Santo Graal: un viño ‘arqueolóxico’ para as festas do verán

O sábado pasado, durante a xornada de conmemoración da batalla de Repil, na Pobra do Brollón, tiven a oportunidade de probar en numerosas (pode que demasiadas) ocasións o viño Santo Graal, que os amigos do proxecto arqueolóxico San Lourenzo empregan como porta de presentación do proxecto. O Proxecto arqueolóxico Castro de San Lourenzo está a recuperar o espazo e a memoria do vello castro, pero tamén do espazo cristián medieval posteriormente instalado nel, pero ten unha vocación integral no que tamén é relevante a memoria dos guerrilleiros asasinados pola Garda Civil na aldea de Repil en 1949. Entre os numerosos conceptos do proxecto está o de procurar, no máximo posible, o autofinanciamento da actividade científica e de recuperación dos lugares, e un dos produtos derivados máis curiosos é o viño Santo Graal.

Trátase dun Ribeira Sacra da subzona de Amandi con notas de gran tipicidade da zona: un certo gusto de mineralidade, con notas de froitas vermellas non excesivamente maduras, e cun paso lixeiro que o convirte nun viño moi doado de beber e, polo tanto, moi axeitado para as xuntanzas familiares e de amigos que van chegando agora na primavera e no verán. E o máis interesante é o prezo: a caixa de 12 botellas véndese por 47 euros, é dicir, 4 euros a botella. Coa “tontería” que está a ter o viño galego ultimamente, este é un prezo excelente na relación calidade/prezo, xa volo digo. Os beneficios do viño van destinados ao proxecto do castro, así que adquirindo unhas botellas estás contribuíndo ao desenvolvemento económico dun proxecto arqueolóxico de referencia, construído a partir da singular visión que ten Xurxo Ayán da arqueoloxía en comunidade e que eu comparto totalmente. Dito isto, o viño é xeitoso e ideal para iso que vos digo: un viño con tipicidade galega, acidez contida (está ben para disfrutalo con xente que ao mellor padece do estómago) pero que dá alegría nunha gran mesa colectiva e contribúe a unha gran historia.

Se o queredes mercar, eles envíano (hai que engadirlle os portes de envío ao prezo) ou podedes negociar a entrega persoalmente. Eu penso empregalo de pleno este verán para as celebracións á sombra do emparrado. Podedes contactar con eles en Castrodesanlourenzo@gmail.com.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará