Merenzao: brasa e territorio na Ribeira Sacra

O cociñeiro Carlos Javier González. Fotos: Sole

Hai case un ano faleivos dunha interesante descuberta en Sober, ao carón do santuario de Cadeiras: o restaurante Merenzao. Tratábase dun interesante restaurante, dirixido por un novo cociñeiro local, Carlos Javier González, que conciliaba técnica contemporánea cunha busca clara das raíces da cociña local e unha coidada adega da zona. Iso, que debera ser algo obvio nunha zona turística como a Ribeira Sacra, en certo xeito segue a ser algo pouco frecuentado.

Non pasou un ano cando o Merenzao xa pasou a un novo local. Fíxoo en Doade, tamén no concello de Sober, no seo da Adega Petrón, que construiu un novo edificio para os seus viños, ben pretiño, por situarvos, da adega Algueira. Trátase dun edificio contemporáneo e luminoso no que o restaurante se instala nunha zona de grandes cristaleiras que miran cara a paisaxe rural da Ribeira Sacra. Detrás do canón do río (que non se ve desde o restaurante, ollo), o horizonte defínese fermoso polas alturas de Castro Caldelas e a Teixeira.

Os blogastrónomos, un grupo de clásicos que os que seguides Capítulo Cero desde hai quince anos coñeceredes ben, decidimos organizar unha Xantanza neste restaurante para celebrar que había tempo que non nos viamos. Fixádevos se somos antigos que nos decatamos que nunca nos fixeramos un selfie!

No Merenzao, Carlos Javier González segue a apostar por unha cociña do territorio no que lle engade unha variable que andaba tempo procurando: a brasa. Así que o toque do lume natural é fundamental neste novo restaurante, outorgándolle aos pratos unha confortable sensación gustativa, e apostando polo equilibrio no emprego de hortalizas, carnes e algo de produto do mar. Carlos Javier preparounos un menú degustación (38 euros) con opción de maridaxe (12 euros), nunha excelente relación calidade-prezo.

Temos aquí unha cociña que irá medrando e afianzándose sobre as bases máis sólidas, que son as da cultura e da memoria local. Os amantes da Ribeira Sacra seguimos de celebración: esa terra merece unha restauración que axude a construír un destino turístico de calidade que contribúa a frear o intenso despoboamento do rural. Así que desexamos a Carlos Javier González toda a sorte do mundo!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará