Fotos: Sole (con iPhone 8)
O outro día, vindo da Mariña, paramos a xantar no Mesón do Campo, unha referencia de calidade e cociña tradicional en Vilalba. Foi entrar, e ver un considerable cambio na decoración, e virme á cabeza unha idea: “cambio xeracional”. Non andaba errado. De improviso, o que ía ser un bo xantar de domingo de volta á casa, convertiuse nunha experiencia gastronómica memorable. Como pasa sempre nestes casos, as grandes sorpresas gastronómicas chegan ás veces de xeito inesperado.
O Mesón do Campo é un excelente restaurante con corenta anos de experiencia. A nova xeración comandada por Elísabet Castro e o seu home Manuel Fernández decidiu darlle unha volta ao local e actualizalo, mantendo a esencia dos seus platos tradicionais e abrindo posibilidades tanto na gastronomía como, de forma moi notable, na oferta de viños e no seu servizo. Estamos falando dun local que merece unha visita de seu, e posiblemente unha das ofertas máis interesantes nestes momentos no interior de Galicia e fóra das cidades.
O menú gastronómico (48 euros) sírvese a mesa completa e componse de medias racións ou similar a partir da oferta en carta e os pratos adicionais que veñen do mercado. Preguntade sempre que leva, porque adoita ter bastantes cousas fóra da carta. Estamos falando dunha combinación entre pratos tradicionais, de lume manso ou dunha oferta clásica burguesa, con outros pratos de produto, actualizados, que compoñen unha experiencia gastronómica certamente suculenta. Esa suculencia (marabillosa palabra) vén dada por unha calidade excepcional do produto e por uns pratos concibidos por e para o goce do cliente, de sabores simples pero directos.
Comézase cunha manteiga afumada con bidueiro, ao estilo do queixo de San Simón -unha demostración da potencialidade de levar os produtos locais un pouco máis alá deles mesmos- e seguimos con ostras en escabeche, unha absoluta delicia -a textura unutuosa da ostra encaixaba perfectamente coa manteiga anterior, para seguirmos cun cremoso de centola, tartar de atún vermello, uns espárragos enormes e saborosos, e uns porros con prebe romescu absolutamente espectaculares. O sargo cun fino caldo de chicharos abriu o segundo lance, que continuou co espectacular arroz de capón da casa. Estamos falando dun arroz moi, moi concentrado, que encaixará nos gustos de aqueles que son partidarios dos “arroces atlánticos” e rematamos o capítulo de salgados cunha costela ao forno de grande ascendencia tradicional. Dous postres frescos axudaron a sobrelevar o ágape.
Aínda que non tomei nota dos viños -non tiña o día para iso- Elísabet e Manuel ofrecéronos unha maridaxe absolutamente pertinente. Os dous combinan unha gran paixón polo viño e gañas de fomentar a súa cultura entre a hostelería da provincia. Para mellorar na súa oferta, formáronse no Curso Superior de Sumiller Profesional do Instituto Galego do Viño e, por suposto, percorren centos de quilómetros e fan centos de probas para ofrecer unha experiencia enolóxica fantástica, baseada en viños galegos pero non só. Merece baixar a ver a cava que teñen, coa súa mesa central para probas, e curiosear entre os viños.
En suma, un lugar máis que recomendable para as amantes do bo xantar e, sobre todo, do bo beber, de aqueles que cren que a cultura da comida é mellor se vai acompañada da cultura do viño. O Mesón do Campo é un bo exemplo de como se poden crear sitios moi especiais, únicos, nas vilas galegas: ese debera ser unha das posibilidades de futuro para o interior do país. Como vos dicía, merece ben a visita.
Be First to Comment