Cando Europa se mira do revés

Estes días tiven a oportunidade de poder ver a interesantísima conferencia do catedrático de Prehistoria da Universidade Complutense de Madrid Gonzalo Ruiz Zapatero sobre os celtas na Península Ibérica, na web da Fundación Juan March. Esta entidade, por certo, ten unha amplísima colección de conferencias en aberto con expertos de primeiro nivel en diferentes disciplinas científicas que son unha absoluta delicia para quen queira aprender.

Ruiz Zapatero presentou a conferencia como unha panorámica á presenza de diferentes pobos de raíz celta ao longo da Península, presentando as súas características máis singulares e baseándose na ampla colección de evidencias científicas colleitadas a partir de moitas décadas de achados arqueolóxicos. Como é evidente, presta unha enorme atención aos celtíberos, que son o conxunto de pobos cos que el máis ten traballado. Aspectos como o ciclo agrícola, a cultura funeraria, a territorialización, a etnoxénese dos pobos… A partir do minuto 1:02:40, xa mal de tempo, Gonzalo Ruiz Zapatero dedica só sete minutos á Idade do Ferro do Noroeste peninsular, pero son dos sete mellores minutos nos que se ten falado dos castros do noroeste. Sobre todo, porque Ruiz Zapatero é capaz de ofrecer unha visión que eu teño que dicir que raramente teño visto en Galicia. Ao facelo, Ruiz Zapatero desvela os silencios e as ópticas truncadas coas que miramos o noso pasado, profundamente reduccionistas e localistas.

Ruiz Zapatero achega a seguinte idea: “reintegrar a cultura castrexa na Idade do Ferro de Europa”. O catedrático denuncia que a cultura castrexa do Noroeste estivo “secuestrada”. “Quíxose sinalar que esa cultura castrexa pertencía sobre todo a unha etapa moi tardía, case de época romana, e só nos últimos anos estamos tentando recuperar unha Idade do Ferro e uns grupos castrexos que chegan ata o Bronce final”, explica o arqueólogo. E unha clave para esa reintegración está, na súa ollada, cara o mundo atlántico e as redes culturais tecidas na Idade do Ferro nese mundo. Pero aquí presentou unha imaxe que desde entón me ten fascinado e intrigado.

Recolle a idea do gran arqueólogo inglés Barry Cunliffe, quen ten explicado en numerosas ocasións estas redes que conectan o mar atlántico, a través dunha idea desafiante. Collan un mapa de Europa e déanlle a volta, e verán como todo se transforma. Europa convírtese nunha península que se adentra nun gran mar que a rodea. O Mediterráneo deixa de ser un espazo central, é apenas un estremo desde gran mar. E, sorpresa, ocupando o espazo central, definindo o eixo que artella as dúas partes de Europa, nunha encrucillada de camiños de auga, atópase Galicia. Cando observamos así o mapa revélase de súpeto o que somos. Pasamos de periferia a un espazo distinto, só comprensible a partir dese lugar central.

Os mapas non son inocentes. O seu gran éxito está en que parecen precisos, algo obxectivo, definido matematicamente, pero en realidade representa concepcións culturais e visións do mundo. Se cadra hoxe en día sexa moi complicado prantexar mapas nos que o sur está ao norte e viceversa, pero un pequeno exercicio coma este ten unha enorme capacidade para desafiarnos e facernos pensar sobre a posición de Galicia no mundo.

Comments are closed.