Como se fixo a ilustración da Asemblea de Melide

Last updated on 7 / Decembro/ 2020

Un fío publicado orixinalmente en Twitter.

Tras a celebración dos 500 anos da Asemblea de Melide, quérovos contar como concibimos esta ilustración feita por Alberto Taracido para o @consellocultura. A ilustración, que amosa un momento da redacción das capitulacións, é a suma de moitas decisións e ideas. Imos aló. 👇

A primeira é a idea xeral da escena: está inspirada na pintura historicista do século XIX. A “pintura de historia” ten un longo percorrido na arte europea, pero no Barroco multiplícase: desde historia clásica ata propaganda das monarquías.

No século XIX engádense novas capas de interese: os novos Estados Nación buscan construír mitos fundacionais e as academias e institución patrocinan estas imaxes. Por iso moitas veces acúdese á Idade Media, buscando unha certa distancia mítica.

Pero tamén desde o XVIII as pinturas historicistas reciben o influxo do liberalismo e da burguesía. E imos ter asembleas, con rostros detallados, e moitas veces, no medio, algún papel. O papel é quen confire lexitimidade, non a familia. ;-)

 

A pintura historicista volveuse aburrida e excesiva. As vangardas reaccionaron con razón contra ela a partir do XIX. Xa non pintaban pasado e, cando o facían, convertíano noutra cousa.

Con todo, a pintura de historia ten o inmenso poder para facer tanxible o pasado. Estas imaxes convértense no arquetipo que define a nosa lectura dos acontecementos, son a base do imaxinario social sobre a historia. Fan que o acontecemento -e unha visión del- sobrevivan.

A ilustración de Taracido quere facernos reparar nunha certeza: os galegos carecemos de imaxes do pasado. Unha significativa parte dos acontecementos que deron lugar a grandes pinturas nacionais aquí non foron pintados. No XIX preferíronse moitas veces os temas costumistas. Por exemplo, as marabillas que facía Dionisio Fierros por volta das décadas de 1850 e 1860. Tiñan un prantexamento e organización propio das pinturas de historia pero eran retratos de costumes.

As salvedades que hai xa nolo din todo. O guardés Manuel Ángel Álvarez, “Ángel” (1855-1921), autor da pintura de historia máis coñecida do país: O Mariscal (1883), ou outras como A morte do trobador Macías (1887).

Os vínculos co galeguismo da época de Ángel estaban claros. Foi moi apoiado polo Centro Galego de Cuba e elaborou a mítica cuberta de O divino Sainete de Curros Enríquez.

Sen embargo, sabemos doutras obras históricas de tema galego que, cando menos eu, non atopo. A morte do Padre Feijóo, sobre os Churruchaos (que tema de moda no XIX!), ou do que debe ser un dos lenzos máis grandes pintados no país, ese Xuízo de Deus que tiña 8 metros de longo!

Sabían perfectamente o que estaban facendo ao promover as Belas Artes (non só a pintura histórica).

Outro autor que debe ser mencionado? Modesto Brocos, que pintou a mítica Defensa de Lugo fronte a Almanzor (1887), adquirida, como non, polo Centro Galego de La Habana ou o case prerrafaelita Las Tradiciones del Apóstol, que se conserva na catedral de Santiago.

Vale, fixádevos que case non temos pintura histórica de colectivos. É moi curioso que se imos a Cataluña, no mesmo periodo si se están a pintar ese tipo de cadros máis “burgueses”, con obras de Alsina (1863) e Estruch (principios do XX), estas últimas auténticas iconas hoxe.

 

Pois estas son as tensións que reflectimos na ilustración de Taracido. Colectivo fronte a individual, imaxe fronte a baleiro, papeis fronte a sangue. Unha ilustración que nos fai pensar sobre como vemos o noso pasado. “Boda en Bergantiños” (1912), de Sotomayor. E máis cousas!

Non sabemos onde se celebrou a Asemblea, pero estas xuntas medievais e do XVI case sempre se celebraban en igrexas. O convento do Sancti Spiritus suma moitos puntos. O Museo da Terra de Melide axudounos a recrear este espazo tal e como podía estar en 1520.

As vestimentas da época foron tomadas de tratados de traxe do século XVI. Aquí temos a apariencia de dous nobres galegos no libro Habiti antichi e moderni di tutto il Mondo, de Cesare Vecellio de finais do XVI.

Do arcebispo Fonseca non conservamos retrato, pero si hai una tradición visual desde o século XIX. Queriamos dialogar con imaxes a través do tempo.

Non houbo mulleres presentes na Asemblea, pero creamos personaxes secundarias nas que agachabamos máis mensaxes. Pola parte de atrás vedes a dúas mozas. Botamos man das ilustracións de galegas dun marabilloso códice do XVI conservado no Museo das Peregrinacións.

O franciscano fai referencia á orde propietaria do convento do Sancti Spiritus de Melide, onde se hospedara Carlos I uns meses antes, de camiño ás cortes de Compostela (no que os nobres galegos xa fixeran unha performance de protesta).

A bandeira de Galicia estanos dando a “clave” na que interpretar o acontecemento que presenciamos. Empregamos a representación do reino nas Exequias de Carlos V en Bruxelas (1558).

E, por último (por fin!), as nenas. Participantes non convidadas, espreitan o que fan os maiores con curiosidade e atención. Chámannos a atención sobre o futuro. Sobre unha semente, que máis agochada ou menos, non deixou de existir nunca, ata hoxe.

Máis nada. Convídovos a visitar o especial que fixemos, con moitos contidos: . Todo isto cóntoo (en 10 minutos) neste vídeo: (consellodacultura.gal/especiais/asem…)

A todo isto, acábome de decatar de que Brocos pode que se inspirara no sepulcro do Conde Santo, en Lourenzá, para a Arca Marmorica do Apóstolo. O cadro pintouno en Roma en 1897, así que tamén puido ver outros sartegos paleocristiáns. Pero

Comments are closed.