalego.net pasa un pouco similar, pero a escala galega, e dentro da escala galega, nun sector tan específico do patrimonio. Así que isto é cousa dun pequeno grupo de titáns, non da sociedade e nin sequera do tecido asociativo do patrimonio cultural galego. Un feixe de persoas que toman unha decisión.

E isto é importante. Desde o primeiro momento fómonos decatando dunha sorprendente eiva que se ía notando mentres o mapa se ía enchendo de puntiños e pouco a pouco Galicia comezaba a amosar, de maneira reunida e interactiva, o seu densísimo patrimonio cultural. Algunhas comarcas tiñan un volume de fichas mínimo. E iso sorprendíanos porque eran comarcas nas que existía certo dinamismo na defensa e no activismo patrimonial. Ata que nos decatamos de que era precisamente por iso. Alí onde había asociacións que vertebraban ao activistas patrimoniais da zona (en realidade sempre un número moi reducido de persoas), alí fallaba patrimoniogalego.net. As asociacións tiñan moitísima información sobre o patrimonio da súa comarca pero agora que dispuñan dunha ferramenta para facelo visible a nivel global, con capacidade de buscas, de recuperación cruzada, non o empregaban. Elas tiñan a súa propia axenda, e incluír datos nunha web de ámbito galego non era -nin é- unha delas. E aquí vimos un drama do país no ámbito do activismo e na defensa do patrimonio cultural: o localismo. Ese localismo que é unha das nosas mellores virtudes como sociedade, porque nos outorgou unha enorme capacidade de resiliencia ao longo dos séculos, pero tamén a nosa terrible eiva: a incapacidade de enfrontarse aos graves desafíos que superan os límites do noso minúsculo territorio local. Véxoo hoxe, con enorme mágoa, no que está a pasar coa crise dos eólicos, un asunto gravísimo. Unha chea de pequenos colectivos facendo ruído cada un polo seu polígono e incapaces, ata o momento, de artellar unha alternativa de presión política nos ámbitos nos que se toman esas decisións (tamén son consciente de que nestes momentos hai movementos ao respecto). Así que alí onde traballaban catalogadores en solitario o catálogo comezaba a encherse de fichas, e alí onde había un traballo sostido por anos, modélico en moitos casos, o catálogo está máis baleiro. Contactouse con boa parte desas asociacións. Obtivemos boas palabras, pero non o dimos conseguido. Lémbranme as míticas conversas que nos contan precisamente esas asociacións de cando van a unha dirección xeral ou unha alcaldía e todos son boas palabras e máis nada. Pois o mesmo: aquí todo o mundo ten prioridades e cuestións de axenda. Non son eu ninguén para criticar esas actitudes nin meterme en obxectivos alleos. Os traballos son moitos, os desafíos e as ameazas ao patrimonio por todo o territorio son constantes e non se dá feito. Pero é importante ter presente isto para situarnos, para ter todos os datos, para comprender as situacións. Como vivimos nun marco cultural e referencial determinado que achega posibilidades e couta outras. Outra vez de novo: decisións persoais e de entidades, non dunha administración de Compostela.

Outro aspecto significativo é a relación co sector profesional. A adscrición profesional dos catalogadores é de todo tipo: hai parados, operarios, técnicos de escea, enxeñeiros técnicos, xornalistas, algúns funcionarios. Na franxa dos 100 bens publicados ou menos xa atopamos algunhas persoas que exerceron profesionalmente como arqueólogos hai tempo, pero xa non. Case ningún destas persoas ten que ver co ámbito profesional do patrimonio cultural. Isto en si pode ser raro ou non. Alguén pode dicir que ao dedicarse profesionalmente ao patrimonio cultural non fan estes traballos gratis. O asunto é discutible: tamén eu me dedico á cultura e escollo que cousas fago de balde e que cousas non. Máis ben é unha actitude ante o sector, e os valores da responsabilidade social corporativa, que tamén poden ser estendidos ás veces ao ámbito persoal, como os médicos, os enxeñeiros ou os xornalistas. Non sei. O curioso é cando moitos deles empregan patrimoniogalego.net como fonte de referencia para proxectos propios con ánimo de lucro, e para localizar bens moitas veces deficientemente xeolocalizados nos catálogos dos PXOM municipais elaborados sempre por profesionais. Tamén hai que dicilo: nestes dez anos temos algún (un?) exemplo de mencións ao proxecto en documentos científicos ou técnicos, o cal agradecemos de todo corazón.

E outra reflexión é persoal: os proxectos colaborativos son marabillosos, pero hai determinados investimentos que son dificilmente sustentables no tempo, como a xestión de persoal. No meu caso, teño claro que son un catalizador, pero debido ás miñas obrigas profesionais, podo facer esforzos puntuais de creación de proxectos, ubicándoos dentro do meu cronograma, pero dificilmente podo xestionalos posteriormente durante un longo periodo. Un gran problema do país é a incapacidade conxénita de sumar, aínda que as portas estean abertas, ou teoricamente abertas. Ante a posibilidade da negociación e o diálogo, o noso fracaso sempre é observar como as sociedades pequenas tenden sempre a facerse máis pequenas, e as iniciativas fragméntanse, replícanse, perden forza. O acerto de patrimoniogalego.net foi non meterse en diversificar proxectos: pensar sempre en fichas, fichas, fichas. Obxectivo sinxelo e doado. A nosa gran dificultade: conseguir socializar o proxecto, incorporar a máis colectivos, incrementar a produción, incorporar ao equipo xestores que quixesen participar na organización e difusión. Se cadra faltou tempo, pero o certo é que aínda que estamos cheos de formularios, non sempre conseguimos incorporar caras novas. Un consello cando se acometen estes proxectos: hai que fortalecer, asegurar, a estrutura de xestión, explorar continuamente métodos para incorporar sangue nova mentres se mantén a cultura da organización.

O que máis nos pode ensinar un proxecto como patrimoniogalego.net é sobre responsabilidade e sobre decisións persoais. Sobre esa liña escura entre o que asumimos como persoas, entre o que nos construímos como cidadáns en comunidade, e o que queremos descargar noutros lugares, nunha suposta e abstracta iniciativa política que sabemos que nunca chegará ou que, se chega, non nos convencerá. Estes proxectos póñennos diante do noso espello. Outra cousa é que nos queiramos mirar neles ou non.

E máis nada, por agora. Miro atrás e eu, persoalmente, estou moi orgulloso. Esta é unha historia moi galega: xente anónima, individual, que acaba converxendo nun punto, traballando sen recursos pero manexando de maneira maxistral a mellor potencialidade do país: o tempo. Se cadra por iso amamos tanto o patrimonio cultural: porque a súa principal materia prima é ese tempo longo que estamos dispostos a asumir nos proxectos vitais.

Comments are closed.