Reinventar a cultura

Artigo publicado orixinalmente no Faro de Vigo o 2 de maio de 2020.

Levamos varias semanas escoitando a políticos e intelectuais afirmar que nada vai ser igual despois da pandemia. Porén, ninguén é capaz de explicarnos que vai cambiar en concreto. Recoñezo que é imposible adiantalo: vivimos unha historia que aínda non ten final e tampouco sabemos se vai ter epílogo, ou mesmo segunda parte. Pero por experiencia e porque xa está a acontecer, estou seguro do seguinte: uns e máis outros van tentar aproveitar o momento para endosarnos receitas de todo tipo que xa tiñan en carteira ben antes de infectarse o primeiro pangolín. Iso si, para despistar virán camufladas dentro de luvas e máscaras.

O estado de alarma revelou no ámbito da cultura a enorme solidariedade dun sector de traballadores en precario que entregou de balde o caro e valioso froito do seu traballo para o goce da poboación confinada: libros, filmes, música, contos, teatro. Fíxoo sen pensar, por implicación, inercia e contaxio. Tamén revelou unha certa inxenuidade que non é esperable nun colectivo que reivindica a súa relevancia económica e estratéxica. Outros sectores pensárono máis; nin se lles ocorrería entregar de balde os seus activos nestes momentos. Imaxinen os nosos pequenos produtores, agricultores e gandeiros facendo o mesmo. Sobre todo cando eses activos leváronse non a un territorio de escasez, senón ao opulento almacén de contidos que é Internet.

Nas mesas de negociación, cando nos veñan con vellas receitas camufladas tras unha máscara, a postura nunca debera ser só a de mendigar a supervivencia.

Agora ben, a clave da cultura é que non é un sector económico calquera. A infraestrutura de produción é moi barata. O seu recurso máis valioso é o capital humano. E iso explica a súa abraiante capacidade de reacción e adaptación á crise sanitaria e o confinamento. Neste mes estamos vendo nacer formatos de ficción, de entrevistas e encontros, teatro a través de aplicacións de videoconferencia, contacontos en cadea, relatos colectivos, todo tipo de visitas virtuais a museos e institucións, videoxogos, cadeas de memes, cursos e obradoiros de todo o imaxinable. E o que é mellor: moitas destas iniciativas, malia o meu escepticismo inicial, teñen un notable éxito de audiencia e chegan a novos públicos. Si, o sector da cultura pode ser inxenuo cos cartos, pero revela un impresionante dinamismo e capacidade de adaptación ás novas realidades e hábitos de consumo cultural. A cultura é, por definición, innovación: trae de serie sensores que detectan o latexo dunha sociedade, como esta se transforma. Non só vale para entreternos ou facernos máis ‘críticos’. O seu valor final é ser o cemento dunha sociedade, a capa que nos constrúe e nos vertebra. Fronte ás frías cifras estatísticas económicas ou sociais, a cultura fai que nos poidamos explicar como colectivo e como individuos. Nestes momentos, a cultura axúdanos a comprender o que nos pasa.

Non sabemos que quedará de todo isto dentro dun tempo. Pode que as nosas pantallas sigan acollendo, como agora, centos de pequenos eventos producidos por creadores onde antes só chegaban as series de Netflix; e pode que os museos galegos consigan, por fin, os fondos para mellorar as súas depauperadas webs e manter ese notable incremento de público dixital destes días. Pero nas mesas de negociación, cando nos veñan con vellas receitas camufladas tras unha máscara, a postura nunca debera ser só a de mendigar a supervivencia. Hai que presionar as administracións para que atendan o gravísimo problema económico, inmediato, ao que se enfronta o sector, pero o horizonte debe ser máis ambicioso: afortalar os novos valores de dinamismo que o sector acaba de demostrar. Debemos reiventar a cultura para o futuro e non ficar cautivos da miseria do presente.

Comments are closed.