Tharros: area e tophets

Fotos: Sole

Se cadra unha das sensacións máis chulas, máis interesantes desde o punto de vista emocional que pode ter un turista arqueolóxico é a seguinte. Chegas a un lugar e de súpeto comeza a pitar unha especie de alarma na memoria que te di: aquí xa estiveches. E nunca visitaches tal lugar, pero recoñeces cousas nel. A orientación, a topografía, a luz, os materiais da natureza. Coñeces algo deste lugar.

Iso foi o que me pasou con Tharros. Este impresionante sitio arqueolóxico de occidente de Cerdeña, habitado desde a época nuraghi (idade do Bronce) pero especialmente polos púnicos e os romanos, atópase nunha paraxe de impresionante beleza. Chegamos nun día de luz aplastante de verán, e a medida que penetrabamos no itsmo areoso de Tharros, e viamos a auga golpexando suavamente en praias de area fina con fondos esmeralda, sentiamos que entrabamos nun mundo quieto e único. E velaí estaba a impresión. A Lanzada. O poboado da Lanzada. Cada cultura cunha linguaxe propia de apropiarse do territorio, con marcas e preferencias que son recoñecibles ao longo dos tempos. O territorio como unha suma de pequenos detalles que conforman un hábitat. A Lanzada, si, pero tamen Gadir, o actual Cádiz.

En Tharros pódese observar de maneira privilexiada unha cidade sepultada pola area. Poucas cousas hai máis evocadoras. Un espazo púnico que miraba cara o Mediterráneo occidental e as columnas de Hércules. Un enclave comercial que buscaba unha zona de defensa, ao mesmo tempo que un suave porto natural; unha interfaz entre dous mundos, o mundo dos semitas do Mediterráneo oriental e o mundo extraño, aínda misterioso, das culturas nuraghicas. A proximidade, como logo veremos, crea suxestivas hibridacións.

Pero en Tharros tamén hai algo aínda máis fascinante. No alto dun dos outeiros -no outro hai unha torre de vixilancia española-, nas ruínas dun antigo nuraghi, os fenicios construíron un tophet. Leva decadas rompendo a cabeza dos arqueólogos, que o excavaron, como se pode ver no museo de Oristano, absolutamente marabillados e non é para menos. Que é un tophet? En principio, unha especie de santuario ao aire libre, dedicado ao deus Baal e, atención a isto, segundo a Biblia dedicado ao sacrificio de nenos recén nacidos ao deus. Esta referencia bíblica nunca se comprobara arqueoloxicamente ata que comezaron a aparecer tophets, pero non na zona de Fenicia, próxima a Israel. Os tophets apareceron preto de Cartago e aquí en Tharros. E as fotografías das excavacións dos sesenta e setenta son espectaculares. Cento de vasixas enteiras que teñen no seu interior os restos de bebés cremados. Pero a cuestión dos sacrificios de bebés e mesmo da relación cos púnicos destes santuarios é obxecto de longas polémicas entre os santuarios. En moitas das cidades púnicas de Cerdeña localizáronse nas últimas décadas estes tophets. E sempre, sempre, cheos de incontables xerras de cerámica, excelentemente preservadas, con restos de nenos no seu interior.

En Tharros tamén está a igrexa de Sinis, entre as dunas, como na Lanzada testemuña cristiá do hábitat interior, con fases medievais que chegan ata época paleocristiá. E unha parte interesante dos seus achados atópanse no museo local, o Museo Civico Giovanni Marongiu, que está en Cabras. Compensa mercar a entrada conxunta. Alí podedes ver as vasixas de Tharros, e tamén outra cousa que me fixo pensar moito. Unha auténtica marabilla moi pouco coñecida, os xigantes do Mont’e Prama.

Trátase dunha necrópole que está preto de Tharros, asociada á fase final da cultura nuraghica, é dicir, das xentes que habitaban Cerdeña cando chegaron os fenicios. Trátase dun cemiterio moi singular, case único en Cerdeña. E iso porque nas tumbas, ou sobre elas, apareceron uns xigantes de pedra. Claramente guerreiros, cuns trazos estilísticos alucinantes que lembran moito a estatuaria do Mediterraneo oriental, con ollos en círculos concéntricos que son hipnóticos. Estes enormes xigantes de pedra foron deliberadamente destruídos nalgún momento histórico, en centos de anacos, quizáis nalgunha manobra de “damnatio memoriae”, de destrución do recordo desas xentes. O traballo dos restauradores está a ser recompoñer estas marabillosas obras de arte, de memoria e de poder.

Hai moitas teorías sobre eles. Como todo na cultura nuraghica -que non tiña escrita-, movémonos en ambigüidades e teorías apenas contrapostas. Pero hai unha intepretación bastante estendida que me fixo pensar moito. As culturas nuraghicas non eran de expresar moito cuestións guerreiras na súa arte. O único sitio no que se produce unha exaltación da figura do guerreiro, que aparece coa súa panoplia, ás veces en actitude de ataque ou defensa e sempre cun sentido monumental, é aquí, no Mont’e Prama. Unha das interpretacións desta estatuaria ten que ver, precisamente, co carácter de fronteira, de punto de contacto, que tiña esta zona coa civilización fenicia. Segundo esta interpretación, a presenza dun poder como Cartago na zona puido ter desencadeado cambios sociais na cultura aborixe, intensificando a violencia ou a súa representación, ou mesmo a desigualdade social.

Mentres lía sobre estas teorías no Museo de Cabras veume á cabeza esta imaxe:


Tomada de La memoria de las piedras. El pasado presente en los guerreiros castreños, de Alberto Santos.

Na que se aprecia unha certa distribución dos guerreiros castreños en zonas de “fricción” co mundo romano do sur de Gallaecia. Como dicía no anterior post, viaxar por fóra ás veces tamén é viaxar por dentro. Aquí vos queda esta historia.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará