Fotos: Sole
Este verán estivemos a percorrer unha illa magnífica: Cerdeña. Esta tempada ireivos contando cousas interesantes da illa por se vos apetece achegarvos ata ela. Cerdeña é unha gozada: salvando dous ou tres puntos como Alghero, unha cidade bastante sosa ao meu ver, ou o nordeste, onde está a horrorosa costa esmeralda, o resto da illa ten un nivel de turismo moi razoable. As visitas fanse moi cómodas, a comida é moi rica e barata; a illa conserva aínda unha autenticidade moi singular, que me lembrou en moitas cousas a Galicia. Viaxar é moitas veces non desprazarte en quilómetros; moitas veces viaxarte é tamén coñecerte a ti mesmo ou o lugar de onde ves.
Vou comezar cun sitio bastante singular, dos que me gustan a min. A ermitiña de San Salvatore de Sinis. A igrexiña atópase nunha poeirenta praza no medio dunha aldea construída, esencialmente, para peregrinar. Isto é moi habitual en Cerdeña, e lembra moito a algúns santuarios andaluces. Viliñas poeirentas no medio da nada, con casas baixas que son empregadas durante unha semana ao ano polos romeiros que veñen profesar a devoción ao santo ou santa local. A un parécelle unha aldea do Salvaxe Oeste, ata que descubre que, efectivamente, nesta aldea rodáronse moitos spaghetti westerns…
Pero o fascinante destas ermidas en Cerdeña é a súa integración con elementos de culturas anteriores. Nos vindeiros días amosareivos exemplos espectaculares da integración de cultos, da súa superposición…
Isto vén a colación dun libro que está moi de moda: La edad de la penumbra, de Catherine Nixey, e que aborda a destrución da cultura clásica e o paganismo polos cristiáns ao final do Imperio Romano. O libro de Nixey é un libro de tese: concéntrase en explicar o fanatismo cristián contra outras crenzas e formas de culto. Pero é un libro moi miope: atende exclusivamente a fenómenos que acontece en áreas moi concretas do Imperio Romano, e busca exemplos de políticas nas que os cristiáns querían aniquilar, destruir completamente o culto anterior. Isto existiu, sen dúbida ningunha, pero non analizar o fenómeno contrario, que é a integración, adaptación, e mestura do cristianismo con cultos anteriores que se deu en moitísimos lugares -especialmente nas periferias do Imperio- é falsear a realidade histórica. Nixey revélase como absolutamente dependente dos textos, e incapaz de atender ás numerosísimas formas de hibridación de cultos que se deron no Imperio, e que o cristianismo preferiu integrar a esborrallar.
Iso é o que ocorre, de maneira espectacular, en San Salvatore di Sinis. Aparentemente, é unha capeliña pequena. Cando entras, dúas amables veciñas calcetan nun banco mentres te saúdan e dan os bos días. E hai unhas escaleiras que baixan.
O que hai abaixo é espectacular. Trátase dun pozo excavado na rocha na era ‘nuraghica’ (unha especie de idade do bronce-ferro local, da que xa vos falarei), despois templo púnico, templo romano e posteriormente un espazo de culto cristián. Todo iso xunto…e visible. Porque as paredes desa cripta están cheas de debuxos deixados polos romeiros que levan vindo aquí desde hai milenios. Así que hai textos en grego, en púnico, en latín, en árabe (!!!). E unha chea de graffiti. Animais, pero moitísimos barcos (San Salvatore está moi preto dunha impresionante cidade púnica e romana, Tharos, xa vos falarei dela), e debuxos de deuses romanos, de crentes paleocristiáns. É unha absoluta tolemia, unha marabilla.
Os sardos integraron -aquí e en moitos sitios- todos estos cultos anteriores co seu cristianismo que, como adoita acontecer en moitos sitios de Italia, vívese de xeito intenso e popular. Recoñecen a herdanza previa sen problemas. E é fascinante escoitar a estas devotas falar de que esa divinidade é unha divinidade prehistórica, e vaia, alí están elas prestando culto ao San Salvador, pero sen arrepentirse de nada do que antes houbera aí. Ao fin e ao cabo, se tantos pasaron por ese pozo subterraneo, algo terá, non?
Que maravilla: arte á vista !.