Ulaca: a cidade solitaria

Last updated on 10 / Xuño/ 2018

Fotos: Sole

Hai poucos xacementos arqueolóxicos tan especiais coma o castro de Ulaca, no concello abulense de Solosancho. A súa distancia con respecto os núcleos habitados -hai que camiñar uns 45 minutos polo monte ata chegar a el- fixo en gran medida que este lugar ficase preservado dunha maneira absolutamente excepcional cando foi deshabitado, aproximadamente no século II a.C., por causas nada claras. Ás veces pódense ver publicacións sobre que foi atacado polo exército romano, pero o certo é que só son especulacións.

Ulaca atópase na montaña, cun dominio impresionante sobre o val de Amblés, que é a zona máis fértil do centro da provincia. As dimensións son incribles: 60 hectáreas. Para que vos fagades unha idea, San Cibrán de Lás, o máis grande de Galicia, coido que son sobre 11. Iso non quere dicir que estivera toda a superficie ocupada con vivendas nin moitísimo menos. De feito, as vivendas parecen concentrarse en zonas determinadas, semella existir unha especialización da superficie por zonas. Non se sabe moito, por incrible que pareza, apenas se excavaron dúas vivendas e, iso si, gastáronse unha gran cantidade de cartos na reconstrución do aparello defensivo da zona de acceso para os turistas. Pero a información científica sobre o castro segue sendo tremendamente escasa.

Como digo, Ulaca é un territorio case onírico para os que nos gustan as paisaxes arqueolóxicas de montaña, cunha gran dose de misterio e nostalxia. Porque todo se ve perfectamente: as casas aínda a unha certa altura, simplemente derruidas, ás veces envoltas nun suave manto de herba verde dos inicios da primavera. Os grandes batolitos graníticos, que funcionaron non só como canteiras (logo vos falo delas) senón que en si mesmos valeron para crear dúas das tres estruturas máis rechamantes do poboado, como se a pedra en si mesma tivese un valor sagrado que só apenas intuímos. E despois esa percepción, da que vos falei, dun visitante que procede do estremo máis noroccidental desa cultura das fortificacións: aquí recoñecemos todo, pero tamén todo é un pouco distinto. Estamos no medio de ningures e, en realidade, é como se estiveramos no medio do tempo, entre eles e máis nós.

Estabamos sós naquela inmensidade de ruínas. E aí estaban as estruturas monumentais que fan famosa a Ulaca.

O famoso “altar de sacrificios”, que é outro exemplo de que hai que ver as cousas in situ sempre para entendelas. É, ao meu ver, un claro exemplo de como unha parte vistosa do monumento pode chegar a “cegar” a súa comprensión completa. A idea de que esa pedra é o “altar de sacrificios”, como un espazo individualizado, está asociada de sempre a Ulaca. De feito, no panel explicativo do monumento, amósase nunha reconstrución uns vetóns sacrificando un animal no alto da pedra mentres a sangue escorrega polas supostas canaletas do carón. Pero cando chegas ao altar de sacrificios decátaste de que para nada é un elemento singular, senón que forma parte dun complexo monumental máis amplo. De feito, hai unha enorme pedra rebaixada que constitúe unha estrutura e unha estancia sen dúbida asociada ao penedo das escaleiras. E cando subes ao alto do penedo das escaleiras, decátaste de que a suposta canalización para fluidos, non encaixa para nada noutras que tes visto neste tipo de estruturas. Se o habitual é atoparte pías comunicadas entre si e canaletas orientadas para facilitar a saída do líquido pola gravidade, aquí en realidade…o que ves é que hai unha correspondencia entre esas escavacións na rocha e as que foron escavadas na parte de enfronte. É dicir, que se cadra podería ser simplemente unha base para colocar algún tipo de muro que procede da estrutura de abaixo. Para entendernos, aquí poño unhas fotos.

Nesta primeira foto vedes o “altar” desde a zona superior, co resto do conxunto arquitectónico, e as supostas pías de decantación de fluídos á esquerda.

Agora vedes como as pías de fluídos da esquerda en realidade o que encaixan é cos rebaixes da pedra na zona de enfronte.

E se agora mirades ao revés, vedes como en realidade a estrutura é máis complexa. Ten unha especie de portas e fiestras labradas na pedra. É algo diferente, e parece que integrado entre si.

Aquí tedes un modelo 3D do espazo:

Agora fixádevos ben na interpretación ilustrada que se pode ver en Ulaca. A pedra está exenta e non se ten en conta o resto da sorprendente estrutura. E vede que despois do currazo que se fixeron esculpindo unhas señoras escaleiras e esas supostas pías para correr o sangue (que non teñen inclinación para favorecer a caída do fluído nin canles de evacuación), os dous benditos que están coa cabra non saben como poñerse, facendo equilibrios sobre o estremo da rocha. O da dereita, como escorrege, esnáfrase contra o chan; o que sostén a cabeza da cabra está montado como pode entre as escadas e unha pía natural que hai no alto.

Trátase unicamente dunha achega que anima a repensar o monumento, a “desalvaxizalo”. Tendemos a interpretar estes lugares a través de modelos culturais que quizais levamos aprendidos desde o XIX, case de xeito inercial; aqueles gravados de holocaustos que aparecían nos libros de historia bíblica ou romana. Eu coido que pode ser interesante intepretalo tendo en conta o resto da estrutura rupestre asociada, e darlle tamén unha volta ao lugar común do “sacrificio”. Se cadra este edificio poida ter outros sentidos e finalidades.

Pero Ulaca é moito máis. Camiñando cara arriba, se atopa o edificio da sauna, a sauna castrexa máis meridional da península. Aquí, ese universo cultural que aparece ao norte, no Cantábrico, en Galicia e Asturias, pon o seu punto e final. Os vetóns labraron unha pedra para convertela neste espazo, e iso leva a pensar por que escolleron este tipo de factura. Que é o que a pedra garda que xustifique este traballo, esta creación monumental ao redor dela.

Aínda máis arriba, hai un detalle marabilloso. Unha das varias canteiras do castro, na que o traballo quedou a medio facer. E iso é o que fai pensar nun abandono máis ou menos rápido do oppidum. Aquí podemos ver, conxeladas no tempo, os procesos de traballo destas xentes, cortando a pedra en grandes tiras para despois ila fragmentando.

E máis arriba, outro dos enigmáticos edificios de Ulaca, agora mesmo en fase de investigación. Falamos dunha especie de torreón caído enorme. E cando digo enorme, falo de algo de proporcións realmente monumentais. Na foto podédesme ver no derrubo. Este edificio, coñecido como a atalaia, ten aínda unha función descoñecida, pero está aillado, nunha zona sen outros edificios, e delimitado con muros perimetrais, cunha fonte ao seu carón.

Cando volves ao val do Amblés, non o fas do mesmo xeito. Non baixas de Ulaca igual. A neve aínda no alto dos picos. As casas, simplemente derruidas. As pedras, convertidas en espazos sagrados. O ceo, eterno e enorme, compartido con estas xentes. Se te gusta a arqueoloxía e estes marabillosos xacementos perdidos, só Ulaca xa xustifica a visita a Ávila.

11 Comments

  1. Loís
    10 / Xuño/ 2018

    “Disque algúns dos pobos das marxes do río Douro viven á maneira dos Laconio (Esparta). Úntanse con óleo “””dúas veces (por día)”””[semella demasiado ritual diario] en lugares especiais e toman baños de vapor, feito con pedras aquecidas no lume e (despois) “””báñanse en auga fría.”””[en auga fría tamén Estrabón?¡¡¡¡]

    (a parida ta no final, por se estas de día de descanso…)

    eu non me preocuparía demasiado por non casar coa interpretación feita sen estudar o sítio pra atraer turistas. Vai pouco lin o conto de que os bos descubrimentos, resolven preguntas, e os grandes reprantéxanas, Non sei se en xeraĺ ten moito sentido pro a nivel individual, tampouco sei se os bos ou os grandes, pro a medida que un avanza no intento de comprensión da vida, uns achádegos persoais resolven preguntas, e outros reformúlanas… Lembrando o Sanbenitiño que levamos colgado de indecisos os galegos cando andamos na escaleira, que aquí casa perfectamente, dudar é humano e quen non duda nin se reprantexa nada, que se meta a robot, tamén lin vai pouco que en troques de ter o bo e o malo, nas culturas atlánticas, funcionaban con tríadas, tiñan o punto intermedio, comprendín que mentres que as culturas militarizadas teñen o bo e o malo, as non xerarquizadas, están obrigadas a rumiar as accións, e dicir que entre o branco e o negro matinan na posibilidade do gris, e mesmo penso que pode ter que ver co clima, que mentres nalgúns lados do planeta marca a pauta o día e a noite como vemos noutras teñen días nubrados como soe pasar nos nosos nortes que baten co atlántico, como ven suxires, ás veces unha parte tapa o todo, como pouco a interpretación forzada do cartel, semella… iso, forzada!, e concordo tamén que neste caso esas escaleiras, forman parte de un todo. para min, mesmo as croas tapan os lugh_ares completos onde se situaban estes asentamentos. No meu caso xórdenme preguntas como, se tiñan unha necesidade nocturna, achegaríanse ás aforas do asentamento, ou recollerían os excrementos, e logo pola maña farían unha procesión para depositalos nalgures? farían como os chinos que mesmo comerciaban con escrementos de sapiens polo bo abono que supuña, e empregaríano como compost?,Terían especies de nabeiras como na época dos pazos pra acumulalo en seco (lembremos que as olores serían un problema nunha casa, imaxínate nunha citania tan grande) e a aguita amarilla, recolleríana para empregar o amoníaco?como?. Gústame imaxinar que un trebón, nestes sitios sería como se alguén tirase da cadea e limpiaríase todo o recinto, polo que dentro a auga estaría perfectamente controlada, e mesmo a empregarían para limpar os lugares dos animais e aproveitar pras regas ou preparar o terreo pra certos cultivos, . estes sítios grandes dan pra cavilar, e o grande soe vir do pequeno… máis estas e outras cuestións, son só eses descubrimentos que resolven preguntas ou as reformulan, e que de seguro que están moitos deles, xa resoltos só que eu aínda non batín con eles, certamente logo de ler o que lle contaron a Estrabón das saunas destas xentes, e pasear polos lugh_ares que habitaron, a un como pouco, chócanlle cousas como che chocou a ti esta, e volvendo a Estrabón e vendo esas pedras xigantes facendo esquina, a pía cazoleta do altar, as acanaladuras, comprobar que a sauna queda máis ó sur, xusto, o sur, pro máis arriba. marcando unha liña norte_sur ou Sur_Norte(o cal casaría co dos ritos… pro iso non me gusta pensalo), pensar que esas portas que suxires, pode que non fosen portas, senón que lles faltarían pedras similares ás xigantes da esquina , e ver que están á entrada, da inmensa citania xigante como ocorre noutros asentamentos preromanos, e logo de matinar e fedellar nas marabillosas ferramentas cartográficas e dixitais para visualizar o territorio, localizar algunha outra fotografía, a min seméllame, e é unha hipótese por que andiven no 3d e non sei como o alimentarían pro, vou soltar unha burrada máis de naturalista primitivista, que pensa que os relatos bíblicos dende a nosa posición no planeta, van de leste a oeste e non o revés, e por que un lusitano matase a un preso romano que os quería colonizar, non se pode contar a historia doutras culturas facendoas coincidir cos textos xudeos, nin os augures eran druidas, aínda que se semellasen, nin estamos ante a pasaxe de Abrahan e o sacrificio de seu cativo, ou o Moises picándose co seu pobo por que sacrifican o carneiro a un deus, mentres tenta explicar a un fato de beatos alporizados que cambiaban de eón, non serven para explicar tódalas culturas antes das xerarquizadas… quizais iriamos mellor buscando paralelismos en outras culturas do planeta que na dos coloros que tocaron por eiquí…
    a parida)
    en fin sóltoo. a min seméllame que a pía, podía ser para lavar os pes, o recinto ‘podía ser unha piscina de auga que xa non sei como o encherían pro como pouco podería recoller os sobrantes da Sauna pois queda mais o sur pro a maior altitude, pola esquerda, da pia labapes, (as pías decantadoras, marcharía a auga súcia e as escaleiras, serían para acceder á piscina, as pegadas ó muro pra mergullarse de corpo enteiro, e as outras, pra sentar e mollar os pes. Non sei se me explico pro agora devezo por volver a Avila pra visitar ese lugh-ar. dende logo eu non me avergonzaría de por en dúbida o relato do cartel pra turistas, remítome “ó galego na escaleira” pra velo como algo normal sobre todo dos galegos, que nin mellores nin peores, so digo que legos no sentido non “peyorativo” da verba. é máis, como ves, envíoche parabéns emocionado e douche as gracias por compartir a túa dúbida. a min encantoume ler as memorias da túa viaxe hoxe, sempre pro hoxe máis. ^.^ Saúde.

  2. 10 / Xuño/ 2018

    Boas. Grazas por escribir. Eu creo que non é un depósito de auga. Se te fixas, ten esas aberturas grandes na zona de abaixo. Non se parece nada ao concepto alxibe ou similar que había na península neste sentido. O que si parece é a base dunha estrutura, e que o que tradicionalmente se considera “altar” é parte desa estrutura, non é unha peza exenta e aillada del.

  3. Loís
    10 / Xuño/ 2018

    entendo que a pedra que conten as escaleiras sería o altar e o resto do conxunto que non se integra na teoría do altar, a zona baixa donde aparecen as cazoletas e as pedras xigantes. Nesta e noutros similares, a interpreteción de altar, leva a mente a imaxinalo funcionamento como nun altar antigo da igrexa católica actual, e dicir o oficiante sube por esas escaleiras, no caso do culto católico antigo, cara o nacente solar, en principio tabán de espaldas ó “público”, máis neste caso oriéntanse case case, ó poñente do solsticio de outono, máis non ten necesariamente por que ter sentido a orientación das escaleiras ,claro!. Por comentar opinións que lin (onte) na rede de outros visitantes de Ulaca, escriben que faltan ortóstatos, na construción escavada na rocha, e que se ven, polo visto estrados por aí preto, podería ser que esas portas fosen aliviadeiros da auga na miña burrada, ou mesmo a superficie de contacto dos ortostatos que faltan na parede de pechamento do meu elucubrado alxibe. chocan que eiquí súbes e atopas unha pía, a nivel do piso (iso é o que máis choca) , unha cazoleta enorme, co que ou falta a peza alta, a mesa, ou traballarían o sacrificio de xeonllos, de hai comecei a emburrarme e pensar que esas escaleiras non eran pra subir, senón pra baixar, e vendo fotos, chaman moito a atención dúas escaleiras pareadas que conducen a dous niveis diferentes cara ou desde o que sería o espazo pro público (imaxino, aínda que quizais o que suxires e que o recinto baixo das portas, fose parte do altar e o público no caso de ser sacrificios de cara ó público, poñíase ó arredor), ou para a auga na miña suposición a cegas. mais non vou defender esa idea só por que non saibamos moito de como funcionaban os fluídos, pluviais, animais…(cousa que me intriga a min moito) nestes asentamentos, e a situación á entrada da cibda do (deposito_cisterna ou piscina), cadre coa de outros asentamentos, e tamén por que a min lembroume ó alxibe de Toiriz en Silleda (onde por certo non cadra coa situación) un chisco no sentido de que tamén ten paredes, están en parte escavadas na rocha, mais aquel atópase non en superficie completamente, como sería o caso desta elucubracíon, senón que emprega un salto no terreo. é só unha suposición sen saber demasiado d’ise espazo, que buscaba interpretar, a unidade do conxunto. De tódolos xeitos, se Estrabón foi ben informado neste caso e non no de que eran ateos, faltan os sitios onde tomaban o baño frío logo das saunas. Graciñas de novo polo +saúdos e saúde. https://sketchfab.com/models/985f9cdcd72a416d999ee7dc384b2896

  4. Loís
    10 / Xuño/ 2018

    deposito de auga non ten viavilidade, aínda que so faltan partes do cerramento, precisaría un miniviaducto e está moi alto, so funcionaría no inverno, e estaría xeado seguramente. no 3d vese claro que as escaleiras enfilan coas portas, máis podía ser o sítio concreto, onde gardar o lume do pobo. como os gregos, podían ter un lugar específico onde o lume nunca cesase de arder, para alimentar as fogueiras día a día. A auga é importante pero o lume tamén, ademais semella estar inscrito nun rectángulo… bonito domingo me fixeches pasar, colego! ^.^

  5. 10 / Xuño/ 2018

    Grazas pola ligazón ao enlace do modelo 3D! En realidade, eu creo que a segunda liña de chanzos que comentas, que vai máis elevada coa outra, hai que vela en relación a algo invisible na actualidade, que son os volúmenes que podería ter esa estrutura pola súa parte interior. En fin, pouco máis lonxe podemos ir! :-)

  6. Marco
    10 / Xuño/ 2018

    Moi chulo o modelo 3D enlazado por Lois. Outro comentario. Eu non me liaría moito, a día de hoxe, co tema dos “altares rupestres”, dame igual “santuarios rupestres”. Dúas cousas (1) habelos hainos (coma as meigas), sistemática tese de Maria Joao Correia Santos de 2015 e unha chea de papers no seu sitio de academia.edu; (2) temos que aceptar que a denominación e unha convención, en realidade non sabemos qué raios se facía neses sitios, chegan a nos porque son rochas labradas, sen sentido funcional, e pouco máis.
    Quere decir que non temos que estudialos. Non. Velaí os traballos indicados, e sobre o altar de Ulaca o estudo arqueoastronómico de Manolo Pérez subliñando as curiosas asociacións solares das inclinacións e sombras das escadas e recunchos da rocha.
    Outra cousa implícita no post. A diferencia de traballo da pedra. As formas rochosas baleiradas, os batolitos excavados para darlles unha forma, recordan os escravos inacabados de Miguel Anxo, e os sillares perfectamente traballados das canteiras destinados a usos funcionais (?), domésticos (?), e as lóxicas diferentes artesanais, de pedreiros, detrás das dúas formas.
    Gracias, Sole, polas fotos.

  7. 10 / Xuño/ 2018

    Si, unha precisión importante: eu non digo que non teña sentido relixioso. O que me parece interesante é pensar, ou repensar, se o “altar” é unha estrutura exenta e única, ou en realidade é unha parte dunha arquitectura máis ampla, pero tamén notablemente máis descoñecida. O que si cuestiono moito no caso de Ulaca -e non doutros sitios nos que si que o vexo máis claro- é o tema das pías para escorregar fluídos. En pensaría en asentos de muros ou algo similar, igual que se ven en moitos castelos roqueiros medievais.

  8. Loís
    10 / Xuño/ 2018

    . http://www.diariodeavila.es/noticia.cfm/Provincia/20090819/santuario/ulaca/templo/sol/2E5ADFAE-1A64-968D-598856B139A53E1F
    “Todos reconocemos la gran competencia de Gómez-Moreno y el gran trabajo que sobre el patrimonio abulense y español desarrolló pero hoy nadie se atrevería a sostener que el santuario de Ulaca pudo ser un depósito de agua.”

    Seguín fozando e atopei iste texto, polomenos, consólame saber que non fun o primeiro en soltar a burrada. de tódolos xeitos, a proposta porta, (so unha, por que a outra coincide como ben remarcas na tirada das cazoletas de decantación e si que ten pinta que son superficies de apoio) eta a tirada perfecta coas escaleiras, e o tema do calendario, semella moi complexo tamén, estaría ben facer unha simulación solar no blender, e unha proposta de reconstrución, a ver se consigo que me deixen o 3d
    verás, non pretendo enredarme pro verás, nas infografías que ando a manipular vese ben o que tento explicar pro verás que lío me monto.

    vendo o 3D de planta e orientándoo correctamente, vese:
    1º falando do corpo que falta chamoume a atención, o outro lado do penedo que ten as dúas escaleiras, alí vese sen neve, unha zona cuadrangular, que garda trazas rectas curiosas, do ancho da pedra, e máis do muro que se conserba e de lonxitude indeterminada, é dicir que o conxunto tería outro corpo simétrico, +- por arriba… falo da zona con pedras cativas ciscadas… os trazos continúan, ata formar tres lados dun rectángulo orientado, este si Norte Sur na liña que leva a porta e un chisco inclinado pro que coincide coa cara interior que se conserva. se moves o 3d sobre esta zona, vese no lado oeste do cuadrángulo das pedras ciscadas, un muro tallado, para entendernos, cara o exterior, e no lado leste, como restos de un parapeto de pedra, que marcan liñas perfectamente rectas. no 3d vese perfectamente que estas liñas se producen por que aparecen caras verticais labradas.
    2º se enfilas unha das portas das que fala Manuel como comentei antes coas escaleiras do medio, van directamente ás escaleiras, e mesmo semella que o parapetiño que separa estas, das cazoletas de decantación ou asento de ortóstatos, ten continuidade en altura e textura. e porta si pero non, non é a miña intención deixar dúbida da miña interpretación, só semella que a tirada correspóndese por que son un dos laterais do corpo baixo, e para entrar por aí tamén temos o inconvinte de que nos faltan peldaños cara o exteriór e o pavimento claro que seguramente de existires se puido perder, ademáis de que a liña do fondo e a liña da que falo coinciden nun vértice, visto en pranta máis ou menos na porta, co que aí falta unha peza. ninguén pon as portas nas esquinas, para entendernos, se cortases a esquina que se conserva máis ou menos coa mesma inclinación que está cortada esa, a superficie de recepción interior, tamén amosaría unha concavidade similar (o chao de recepción). Así sen pretender fozar + no tema, na teoría da cisterna o parapetiño tería sentido para armar un muro estanco. e vese que podía ser continuo, pois ademáis de conservar dimensións e textura da pátina no inicio das escaleiras vese roto, non vertical como o primeiro grande peldaño que parte a 1m das escaleiras do suposto calendario, senón roto con fuciño, co que ía mais abaixo.
    3º no tramo de muro que falta, entre a esquina non esquina ( a porta) e a esquina que se conserva, vese un bastonciño no chan que mostra que hai estaba pechado, iso seguro que xa o viche no sítio.

    a min preocúpame máis que se eran relixiosos ou non, o tema do lume, por que non os vexo frotando paus tódolos días, nalgures o terían que gardar, e sobre todo o tema da auga, sen relixión vívese perfectamente, ármanse sociedades sen problema, non xerarquizadas pro si, sociedades que poden desenrolar a súa cultura, sen lumeee, semella máis dificil, e sen auga, amigos, sen auga é imposible, iso sabémolo todo, entendo que neste país atrape máis a relixión que estas cousiñas pro o importante son estes temiñas. Serei feliz o día que se se aclare canto de importante tiñan para esta xente a auga, pois noutras zonas esta claro que eran animistas, de ser algo relixioso, e iste asentamento, polo visto non foi contaminado con esa cultura. Falando mal pro claro, “tou, que non cago con el” ^.^ absorbeume todo o día agás un anaco que fun a por cebolas. Saúde de novo.

  9. 24 / Setembro/ 2018

    Buenos días.
    Soy Riccardo Rocca, él del modelo 3D.
    He añadido alguna información más en mi sitio web sobre la teoría que el santuario pudiese tener un uso también astronomico. Os dejo el enlace, si os interesa.
    Un saludo.

  10. 30 / Setembro/ 2018

    Gracias, Ricardo!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará