O Xurés: a fronteira das preguntas

A estas alturas do ano, o Xurés está espléndido. Non é unha paisaxe para todo o mundo, non desde logo para aqueles que só imaxinan unha Galicia de praias luminosas, ou de bosques autóctonos espesos. O Xurés é outra cousa: é esa Galicia que está por todas partes pero que moitas veces relegamos no noso imaxinario. A Galicia dos fragueiros, dos afloramentos graníticos, dos labirintos entre corgas e pasaxes de pedra, a das terras altas agora desoladas en gran medida polas eólicas, pero aquí aínda se conservan. A esta altura do ano, a dureza e rudeza destas pasaxes, destas inmensidades de pedra, adóbianse co verde dos pastos. Aquí observamos un territorio de cruce no que a terra é máis grande porque é máis complexa, e no que un ten sempre unha certa sensación de atemporalidade, de historias que comparten tempos distintos e discurren entre eles coa facilidade da auga.

E despois hai outro factor. Como puiden comprobar durante a viaxe que realizamos ao Xurés, somos moitos os que interpretabamos este territorio a través do escritor Xosé Luís Méndez Ferrín e o que é unha das cimeiras da literatura galega contemporánea: o seu libro de relatos Arraianos. É incrible como un escritor pode acabar marcando tanto o xeito no que se percibe un territorio: como buscamos neste as referencias, aínda que estean camufladas baixo outros nomes, ou resulten da suma de varios lugares reais. A min, en Galicia, só me pasa con contados lugares: Álvaro Cunqueiro na Terra de Miranda e Ramón María del Valle-Inclán na miña propia comarca do Barbanza e os señoríos do occidente galego. Arraianos explora desde a literatura os lugares que nacen da existencia dunha fronteira, como é o propio Xurés, lugares que cabalgan entre o mito e a historia. Para que un territorio sexa literario, ten que encaixar co espírito dun escritor, ten que dicir algo dentro da personalidade do escritor. Por iso hai tan poucos territorios literarios: porque casar paisaxe exterior e interior non é nada doado.

Visitar o Xurés é unha experiencia fermosísima. Non é un lugar melancólico, como se cadra o é o Courel ou os Ancares. Mesmo non se observa a sensación de abandono que se pode apreciar noutras comarcas do rural galego máis aillado. As estradas son boas, hai unha chea de recursos turísticos ben coidados. Obsérvase un esforzo continuado por investir, como se fora unha loita -un tanto utópica- por frear o despoboamento dun territorio que parece ter unha especie de condena da modernidade. Pero por outra banda, as grandes extensións aparentemente baleiras e remotas (só é unha ilusión, en Galicia non hai nada baleiro nin remoto) dan a impresión de que é un cofre cheo de segredos culturais e arqueolóxicos aínda por coñecer. Abrigos paleolíticos, poboados da Idade do Bronce, remotas fortificacións tardoantigas, do paso das lexións romanas ao longo do tempo. Un ten a impresión de que nestas cidades pétreas e salvaxes do alto dos montes, nestas cidades xeolóxicas, se gardan cousas inesperadas á espera de que se dea o cruce de casualidades (ou casualidades) que as fagan aflorar. A zona que está próxima a Castro Leboreiro, xa da banda portuguesa, é definitoria dese mundo. Morres de gañas de subir aos montes e perderte, coma no Pindo, entre os abrigos, os penedos e as fendas. Tal é que así que avanzo que dentro de pouco tempo se saberán algunhas desas sorpresas.


Na aldea de A Cela, unha destas sorpresas. Nunha fenda granítica, unha ferradura encastrada nunha fenda natural. Tal e como moitas veces deberon estar depositadas estas espadas da Idade do Bronce e os machados que se teñen atopados nas penedías e abrigos graníticos galegos. Só que tres mil anos despois. Unha pasada!

