A Pobra do Caramiñal no tempo: unha xornada sobre historia e cultura

Imaxe: Navío do século XVI representado na bóveda da Capela de Alba (igrexa de Santiago do Deán, Pobra do Caramiñal). Coloreada dixitalmente.

É para min un pracer coordinar, con José Carlos Vidal, este pequeno encontro que quere contribuír a crear unha memoria compartida da vila da Pobra do Caramiñal por toda a veciñanza. Esta pequena vila da ría de Arousa e do Barbanza ten unha chea de historias e lugares que contar, e esta xornada é un paso máis para evitar, nesta época, que estos relatos se perdan. Será o 8 de setembro pola tarde, e inclúe unha visita noturna guiada aos petróglifos de Pedra Leirada para a cal vos tedes que inscribir no correo biblioteca@apobra.gal.

A Pobra do Caramiñal é un dos concellos do Barbanza cunha maior riqueza de patrimonio cultural, memorias e relatos históricos debido á diversidade de xentes, tempos e clases sociais que atravesaron o noso territorio. É por iso que presentamos a xornada “A Pobra do Caramiñal no tempo. Xornada de divulgación sobre a historia e cultura pobrense”, un encontro con vontade de celebración anual no que contaremos con destacados especialistas na historia e na cultura do concello. O encontro está organizado polo Concello da Pobra do Caramiñal e coordinado por Manuel Gago, profesor da Universidade de Santiago e director do portal de divulgación do Consello da Cultura Galega, e por José Carlos Vidal Suárez, bibliotecario da Pobra do Caramiñal.

O primeiro encontro celebrarase o 8 de setembro de 2018 no Auditorio do Museo Valle Inclán a partir das 16.30 horas. E contará coa participación de Manuel Gago, que falará sobre “Paisaxe e cultura na Pobra do Caramiñal: unha relación de milenios”. De seguido, ás 17.30, o profesor xubilado da USC Carlos Barros disertará sobre “Os irmandiños da Pobra do Caramiñal”, achegando novidosa información ao redor do papel deste importante movemento social da Galicia do século XV na nosa zona. De seguido, José Manuel Vázquez Lijó, da Universidade da Coruña, falará sobre “As xentes do mar na Pobra do Caramiñal nos tempos da vela: séculos XVI-XIX”, un tema do que é especialista e que é fundamental para coñecer o pasado do concello. As conferencias rematarán coa filóloga Ana Isabel Boullón Agrelo, do Instituto da Lingua Galega, quen falará de “Nomes dos lugares e persoas na Pobra do Caramiñal”, dándonos a coñecer a orixe, o significado e as particularidades de moitos topónimos e apelidos habituais no concello.

Pero a xornada contará tamén con dúas actividades de divulgación de grande interese. Ao final das charlas presentarase o mapa “Xentes e tempos da Pobra do Caramiñal”, un póster que presenta de maneira ilustrada unha selección da riqueza do patrimonio cultural do concello e de significados acontecementos, realizada polo ilustrador Juan Pablo Venditti. Os asistentes á xornada recibirán de balde unha copia do mapa.

E posteriormente á xornada, ás 21.30, a veciñanza poderá asistir a unha visita nocturna aos petróglifos de Pedra Leirada (Lesón) (nesta ligazón tes un traballo sobre estes petróglifos), un espectacular conxunto de arte rupestre que combina épocas e significados. A visita conducida por Manuel Gago, permitirá apreciar de maneira espectacular, con iluminación artificial, os trazos deixados polos nosos devanceiros. A inscrición é gratuíta no correo biblioteca@apobra.gal.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará