Casa Chalán: a farturenta Terra de Montes

Os seguidores de Capítulo Cero lembrarán que hai moitos anos levo falando dos restaurantes e casas de comidas tipo “vouche levar a un sitio”. Caracterízanse por servir estupenda cociña tradicional e estar situados en lugares remotos, moitas veces montesíos, que invitan á comida farturenta e vagarosa, de tomala con calma.

Pois sen dúbida un dos máis chulos que levo visto nos últimos anos é Casa Chalán, en Fornelos de Montes (Pontevedra). É mellor, con todo, que comece polo final. Estabamos chegando á casa en Compostela e comíanos a dúbida por dentro. Sole chamou de novo a Casa Chalán, onde comeramos ese mediodía:

-Mire, desculpe, somos os rapaces que comimos ao carón da fiestra, non sei se se lembra.
-Si, si, claro.
-Verá. É que nós pensamos que se deberon confundir. Porque nós cremos que nos cobraron de menos.

Pensabamos que nos cobraran por un, xa que no momento de pagar o outro non estaba alí na barra. Pero escóitase unha gargallada no outro lado do teléfono. E unha moza moi amable nos contesta:

-Mire, agradecémosllo moito que chamen, pero xa lles dixemos cando pagaron: o prezo é o correcto.

Quedamos tranquilos, pero non por iso menos abraiados. Será porque vimos dunha cidade, Compostela, onde os prezos da comida decente tolearon nos últimos dous anos e por calquera minucia (ou tapa con ínfulas) págase unha barbaridade inxustificada. Porque en Casa Chalán, despois de dúas cañas, unha botella de viño, sopa de cocido, callos a fartar, xabarín servido en tres xeitos distintos, flan caseiro e leite fritido, acompañado dun riquísimo café de pota (dos mellores que teño tomado) e licores a fartar, pagaramos 23 euros entre os dous. Servíronnos o correspondente ao menú dunha persoa e sobrou comida por todas partes, para que vos fagades unha idea. Era como unha viaxe aos anos 80, a ese mundo mítico das casas de comida. Pero era moito máis. Era como unha reconciliación cos prezos humanos.


“Paisaxe despois da batalla”.

O lugar é digno de visita. Unha típica casa dos anos 70-80 cun bar no baixo, cunha portiña pequena para conter o vento frio da serra do Suído. Pero dentro máis de sesenta persoas entregándose ao cocido ou ao xabaril, ou ás dúas cousas. Unha cociña ateigada de sabias mulleres da aldea, de todas as idades, e un amable camareiro de fin de semana que atende as mesas cun sorriso franco que te fai sentir en confianza desde o primeiro momento. Casa Chalán é unha referencia no sur de Galicia, como ese lugar “ao que vas”, ese sitio especial no que se conserva algo se cadra perdido noutros sitios, nos que realmente pagas por ir máis que por comer, e logo dentro é un auténtico festival de fartura. E nada máis nos gusta no noso país que a fartura, as calores que suministran as carnes bravas e os sabores de invernia.

Non quixemos cocido. Optamos por outra especialidade da casa, o xabarín, servido en tres xeitos, con fabas, patacas -douradas, guisadas- e arroz. As preferencias seguro que han de ir no gusto de cada quen, pero o resultado é fantástico. Xabarín ben adobado, servido en anacos pequenos, para comer de vagar e facerlle un oco no bandullo. Pero manteñan un oco para os postres. O flan da casa é absolutamente de nota e os fanáticos do leite fritido (como eu son) non han quedar defraudados. Ah, outra cousa, se hai sorte serviranlles “bolica”, unha sorte de torta de pan millo deliciosa que fan na casa e que é digna de probar.


A bolica

Un lugar para sentir unha viaxe no interior de Galicia. Un lugar para sorprender ás amizades. A un prezo que aínda é humano e para todo o mundo.

E, ao rematar, podes visitar sitios ben chulos, como a Ponte dos Mouros, tamén en Fornelos de Montes, ou os Pasos da Fraga, en Ponte Caldelas.

Aquí podes ver a localización. Recomendación: reserva antes, porque esta petado. E se queres caza, é mellor que chames uns días antes e o indiques.

Fotos: Sole

One Comment

  1. Anxo
    20 / Novembro/ 2018

    Unha puntualización. Este sitio non se atopa en Terra de Montes aínda que o concello se chame Fornelos de Montes. Desde Estacas, onde se atopa a casa Chalán até Terra de Montes, aínda hai un treito. Coñezo eses lugares onde anduveches ti ese día e coido que se atopan na bisbarra de Caldevergazo ( a cunca do río Verduxo).

    Un saúdo e á espera de máis reportaxes dos teus que son moi bos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará