O sangue das pantasmas: unha viaxe a través da memoria dos espectros

Last updated on 22 / Decembro/ 2020

Imos ter uns meses moi literarios. Se en breve anunciarei a miña nova novela, que estará en marzo nas librarías (a ver se a pandemia non nos dá máis sobresaltos), hoxe toca falarvos dun proxecto moi especial xa dispoñible: O sangue das pantasmas.

Trátase dun texto de autoficción: un pequeno libro editado por Libraría Couceiro e o Festival Atlántica de Narración Oral.

Esta é a sinopse:

Hai anos, confinado nun castelo escocés, pregunteime por que nun país como Galicia, con tantas historias de mortos e aparecidos, apenas coñeciamos pantasmas nos nosos abundantes pazos e casas vedraias. Nese momento comezou unha fascinante aventura cultural na procura dun territorio da imaxinación ben pouco coñecido. E a historia levoume ás sombras de Compostela: ás mansións invisibles, os monstros míticos, os ocultistas decimonónicos e aos espectros que aínda sobreviven nas últimas fisgas da cidade, máis vivos do que parece.

O sangue das pantasmas é unha viaxe a través de libros, memorias familiares e tradición oral á procura de espectros, pero tamén unha procura detectivesca, a partir de rumores, díxome-díxomes e terceiras persoas, na procura dos escasos propietarios que aínda preservan en mans da mesma familia, as mansións aristocráticas e burguesas de Galicia. Toda unha serie de sucedidos na procura de relatos orais, transmitidos por xeracións, que nunca se consideraron, ou que se preferiron ter calados. Aqueles eruditos que compilaban os contos de aparecidos dos labregos e mariñeiros e falaban da ancestral cultural da morte da sociedade campesiña galega, agachaban as súas propias historias de pantasmas aristocráticos e burgueses. Por que?

E este libro  tamén un texto que transita de maneira oculta e deliberada entre a realidade e a ficción, habida conta que cando se mesturan feitos e imaxinacións, sempre gañan estes últimos. O libro móvese entre o biográfico e o colectivo, entre os medos das clases populares e os das clases altas, entre o folclore e a alta cultura europea desde finais do XVIII. Que nos contan as pantasmas sobre nós mesmos?

Trátase tamén dun traballo en progreso. Cando a Libraría Couceiro me propuxo esta edición de agasallo, pensei en adiantar a parte do proxecto máis relativa a Santiago de Compostela, e concibilo como un proxecto que pouco a pouco se irá estendendo, a través de diferentes versións editoriais pero tamén con outro tipo de formatos. É dicir, esta é unha versión 1.0, e a partir de aí -e de acordo a diferentes circunstancias- verémola evolucionar, se apetece. Creo que non podemos concibir os libros xa como compartimentos estancos: da escrita electrónica aprendemos que un texto pode mutar e evolucionar, e creo que debemos asumilo tamén como un novo xeito de concibir a literatura e o ensaio.

E outra cousa: o libro inaugura tamén outra liña, a colección de libros do Festival Atlántica de Narración Oral. Non é habitual que un festival de artes escénicas promova coleccións de libros, pero coma estes, hoxe os festivais tamén van máis alá dos estaribeis. O Festival Atlántica quere prolongar a experiencia do festival, levando ao prelo textos que teñen que ver co ‘adn’ do evento e algúns dos seus espectáculos: a narración oral, as historias enfiadas, os paseos polas cidades. Xa hai outros libros en proxecto, de varios autores. Quero agradecer tamen a Ekinocio o seu bonito deseño do libro.

Agardo que o disfrutedes!

One Comment

  1. […] O Sangue das Pantasmas foi concibido dende a ausencia de traballos que recollan este tipo de historias nos abundantes pazos e casas vedrañas, nun territorio cunha forte tradición de mortos e aparecidos, e a diferenza do que ocorre noutros lugares como Escocia. O libro oriéntase, pois, a trasladar esta tradición oral de bruxas e ánimas ó enfoque das rutas e lugares, nunha dimensión relativamente inexplorada na escrita galega e que o autor define como un texto de autoficción. […]

Comments are closed, but trackbacks and pingbacks are open.