Compostela Conspiradora: unha reivindicación doutras cidades

No marco da Semana do Libro de Compostela, e dentro dos roteiros organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, teño a honra de organizar un roteiro que ofrece unha lectura distinta e pouco habitual da cidade. Non sei como me sairá, pero asegúrovos que preparándoo divertinme moito. Detrás da idea dos roteiros que ás veces organizo en Compostela está a de complementar outros discursos que, por mor do turismo, corren o risco de converter a cidade nun monocultivo peregrino. Pero non se pode comprender mesmo o propio feito do Camiño de Santiago sen entender a cidade como unha peza fundamental da presenza de Galicia ao longo da historia medieval e posterior e a cidade como un importante axente de poder. Así que esta é un roteiro que se mergulla precisamente nos elementos soterrados e silenciosos da historia da cidade. Aquí vai a sinopse. Podedes inscribirvos (obrigatorio) no correo electrónico que poño abaixo.

VENRES 16 DE OUTUBRO DE 2020, ás 18 horas.
A Compostela Conspiradora

Santiago de Compostela non é só un apacible destino espiritual. Ao longo da súa historia, a cidade xogou un importante papel como actor político do poder…e do contrapoder. Este roteiro explora os escenarios nos que se desenvolveron as tramoias (máis ou menos) discretas coas que os poderosos, grupos de presión, sociedades secretas e revolucionarios de toda facción tentaron influír nos destinos deste reino (e doutros). Teremos de todo, como en botica: revoltas, invasións, asasinatos, complots, atentados, montaxes, conxuras e un amplo mostrario de maquiavelismos. Unha partida de xadrez que se leva xogando no taboleiro urbano de Compostela durante máis de mil anos.

Punto de saída: Igrexa de San Fiz de Solovio.
Inscrición obrigatoria en selic@santiagodecompostela.gal

Comments are closed.