Cando unha paisaxe volve falar

O castelo de Portomeiro desde o aire. Foto: José Manuel Costa

O 27 de marzo de 2010 publiquei unha historia en Capítulo Cero sobre o fascinante castelo de Portomeiroo fascinante castelo de Portomeiro. Chegara a el a partir dunha minuciosa disección do territorio ao carón de Santiago na procura de castelos de época tardoantiga e altomedieval. O que nos atoparamos no alto de aquel monte de Val do Dubra era un recinto moi afectado por obras e prantacións, pero que aínda así, sorprendentemente, permitía observar numerosas estruturas en superficie. Os blogs non só son espazos de publicación, senón espazos de conexión. Aquel post valeu para espertar o interese de Mario Fernández Pereiro, o estudante de doutoramento que posteriormente elaboraría a primeira tese de doutoramento de Galicia sobre a arqueoloxía das fortificacións tardoantigas e altomedievais. Anos despois, Mario Fernández volvería a Portomeiro para realizar esta intervención arqueolóxica que conto aquí. Baixo a dirección científica de José Carlos Sánchez Pardo e a asistencia tamén do arqueólogo Fran Alonso Toucido, de Tempos Arqueólogos, realizaron unha intervención destinada a comprobar que podía estar gardando esta fortificación. Esta reportaxe é froito de pasar con eles unhas cantas horas na intervención.

Publicado orixinalmente en culturagalega.gal o 9 de xuño de 2020

Ao carón de Compostela hai unha paisaxe oculta e perdida no tempo. Toda ela xira ao redor do río Tambre, nun fermoso e moi pouco coñecido canón que comeza na Ponte Albar (entre Trazo e Santiago) e remata na de Portomouro (Val do Dubra). Entre plantacións de eucaliptos, canteiras, encoros hidroeléctricos, minas e concentracións parcelarias sobreviven case de milagre unha serie de testemuñas dun mundo perdido entre a Antigüidade tardía e a Idade Media, ata agora nunca interpretadas no seu conxunto. A escavación no Val do Dubra do castelo de Portomeiro, unha fortificación excepcionalmente ben preservada no corazón desta paisaxe, por parte do grupo Síncrisis da Universidade de Santiago de Compostela, está a revelar a viveza dunha época decisiva para a historia do país.

Unha boa parte do que Galicia é hoxe en día débese a un período que segue a ser moi pouco coñecido. Desde a fundación do reino de Galicia por parte dos suevos ao final do Imperio Romano ata os importantes cambios políticos derivados da irrupción do poder musulmán na Península Ibérica, as fundacións monásticas e novos poderes feudais ou o nacemento da rede de parroquias do país na Alta Idade Media. As fontes históricas escritas son escasas e a historiografía sobre a época prestou máis atención a outros territorios ibéricos. Pero nos últimos anos, a arqueoloxía está facendo que as pedras e os xacementos conten o que non chegou a través dos pergameos, e redescubrindo as trazas que ese dilatado período de seiscentos anos deixou no país.

A paisaxe calada

José Carlos Sánchez Pardo, profesor na Facultade de Historia da USC e director científico da intervención, sube ao alto dun penedo, no castelo de Portomeiro, e comeza a sinalar percorrendo a maxestosa paisaxe. “No centro está o Tambre, que xoga un papel moi importante na Idade Media como delimitador pero tamén como axente económico e referente. Da outra banda do río, ves alí enfronte Castro Maior, no que foron localizados materiais da Antigüidade Tardía ou da Alta Idade Media, e que cremos que pode estar conectado de algún xeito con Portomeiro. E desta banda do Tambre, na ribeira, atopábase o mosteiro de Novais, que explotaba pesqueiras. E aos pés do castelo os veciños nos falan de continuamente de pontes e zonas de paso do río”. E aínda poderiamos dicir máis: indo máis alá do que permite a vista, aos pés de Castro Maior, está a mota do Lamascal, unha fortificación terreira medieval e, de novo desta banda do val do Dubra, no moi lonxe de Portomeiro, atópanse os sartegos escavados na rocha da Pedra do Home, tamén do tempo altomedieval. Por que se dá esta singular concentración de restos desta época?


Sondaxe superior en Portomeiro. Foto: Sole Felloza

Esta é a pregunta que se fan os arqueólogos, na procura dunha chave que axude a entender o por que desta paisaxe ao redor do Tambre. E todo está por facer. As xornadas pasadas por este xornalista na escavación de Portomeiro permite comprender como se constrúe ese coñecemento arqueolóxico. Os membros do equipo formulan continuamente conxecturas e hipóteses en voz alta, interpretando todo o que lles vai aparecendo entre as estruturas que emerxen, os materiais que desenterran e a paisaxe que observan ao seu redor cando fan un descanso. Moitas das ideas entran dentro do campo do especulativo e discútense informalmente, algunhas dialogan con publicacións recentes doutros investigadores ou se expoñen de maneira informal aos colegas que veñen de visita. Nas escavacións arqueolóxicas as ideas corren de maneira moito máis frenética do que o ritmo de traballo, meticuloso e moi concreto, podería facer pensar. Algunhas das hipóteses iniciais vanse descartando ao cabo dos días, conforme as estruturas e os materiais falan cada vez de maneira máis clara, e comezan a emerxer novas preguntas que non poderán ser contestadas polo momento. Só un pequeno conxunto de interpretacións cristalizará, dentro dun tempo, nos informes e artigos que estes científicos publicarán sobre o castelo, tralo o estudo sosegado en laboratorio de todos os datos.

Durante a primeira semana de xuño, o equipo arqueolóxico gabeou a diario as fortes pendentes que conducen ao castelo de Portomeiro, un outeiro granítico de grandes penedos cinguido por unha muralla de pedra derrubada. A primeira vez que Mario Fernández Pereiro -outro arqueólogo do equipo e autor da primeira tese publicada en Galicia sobre as fortificacións deste misterioso período- subiu ao Castelo, decatouse de inmediato que non encaixaba na definición habitual dos castros. Porque ata ese momento, nos rexistros oficiais e na bibliografía, Portomeiro era un xacemento da Idade do Ferro. Porén, canda a gran presenza de fragmentos de tégula (a tella plana que chega a Galicia en época romana) e tella curva, apreciaron un gran número de construcións rectilíneas que aparecían xa, a simple vista, na superficie. Todo isto era moi singular na arqueoloxía galega. Fernández-Pereiro xa escavara en 2018 xunto con outro dos arqueólogos do equipo de Portomeiro, Francisco Alonso Toucido, outra fortificación en altura con paralelos a esta: o Faro de Budiño, no Porriño.

Os dous tempos

Os arqueólogos prantexaron tres sondaxes sobre o terreo. No primeiro momento dirixíronse a unha singular estrutura ben conservada e que sobresaía, entre os derrubes de pedras: unha porta na muralla. Desvelaron o lenzo de muro que a rodeaba, cun tipo de paramento pouco frecuente. Atoparon unha estreita pero sólida porta presidida por dúas grandes laxes a modo de xambas. A sondaxe permitiu observar que a entrada estaba abucinada, é dicir, ancheábase cara o interior, cunha intención claramente defensiva. O segundo dato foi un intrigante detalle que marcaría a pauta de toda a semana. A muralla fora construída sobre un derrubo anterior, revelando da existencia de cando menos dúas fases de uso deste singular espazo. Pero de que se trataba? Dun castro? Neste modelo dixital da sondaxe podes coñecer os principais datos obtidos na porta.

Ese dobre momento ten especialmente intrigado ao equipo arqueolóxico. A maior parte das estruturas escavadas nas tres sondaxes deron lugar a moitos materiais arqueolóxicos, sobre todo anacos de cerámica, de época altomedieval. “Entre o século VIII e IX”, atrévese a precisar Mario Fernández Pereiro. Ao principio dubidaron algo: curiosamente, a cerámica altomedieval galega parécese moito á da Idade do Ferro, do tempo dos castros. Os arqueólogos tomaron numerosas mostras que permitirán datar con máis precisión os achados. Pero por baixo dese nivel había algo máis.


Sondaxe nun gran edificio. Foto: José Manuel Costa

Puidérono observar noutra das sondaxes. Acometeron un estremo dun gran edificio rectangular que empregaba os grandes penedos como paredes dos estremos. Cando comezaron a retirar a terra, comezaron a aparecer as tellas. As típicas tellas curvas do país, chamadas ímbrices. Ao retiraren o derrubo de pedra das paredes e comezaren a escavar no chan da estancia, atoparon por baixo dos muros altomedievais numerosos fragmentos de tégula, a tella plana que chegou a Galicia con Roma e que foi usada durante bastantes séculos no país. Algúns fragmentos de cerámica romana apuntan a unha cronoloxía desta época, pero o nivel, polo momento, aparece como unha pantasma arqueolóxica, pouco tanxible. “Curiosamente no Faro de Budiño tamén temos dous momentos”, comenta Mario Fernández, “un nivel altomedieval cun gran edificio e un anterior, de época tardo antiga”. Nas tres sondaxes realizadas polo equipo repítese a mesma pauta: parece que os construtores do castelo prepararon a terra para construíren os edificios, e ao facelo botaron man de materiais dunha ocupación anterior da que polo momento non foron localizadas estruturas.


