“Conversas arredor dun café”. Rexístrate para os ‘petit comités’ da novela Nus

Situacións de pandemia como a actual supoñen desafíos para toda a dimensión social da cultura. E a cultura é sociedade. Non quixen organizar aínda unha presentación ‘formato estándar’ de Nus debido ás complicacións loxísticas que suporía. Pero creo tamén que calquera crise é unha oportunidade para experimentar novas formas. Así que inauguramos as ‘Conversas arredor dun café’, en colaboración coa Libraría Couceiro de Santiago de Compostela. Son tres achegas á novela para un grupo microrreducido de seis persoas. Durante tres xoves (22 e 29 de maio, 6 de xuño), poderemos reunirnos na Libraría Couceiro, en Santiago de Compostela, ás 19 horas para charlar ao redor de Nus. Será para min un pracer poder contarche en ‘petit comité’ en que consiste a novela, o proceso de creación e falarmos sobre a Galicia que a inspirou.

Xa que logo, a asistencia está limitada a seis prazas por sesión e a reserva é obrigatoria. Estaremos cómodos, teremos café e falaremos de literatura nun formato relaxado, de ti a ti, compartindo esta paixón común. Aquí tes o formulario para te inscribires.

Un asunto importante: responsabilidade. Non reserves por reservar. O meu compromiso é dedicarte este tempo, o da libraría de preparalo todo, comunicalo. Se reservas, o teu compromiso é acudir ou facer o posible por cumprir o compromiso. Está sucedendo algo terrible estes meses: persoas que se rexistran compulsivamente a eventos aos que logo non van, e que provocan que outras persoas logo tampouco poidan acudir. Se reservas e non podes vir non hai problema ningún: avisamos ao seguinte da reserva. Pero non nos deixes tirados. :-)

Comments are closed.