ANACO.Santiago: comezar tres chanzos por riba

Había tempo que non vía un arrinque tan interesante en Compostela. Na Costa de San Domingos, ao carón do Museo do Pobo Galego, abriu en novembro o restaurante Anaco (telf. 981562098) . Non son bos tempos para comezar un negocio hosteleiro (ou ao mellor si), pero o certo é que o equipo comandado por Víctor Lobejón parece que se saltou varios pasos e está bastantes chanzos por arriba do habitual para un proxecto gastronómico deste tipo. Nestes momentos, o seu menú degustación é hoxe por hoxe o mellor en relación calidade-prezo da gastronomía creativa compostelá (en realidade ten dous menús, a 35 e 45 euros). Sen dúbida, indo con tempo e con curiosidade, esta é a opción para poder practicamente degustar toda a oferta en pratos do restaurante.

Elaboracións sinxelas con produtos imbatibles, do mellor da despensa do momento, pero sempre preparados para realzar os sabores básicos a través de . Alcachofas, ou ese tataki de robaliza sobre unha campa de pataca, ao que se lle engade un xerez de 80 anos (atención a este prato), cocochas, un interesante polbo cun kimchi de bertóns ou un xeado de queixo San Simón con trufa -fantástico.

 

A adega é tamén un territorio persoal, con moitas apostas propias do restaurante que fan posible que nos atopemos con viños de latitudes nada habituais nos locais de gastronomía informal da cidade. Como mágoa, esa desgraza que xa se nos vai instalando nos restaurantes de Santiago de instalar a maior parte dos viños por riba dos 20 euros. Pero unha selección moi interesante. Nós probamos un delicioso branco canario, o Trenzado 2019, pleno desas notas volcánicas das illas e con matices que evolucionaron todo ao longo da cea.

En suma, a escena gastronómica compostelá dá sorpresas no ano máis difícil da súa historia recente. Hai que seguir moi de preto a evolución deste proxecto de Víctor Lobejón, que dará moita felicidade ás noites e mediodías compostelás.

Comments are closed.