Como se fixo ‘Galicia, un relato no mundo’

Last updated on 31 / Marzo/ 2020

Publicado orixinalmente en culturagalega.gal (18/11/2019)

O xoves 14 de novembro inaugurouse na Cidade da Cultura a exposición Galicia, un relato no mundo, que abriu a semana pasada as súas portas ao público xeral. A exposición, primeira das tres grandes mostras do Xacobeo21 que organiza a Consellería de Cultura e Turismo, conta con máis de trescentas pezas, un percorrido de dúas plantas e numerosos obxectos audiovisuais e interactivos que a converten nun complexo proxecto cultural no que participaron máis de cen persoas. O seu comisario, Manuel Gago, explica algunhas das claves do proceso de creación da exposición.

Por onde se comeza cunha exposición destas características?
Desde o momento mesmo de que te propoñen a realización dun proxecto deste tipo a túa cabeza comeza a pensar enfoques. Precisas atopar unha clave, unha pauta que marque a orde da narrativa expositiva, que organice todo e sobre todo, poña os límites. No caso desta exposición, o tema non era nada doado. É tan amplo que había que ser conscientes de que calquera elección significaría deixar fóra outros posibles camiños.

O segundo punto de partida para min era o espazo. Unha exposición é unha experiencia física. Se non incorporas volumes, dimensións e metros cadrados á idea da exposición desde o primeiro momento, corres o risco de crear algo irreal, xenérico e por lo tanto sen personalidade. Obviamente, aínda que non é o caso de Galicia, un relato no mundo, o concepto de exposición itinerante é lexítimo e necesario. Pero hai que pensalas doutro xeito. A situación ideal é harmonizar espazo e discurso narrativo desde o primeiro momento.

No caso da Cidade da Cultura pasoume algo curioso. A primeira vez que vin os espazos con ollos de comisario, cando me fixei nesas dúas plantas, asusteime. “A ver como fago para encher isto”, pensei. A segunda vez que volvín a sala, rinme para dentro. “Non me cabe”. A partir de aí foi cando comezamos a afinar coa oficina técnica da Cidade da Cultura e as técnicas do Museo.


Montaxe do ‘boliche’ na zona de Memorias. Foto: Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura

E cal foi a pauta que atopaches?
Esencialmente, a pauta foi construílo a partir do que poderiamos chamar sentidos da experiencia. Temos diferentes niveis da percepción da nosa relación, como individuos cunha identidade ou identidades colectivas, co resto do mundo. O nivel máis próximo son as nosas vidas, o presente que vivimos; despois están as memorias, o recordo familiar da relación co mundo, que en Galicia é sobre todo a emigración; logo está a historia, que é a memoria construída do pasado cun sentido colectivo; e ao final están os mitos, as narrativas que, de maneira simbólica, nos dan os grandes trazos do imaxinario social en relación ao mundo, traducido a feitos máis ou menos fantásticos. O sentido de circulación na exposición é ao revés do que estou enunciando: imos desde os mitos, o nivel máis de ensoñación, e rematamos coas nosas propias vidas. Hai que dicir que para elaborar esta exposición houbo un diálogo constante co excelente equipo de asesores científicos, cos que traballei moito para dar forma a unha narrativa atractiva das novas visións sobre a nosa historia.

Outro aspecto importante é a densidade da información. Unha exposición de dúas plantas, por definición, require bastante tempo para ser vista. A segunda planta ten un relato máis lixeiro, máis próximo e máis recoñecible pola nosa memoria familiar, porque nos conecta con historias da emigración que coñecemos das nosas familias. Facilita a viaxe cando xa podes ter certo cansanzo físico e mental.

Como se deciden as obras que teñen que vir a unha exposición como esta?
Pois é unha combinación de factores, pero eu tendo a pensar cada obra como unha palabra dun texto, é dicir, cada peza debe xogar unha función case gramatical ou sintáctica no discurso xeral da exposición. E, ao mesmo tempo, debe poder ser vista e contemplada individualmente. Interésanme que as pezas teñan todas unha historia de seu, pero que encaixen á perfección no discurso xeral.

Para chegar a esta selección de 320 pezas barallei máis de 700. A partir de aí fóronse realizando procesos de descarte sucesivos: os primeiros unicamente meus en colaboración co equipo de asesores científicos e os colaboradores da exposición, e os seguintes xa en diálogo co equipo técnico do Gaiás. Tiñamos xuntanzas nas que sopesabamos cuestións ao redor da loxística, custes de transporte, problemas de musealización ou dificultade das xestións. Non hai que terlle medo a descartar: é parte do proceso de traballo, pero recoñezo que adoitan ser decisións difíciles.


O Libro das invasións e o ‘correo’ do Trinity College de Dublín, antes da instalación en vitrina. Foto: Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura

Como é o proceso de conseguir obras moi relevantes?
É un proceso complexo que se basea en dous eixos: por unha banda, a negociación institucional, e por outra a técnica. No caso da primeira, é o comisario quen comeza os contactos e as negociacións. A institución propietaria ten que ficar convencida da solvencia, seriedade e credibilidade das institucións solicitantes e, especialmente no caso das pezas de gran valor, o obxecto debe encaixar ao milímetro no discurso expositivo. É dicir, deben entender con moita claridade por que se solicita unha peza. Só así eles poden xustificar, moitas veces, o seu préstamo, porque un préstamo non deixa de ser un risco; a maior parte das peticións para determinadas pezas adoitan ser rexeitadas por motivos deste tipo. Aquí a negociación é longa e require tamén de moitísimo traballo, atención, intercambios, ás veces varias xuntanzas por videoconferencia… Este é un proceso no que un comisario se debe dotar de paciencia, man esquerda e ter moi clara a complexidade e contexto de cada obra peticionada para tocar as teclas axeitadas. Hai que botar man de contactos e complicidades por todo o mundo, saber a quen chegar.

Por outra banda, temos que ofrecer garantías en canto ás condicións ambientais, lumínicas e de seguridade da sala e da vitrina na que vai estar ubicado o obxecto. Estamos falando de informes técnicos moi precisos para entidades que en moitos casos piden condicións diferentes. Esta negociación lévase durante moito tempo e é esencialmente unha discusión moi delicada entre as técnicas do Museo Gaiás e os das entidades prestadoras, e son estes técnicos os que moitas veces teñen a última palabra: restauradores, conservadores… Se os conservadores da institución cedente non o ven claro, a peza non se adoita deixar. E teñen a última palabra mesmo ata chegar a sala con ela. O ‘correo’, que é como se lles chama informalmente aos técnicos das institucións prestadoras que traen a obra ata Compostela desde todo o mundo, poderían ter a peza na man, diante da vitrina, e decidir no último momento volver con ela para casa. Así que vos podedes imaxinar o milimetrado que ten que estar todo ese proceso para evitar sustos. E o que respiras cando finalmente se sela a vitrina coa peza dentro! Afortunadamente, non tivemos ningún problema.

O traslado de todas estas pezas…
O traslado é complexísimo. En moitos casos, ademais, a empresa de transporte, Feltrero, especializada en movemento de obras de arte, vai previamente a inspeccionar a obra para corroborar as medidas e o estado de conservación (sobre todo no caso de ser dunha colección privada). Hai que ter en conta que moitas veces cómpre preparar caixas e embalaxes específicas para as pezas. E despois chégase a negociar absolutamente todo. En que posición debe ir a peza? En que tipo de vehículo? En moitos casos, as institucións cedentes só permiten facer un único voo, sen transbordos, e iso significa que, se non hai voo directo a Compostela, as pezas chegan ao aeroporto pactado e de alí son trasladadas o antes posible en camión a Galicia a unha velocidade máxima de 90 km/h, co ‘correo’ aínda sen descansar ata chegar aquí. Nalgúns casos, como o Guerreiro de Lesenho, a peza tivo que vir escoltada desde Lisboa pola Guardia Nacional Republicana ata a fronteira galega, e de aí, coa Policía Nacional ata a entrada no depósito da Cidade da Cultura.


