O exército de fume: a miña nova novela en xuño nas librarías

O día 7 de xuño chegará ás librarías O exército de fume, a miña nova novela, editada de novo con Xerais. Non sabedes o orgulloso e ansioso que me sinto por que esta historia, que levaba moito tempo bulindo na miña cabeza, saia á luz.

O exército de fume é un relato sobre homes e mulleres valentes que participaron, desde Galicia, na II Guerra Mundial en 1942. Como toda novela, é esencialmente un exercicio de ficción, de imaxinación, e sobre ese material de soños crúzase a historia, pero tamén a lenda. Porque a II Guerra Mundial en Galicia entrou xa no territorio do lendario.

Aquí tes a sinopse:

Principios de 1942. Galicia vive dúas guerras ocultas ao tempo. Na costa, nazis e aliados combaten no mar e nos portos polo dominio do Atlántico. No interior, a resistencia enfróntase teimuda ao poder de Franco. Ata que todo se cruza.Unha mestra recibe o seu primeiro destino nunha distante aldea da Costa da Morte. Un guerrilleiro de sona acepta a misión máis perigosa. E un pintor de océanos asume un incómodo encargo. Sen sabelo, os tres van ficar unidos polo desengano, a esperanza e a valentía, nun remuíño que une os seus pasados cos dramáticos acontecementos de Europa. Na súa segunda novela, Manuel Gago mergúllase nun poderoso relato de acción no que se mesturan a historia, a lenda e a ficción. Unha novela sobre esquecidos heroes anónimos que non saben que son tal. Cando dúas guerras se xuntan, o futuro do mundo está en xogo

O exército de fume é unha novela de xénero: acción e espionaxe, pero sobre todo é un relato sobre vidas marcadas polo pasado, por persoas que toman decisións sen necesidade de grandes palabras. Un homenaxe á guerrilla do país, tan esquecida, e ás pequenas e grandes resistencias. Con moito, moito orgullo, preséntoche o trailer de O exército de fume. Non o perdas. :-)

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará