Un libro diferente sobre a cultura vikinga

A editorial Almuzara ten unha exitosa colección de divulgación histórica titulada “Eso no estaba en mi libro de historia de…”, na que reúne traballos de diferentes especialistas que tentan dar achegas un tanto distintas sobre periodos, fenómenos ou culturas históricas coñecidas. Este verán publicou un máis que interesante traballo da investigadora alicantina Irene García Losquiño titulado Eso no estaba en mi libro de historia de los vikingos. Aínda que chega ben tarde para estes Reis, confío en que poida ser unha boa proposta se non para hoxe, si para un agasallo vindeiro.

O libro de Irene García é unha achega intelixente e moi entretida á cultura vikinga, comezando por explicar como o propio nome dos vikingos non os identificaba a eles como un grupo étnico (como hoxe se podería entender) senón máis ben pola acción, “vikinguear”, é dicir, saír por aí a pillar nun sentido amplo. Irene García, de formación filolóxica e especialista en runas nórdicas, privilexia no seu libro precisamente unha aproximación do que nos poden contar as sagas e os textos orixinais nórdicos sobre a familia, a mitoloxía, a cosmovisión ou mesmo as relacións entre xéneros e roles dentro destas sociedades. O libro é salientable porque fronte a unhas evidencias arqueolóxicas que, moitas veces, son empregadas como fonte primaria de achegamento a estas sociedades, Irene é quen de exprimir de maneira rigorosa e crítica os textos para amosar como tamén a filoloxía pode contribuír a esclarecer tópicos e outorgar matices de profundidade a estes grupos nórdicos.

Un aspecto especialmente interesante do libro é a achega de xénero. Se ben esta ollada está en perfecta consonancia co momento actual dos estudos culturais, creo que no ámbito destes libros divulgativos sobre o mundo dos vikingos é especialmente relevante. Foi inevitable conectalo con discusións que temos con frecuencia no grupo romanarmy ao redor da audiencia e o interese das mulleres sobre este tipo de culturas e textos: a pregunta de como se atopa, ou como dialoga, o lector ou receptor con este coñecemento. Neste sentido, Irene esfórzase para que este texto achegue unha sociedade e non unicamente os aspectos máis ‘testosterónicos’ cos que esta se recrea na cultura mainstream contemporánea ou das últimas décadas. No libro observamos a presenza da muller nos ámbitos da mitoloxía (que me flipou) ou da sociedade.

En suma, un gran libro para achegarse, a través das palabras e dos textos, a un universo vikingo que aquí se nos presenta cunha complexidade de sentidos e palabras que non é frecuente ver.

Comments are closed.