Xa podes descargar o póster “As lendas do río das Pedras”

Esta fin de semana celebramos as xornadas “A Pobra do Caramiñal no tempo”. Imos na súa terceira edición e, como é habitual, sempre se agasalla os asistentes (e a todos os veciños do concello que o queiran) cun póster no que recreamos algún aspecto do patrimonio cultural material ou inmaterial da Pobra do Caramiñal. Desta volta, estamos encantados co resultado. En colaboración co ilustrador Miguel Robledo -sen dúbida unha referencia no ámbito da imaxe en Galicia- producimos un póster titulado “As lendas do río Pedras”, que recolle as historias deste emblemático canón fluvial da serra do Barbanza.

É unha pequena marabilla na que recreamos cinco historias de tradición oral recollidas no canón dos ríos Pedras e Misarela. Aquí vai o texto que escribín para a súa presentación.

O río das Pedras e os seus afluentes o Misarela e o Barbanza son as veas da memoria oral da Pobra do Caramiñal. Na escasa lonxitude que leva desde a ría de Arousa ata o corazón da serra do Barbanza, o río reúne numerosos elementos do patrimonio cultural pobrense, tanto material -cruceiros, pasais, conventos, muíños, eremitorios, pontes, petróglifos, centrais hidroeléctricas, aldeas- como inmaterial, a través de numerosas lendas. Pero o río das Pedras é algo máis. Para as últimas xeracións de pobrenses, o río xa non é o antigo lugar dos traballos agrarios, senón da descuberta da vida e da natureza na infancia e na primeira mocidade. O vello río garda o recordo dos primeiros amores e das amizades máis vivas. Así, as antigas lendas mestúranse coa nosa memoria persoal. Esta ilustración a cargo de Miguel Robledo, un dos mellores artistas gráficos do país, quere honrar ese territorio e contribuír a que ese legado inmemorial continúe por moitas xeracións máis.

No web do concello podedes descargar o póster completo, coa explicación das lendas.

En twitter fixen un fío explicando as lendas e algunhas cuestións adicionais.

Comments are closed.