Os Nuraghi, o tesouro pétreo de Cerdeña

Fotos: Sole Felloza

Aínda que moita xente me mira raro cando o digo, atopei numerosas conexións entre a cultura e a sociedade sarda e a galega. Unha delas é a relación cun elemento do patrimonio moi visible no territorio e co que é imposible non interaccionar, os nuraga (singular) ou nuraghi (en plural). Hai miles destes asentamentos en Sardeña (vin varias cifras, e non sabería precisar cantos miles, pero moitos), e o certo é que a cada pouco que te movas pola infinidade de pistas do rural sardo, tanto na costa coma no interior, aparecen estas ruínas por todas partes, moi presentes na paisaxe, e dalgún xeito servindo aínda a algunha das funcións para as que foron creados, como ser visibles e construír culturalmente o espazo. Resumindo: os nuraghi son unha sorte de poboados abertos de casas circulares presididos na súa zona central por un enorme torreón construído con bloques ciclópeos espectaculares. O torreón ten o interior oco, estancias, escaleiras de subida, ás veces un pozo…pero non se sabe para que valía exactamente. Hai grandes discusións científicas ao respecto. Almacén de excedente agrícola? Vivenda das elites? Templo? Hai hipóteses para todos os gustos, pero iso implica que malia a enorme abundancia deste tipo de xacementos, aínda non hai evidencias determinantes da súa función.

De aí que os nuraghi se entendan se cadra como o referente do pasado co que máis se identifica a cultura sarda. Sempre nas proximidades das vilas, ás veces perdidos no medio do monte e outras entre os campos de cultivo e pastoreo, os nuraghi son unhas fermosas e enigmáticas torres relacionadas cunha cultura que tivo o seu apoxeo na Idade do Bronce, ao redor do 1600 a.C. como tempo central. E teñen paralelos noutras illas do Mediterráneo -en Córcega chámanos co divertido nome de cucuruzzu– e non só. A verdade é que son cuspidiños a un tipo de xacemento arqueolóxico moi típico de Escocia e algunhas partes de Irlanda: os brochs, que son un asunto similar: unha especie de aldea en aberto presidida por estas torres.


Xacemento de Su Nuraxi

Son fascinantes. Un deles, Su Nuraxi, revela diferentes fases construtivas. É como unha especie de colosal pirámide no que as pedras, encaixadas sen ningún tipo de morteiro, crean unha estrutura que por veces parece o cartón pedra dunha daquelas películas imaxinarias nas que convivían antigas civilizacións con dinosauros; outras veces, hai nelas algo desa masividade que só se entende cando alguén quere demostrar un poder notable sobre o territorio. Aínda que están en posicións preeminentes, en pequenos altiños sobre o territorio, a súa finalidade primaria non podía ser defensiva. Vese moi ben cando divisas no alto dos outeiros os castelos medievais. Son como grandes testemuñas da Idade do Bronce, unha época que se vai desdebuxando e se volve bretemosa cando avanzas desde o Mediterráneo Oriental.

A cultura dos nuraghi, como digo, ficou insertada dentro da cultura tradicional sarda. O exemplo máis espectacular son os pozos nuraghicos, unhas impresionantes obras de arquitectura que moito me romperon a cabeza. Descendendo moitos metros baixo a terra ata atopar os manantiais, estes pozos, dun claro sentido ritual, estaban construídos dunha maneira totalmente oposta aos nuraghi, cunha estética que se aproxima moito á arquitectura contemporánea. Liñas rectas, definidas, ángulos prodixiosos, falsas bóvedas perfectas. Son tamén da Idade do Bronce, feitos aparentemente pola mesma xente que construía torres masivas sen desbastar. No seu tempo eran o núcleo central de complexos de santuarios que tamén se poden recoñecer con facilidade, cunha estrutura ás veces fascinante. Este que está nas fotos é Santa Cristina, pero se podedes, collede o coche, metédevos ata o fondo da illa e ide ver Santa Vittoria:

Hoxe en día todos estes pozos contan cunha capela cristiá, romarías e unha inmensa devoción, amosando continuidades culturais fascinantes.

A cultura nuraghica en todas as súas manifestacións xustifica por si soa unha visita a esta isla tan marabillosa que é Cerdeña.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará