Nus, nova novela en marzo de 2021

Efectivamente, o 11 de marzo de 2021 estará dispoñible nas librarías físicas e electrónicas a miña nova novela, Nus. Levo moito tempo escribindo esta historia á que lle din moitas voltas, e que agardo que sexa do voso interese.

Trátase dunha novela na que exploro novos rexistros literarios. Está contada en primeira persoa por unha personaxe, Toño Figueroa, complexa, difícil e dun mundo que non é frecuente na literatura galega: a clase medio-alta ou a clase alta do país, de onde xurdiu a clase dirixente que gobernou esta terra a pé de obra. Vemos a transición entre o franquismo e a democracia a través dos seus ollos, nada nostálxicos: pero non é unha transición política, senón sobre todo unha transición moral, da que el participa dun xeito pouco frecuente. A través da súa voz, accedemos ás confesións que el nunca faría en público: os seus encontros sexuais e sentimentais da mocidade, e como acabaron converxendo coas reivindicacións nudistas de primeiros dos anos 80.

As miñas lectoras e lectores recoñecerán en Nus algunhas claves (algunhas personaxes) das miñas novelas anteriores. Mesmo os máis antigos dos lectores atoparán as conexións entre unha palabra manuscrita miña de Vento e Chuvia e un lugar desta novela… todo está pensado ou escrito desde hai moito tempo, aínda que as obras pareza que non teñen moito que ver.

Aquí vai a sinopse:

Na madurez, Toño Figueroa, vástago da última aristocracia do país, mantén unha dobre vida na intimidade da súa memoria. Lembra a diario as súas primeiras veces e habita sen descanso a pasada mocidade: o sexo, as grandes mentiras familiares, os trens que se foron perdendo… Toño móvese con cinismo e incredulidade no convulso ambiente político da Galicia de principios dos oitenta; a súa conciencia social remata no seu propio corpo e no das mulleres coas cales aprende a descubrilo. Ou iso nos quere facer crer. Ata que Toño e os seus amigos chegan á solitaria praia de Calabarda, un paraíso aberto ao océano onde se pode ser libre dun xeito novo: sen roupa. Nun extremo da praia, os arqueólogos descobren un castro ancestral. Noutro, os veciños soñan con leiras de millo en que agromen os chalés. E no medio, Toño únese a unha grea de nudistas dispostos a todo para manteren os seus coiros ao sol.Manuel Gago ofrécenos en Nus un retrato irónico e irreverente da contraditoria Galicia dos primeiros 80 a través das aventuras sexuais dun crápula tan cínico como tenro.

Centralizarei os datos sobre a novela nesta páxina especial, na que porei contido extra conforme nos vaiamos achegando á data de lanzamento (e despois).

Comments are closed.