O Xurés é un territorio cheo de preguntas abertas. Podería dicir que non teñen respostas, pero non é exactamente así. Os territorios marabillosos coma este están abertos a que nós lle deamos respostas, a que lle deamos en liberdade, coa nosa imaxinación, un relato a un lugar que só de maneira moi puntual deixou constancia da súa rica Historia a través dos textos. Un exemplo atopámolo na sacristía de Santiago de Rubiás, onde se garda a arca medieval da famosa historia do Couto Mixto. Cando se restaurou a igrexa, apareceron unhas marabillosas pinturas de diferentes santos, e un friso como axedrezado. E tamén unhas enigmáticas marcas rascadas no propio friso, concentradas sobre todo nunha das paredes e da porta. Son raias postas en paralelo e atravesadas por outra rañadura vertical, o cal fai pensar que se trata de algún tipo de sistema de medir. A sacristía de Santiago de Rubiás fixo no seu tempo de cárcere do Couto Mixto, e noutros momentos do lugar no que se custodiaba a lendaria arca das tres chaves. Sería algún sistema de organizar contas? De contar os días dos presos?

O Xurés fainos preguntas continuamente. Unha das máis intrigantes é a notable abundancia de miliarios vinculados á Via Nova que proviña de Bracara en dirección Asturica Augusta (Astorga). En todo noroeste pero especialmente nesta zona, concéntrase unha enorme cantidade de miliarios romanos en pedra (moitos deles os podedes ver nas proximidades da Portela do Home, onde reuniron moitos que estaban ao longo da vía). Contáronnos (tería que revisar este dato por outras fontes, porque é demasiado redondo) que é unha das zonas do Imperio romano con maior número de miliarios. O certo é que a densidade destes bloques cilíndricos de pedra aquí no Xurés é espectacular, impresionante. Que hai aquí no Xurés que xustifique esta gran cantidade de miliarios cos nomes dos emperadores? Apenas hai algunha hipótese, nada doada de soster. Pero revélanos como mesmo nunha época, a romana, e cun tipo de equipamento moi regulado, como as vías, este tipo de comarcas presentan cuestións e dúbidas que non sabemos resolver con facilidade. Cuestións que nos falan ao redor da identidade desta zona e as súas circunstancias políticas e sociais. Pero tamén da relación centro/periferia. Que era periferia, que era centro hai dous mil anos?

Quero rematar cunha cea no Lusitano de Lobios. Trátase dunha casa de comidas fundada nos anos 30 que pouco a pouco se fixo un emporio. Está lonxe de todas partes, pero é inevitable non pensar nela coma unha mansio desa antiga Vía Nova, ao carón da cal está. Pouco máis adiante, en Bande, a pousada romana que daba servizo á vía tiña comodidades para viaxeiros que percorrían en soedade longas millas. Hoxe en día o Lusitano fai unha cociña espectacular, ten hotel con bastantes habitacións, un pub cunha chea de referencias de copas de calidade. Como me contaba o propietario, medraron para sobrevivir, para facerse valer nun territorio distante. É un lugar fantástico para ir un grupo de amigos e facer base alí para longas camiñadas, paseos entre aldeas cheas de detalles fermosos e comer estupendamente. Eu penso facer iso mesmo en breve. Penso volver a preguntar ao Xurés, ou o que é o mesmo, a preguntarme a min mesmo.

Realicei a visita ao Xurés no marco do proxecto Gerês-Xurés Dinámico, reserva da biosfera transfronteiriza, organizado pola Deputación de Ourense.

One Comment

  1. Gandra
    5 / Abril/ 2020

    !Fabuloso!, en especial para los que hemos nacido en ‘Él.. En A Cela hay toda un historia no contada. Había un monasterio con una comunidad de monjes que decía misa en Pitoes (Portugal). En O Valdolagarto hay restos de unas tumbas y inscripciones en el granito. Según la leyenda, la actual Celanova (Cela nova) procede de a Cela. “ Un monje de a Cela fundó el actual Monasterio: le dijo al labrego de si le dejaba la tierra de una piel de toro, el labrego accedió. El monje hizo “mall’os y los extendió para dar lugar al actual Monasterio”. Hay una finca que cuando araban, salían tumbas y lápidas de un cementerios. ………..

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará