Eloxio da distancia

Xantar en Casa Chelo (Arzúa). Foto: Sole Felloza

Primeira das dúas colaboracións da columna “A mesa dos inocentes” publicadas no suplemento Gozar de Nós Diario.

De nada gostamos máis neste país que de combinar unha boa rodada de quilómetros cun xantar memorable. Nos divertidísimos (e imposibles) roteiros literarios manuscritos que Ramón Otero Pedrayo argallou para Silvio Santiago, os xantares (e os segundos ‘desaúnos’, coma nunha aventura hobbit) ocupan case tanto como as notas culturais. Cando aínda se fumaba, un amigo demostrábame que todo o que faciamos na vida -e digo todo- era por fumar. Pois o mesmo.

No fondo, todos arelamos esa escena que é moito máis que o lugar común dos libros e videoxogos de fantasía: chegar a unha pousada acolledora logo dunha longa xornada por camiños húmidos, e que nos sirvan unha boa xerra de bebida e un prato de comida fumegante. E haberá quen agarde tamén por un atractivo e afouto Aragorn bebendo nun recanto, aínda que iso é bastante máis improbable que dar cun bo perol de callos.

En Galicia temos unha boa lista de pousadas deste tipo, ás que teño chegado tras pasar fríos e cansazos. Casa Guillermo, en Santo André de Logares n’A Fonsagrada onde comemos os mellores cocidos do país despois de gabear sendas de castros intactos; o Lusitano de Lobios, no que se afronta o arroz de corzo despois de relaxarse nas pozas do Riocaldo, ao pé da vila romana (agora que non nos le ninguén, déixolles a opción canalla: cear primeiro e logo acudir a media noite ás termas); Casa Cándida, no Viveiró de Muras, onde chegamos aterecidos, enchoupados e alucinados tras longas horas cos pés na máxica turba do Xistral.

Pero eu aínda estou na procura do mellor refuxio gastronómico do país. Un lugar ilustrado no que haxa un confortable lume prendido, o viño chegue fresco en xerras de Gundivós, os libros gastronómicos se apilen en dubidoso equilibrio, a adega tamén garde viños toscanos e as receitas tarden tanto en se elaborar coma os soutos en prosperaren. No meu acubillo arelado os desafinados botámonos a cantar e sempre nos agarda unha cama á que levar a felicidade acadada. Sigo na procura. Prometo terlles informados.

Comments are closed.