O equipo de Xoia Software instalados e instalando a Mesa interactiva do Camiño de Santiago. Foto: Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura

Esta é unha exposición na que se combinan numerosas linguaxes.
En efecto, unha clave de Galicia, un relato no mundo é que prantexabamos un diálogo moi intenso entre a montaxe expositiva, a gráfica e a tecnoloxía. A montaxe é a materialización da disposición de obxectos, muros, iluminación e tránsito dos visitantes, e os arquitectos da oficina técnica do Gaiás traballaron para construír unha pauta tamén común que acompañara e dera coherencia a unha exposición de pezas moi diversas. A gráfica, realizada polas deseñadoras de Ekinocio, ía máis alá da presentación de paneis. Realmente foi un traballo de creación de todo un sistema de navegación e de deseño da información: debían conseguir que a exposición puidera ser comprendida con facilidade polos usuarios, que tiveran unha percepción da súa posición e da área, así coma do tipo de contidos que se atopaban diante. Dabían conseguir que a exposición fora ‘autoguiada’. Como comisario, gústame que un visitante poida acceder a un nivel satisfactorio de información en sala.
E logo está a tecnoloxía, que foi desenvolvida por Xoia Software, e que ubicamos no corazón da experiencia ou da visita. Basicamente loitamos contra o concepto das exposicións que parece que lles obrigan a ter algún elemento tecnolóxico ‘porque é moderno’. Nós partiamos doutra premisa: a tecnoloxía está no corazón da propia exposición, é parte da lóxica expositiva. Nós empregamos a tecnoloxía para conectar obxectos ás veces moi distanciados no tempo e no espazo co visitante, como unha estratexia máis de crear empatía, contacto e vínculo. En función das necesidades de cada peza ou conxunto de pezas, escollemos distintos sistemas tecnolóxicos ás veces moi distinto, na consciencia de escoller aquel máis acaído para contar a historia que queriamos contar. Algunhas das tecnoloxías, como a realidade aumentada, son máis habituais en museos. Noutras, como a hiperrealidade, que é a nova xeración da realidade virtual, ou o uso do corpo como interfaz a través de sistemas de detección de presenza, xa non son tan habituais neste tipo de exposicións. Todas tiveron desenvolvementos técnicos específicos para Galicia, un relato no mundo.


O comisario repasando a exposición co gabinete de didáctica da Cidade da Cultura. Foto: Manuel G. Vicente / Cidade da Cultura

E logo chega a montaxe…
Recoñezo que a montaxe en sala é dos momentos máis interesantes que te podes atopar no desenvolvemento dunha exposición. Aí tómase contacto con profesionais da montaxe que están acostumados a traballar baixo presión e buscar alternativas a calquera problema. No noso caso, a empresa Daexga desempeñou un traballo excelente, coordinando a profesionais de historia da arte e restauración que documentaban exhaustivamente todas as pezas, con carpinteiros, electricistas, pintores…Será porque eu son moi torpe cos traballos manuais, pero eses días a min parécenme miragreiros, porque estes profesionais son capaces de resolver todo tipo de problemas de exposición. En todo caso, nunha exposición destas o traballo non remata na montaxe: seguiremos en fase beta durante un certo tempo. Por exemplo, facemos observación participante en sala cos visitantes para examinar como usan os interactivos, e a partir de aí realizamos cambios de programación, na interface, para mellorar a navegación e o seu uso. Os sistemas tamén incorporan estatísticas de uso que nos permiten facer axustes.

Pero unha gran produción cultural non remata aí. Por exemplo, foi indispensable a xente de administración da Fundación Cidade da Cultura, que moveu todo o papeleo burocrático, contratos e cuestións documentais. Nunha administración pública todo isto xenera unha enorme complicación administrativa. E despois o gabinete de comunicación, que foi fundamental para a difusión dunha exposición destas características. Deseñamos unha estratexia de comunicación destinada a poder ir presentando e dando a coñecer as pezas principais de maneira individual. Moitas delas son descoñecidas para o gran público, e cumpría enfocar atención para cada unha delas. E tamén o gabinete de didáctica. Hai xa moitísimas visitas de escolares concertadas. Co gabinete de didáctica levamos traballando varios meses deseñando as estratexias de presentación da exposición, as pezas, os itinerarios…

Galicia, un relato no mundo pódese visitar no Museo Gaiás da Cidade da Cultura ata o 12 de abril de 2020.

Comments are closed.