Tégulas por baixo dos muros da sondaxe. Foto: Manuel Gago

A conexión coa memoria

Por iso os arqueólogos ficaron moi sorprendidos cun detalle chegado da tradición oral da aldea de Portomeiro. Durante toda a semana, os veciños subían continuamente para coñecer a intervención. Moitos deles non volveran ao alto do monte desde nenos, cando xogaban a buscaren o ouro dos mouros do que falaban as lendas dos seus maiores nas numerosas e labirínticas espenucas. Entre a escoita atenta ás explicacións, os veciños deixan pequenos tesouros da memoria e da toponimia. Algúns deles dan datos aparentemente moi precisos. “Os mouros metíanse aquí arriba e disparaban contra os de fóra. Ata que viñeron uns de Santiago e botáronos”, contoulles o propietario da finca. Outra das historia chegou cando o equipo xa sospeitaba que en Portomeiro había dúas fases distintas, e ten especialmente intrigado a José Carlos Sánchez Pardo, director científico da intervención. “Os veciños comentaron que o castelo fora habitado por dúas veces”, comenta con sorpresa. A cuestión é que este outeiro fortificado foi abandonado hai aproximadamente mil anos. Os camiños da memoria son difíciles de comprender.

Unha planificación meticulosa


Algunhas das estruturas apreciables a simple vista no castelo de Portomeiro. Elaboración propia a partir da fotografía de José Manuel Costa.

Mario Fernández Pereiro camiña lentamente cun GPS polo medio do recinto sen excavar. Parece un peregrino cun báculo parlante, que vai dando avisos en inglés. Cada unha desas voces é un rexistro no sistema dos muros que son visibles a flor de terra sen necesidade de intervención arqueolóxica. Os muros percorren o xacemento debuxando grandes áreas rectangulares e estancias. A pantalla do GPS comeza a compoñer, como nun cadro puntillista, unha estrutura a partir de todos os rexistros tomados. Fran Alonso Toucido teno claro: “aquí hai unha planificación conxunta de todo este espazo. Alguén deseñou todo este recinto dunha vez”. A diferencia dunha aldea, ou un castro, que vai medrando aos poucos, todo o castelo parece organizado baixo un patrón común.

Os arqueólogos que escavan en Portomeiro móvense nun terreo descoñecido. O coñecemento arqueolóxico de espazos desta época altomedieval en Galicia é moi reducido. Pero as estruturas que aparecen en Portomeiro falan dun tipo de edificios inéditos ata o momento para esta época no país, amosando que o coñecemento das fortificacións galegas da época é aínda moi reducido. E están construídos por algún poder do que polo momento non hai referencias máis precisas. Un poder interesado no control do río e nos seus pasos pero se cadra tamén en máis cousas. “O castelo está aquí tamén por isto”, afirma Mario Fernández, sinalando a vizosa e extensa planicie agraria na que se asenta Portomeiro e que se domina desde a muralla.

Na Alta Idade Media galega todo parece ser moito máis dinámico do que se podería imaxinar, e a arqueoloxía está a conectar nos últimos anos unha manchea de evidencias dispersas, que ata agora carecían dunha narrativa histórica que lles dera sentido. “Cando en Síncrisis realizamos o proxecto Emchahe, para investigar as igrexas altomedievais galegas”, lembra José Carlos Sánchez Pardo, “puidemos documentar restos de templos altomedievais en moitísimos sitios de toda Galicia, máis alá dos clásicos. A densidade de igrexas é superior á doutras zonas do noroeste ibérico como Asturias, nesa época, e iso está querendo dicir algo”. Xunto coas igrexas, estes vellos e descoñecidos castelos parecen formar parte desta mesma historia. A da vertebración de territorios, comunidades e poderes que configurarán en gran medida a Galicia que chega ata hoxe. Esta paisaxe ausente do Tambre parece ter gañas de contar esta historia.

Comments are closed.