O mar transparente

Recoñezo que, se cadra por ser eu da ría de Arousa, o meu nivel de esixencia con respecto aos restaurantes especializados en peixe adoita ser alto. Por iso mesmo, resúltame bastante difícil contestar á típicas peticións de onde comer ben peixe ou marisco preto de Compostela. Cónstame que non son o único. Aínda que hai bos sitios, claro, acadar unha relación razoable entre prezo e calidade non sempre é tan doada. E que, ademáis, se cumpran outros factores tamén moi importantes, como unha esmerada atención, tempos de espera normais, un nivel de ruído máis ou menos reducido ou transparencia nos prezos dos peixes do día, a cousa vólvese aínda máis difícil.

Pero Casa Ríos, en O Freixo de Sabardes (Outes), cumpre de maneira espectacular todas estas premisas. É posiblemente, un dos mellores restaurantes en peixe das proximidades de Santiago. Aínda que na ría de Muros-Noia (especialmente na banda norte) hai facilmente catro ou cinco locais cun bo produto de mar, Casa Ríos despunta sobre eles por un servizo en sala de alto nivel, unha adega de viños tamén ben escollida e servida con respecto, unha sala impecable e fermosa que mira para a ría e as embarcacións do Freixo. En días luminosos é unha absoluta marabilla. Como digo eu, este é un sitio para levar un día (de celebración) á sogra ou sogro.

A gastronomía combina un forte acervo tradicional con lixeiros toques contemporáneos, esencialmente nas presentacións e nos postres. Falamos dunha gastronomía de produto, sobre todo mariñeiro, que ofrece unha ampla gama dos produtos do mar local, desde os mexilóns do polígono de bateas máis próximo, o da Illa da Creba, ata o que se canta en lonxa.

E aquí está unha das cousas que me gustan deste local: a súa transparencia nos prezos. Estou canso da pillería de moitos locais que aproveitan esa situación festiva da visita a un restaurante para cantarche a oferta de peixes e mariscos do día sen indicar os prezos. O peixe cambia tanto de cotización que dar conta dos prezos por ración ou por kilo é absolutamente necesario e achega tranquilidade ao cliente. En Casa Ríos, alén da carta con prezos estables, o camareiro explica o xénero do día deténdose todo o preciso explicando os custes de cada ración e todas as súas posibilidades en termos de servizo (venda por unidade, media ración, etc.). E non pasa nada. Ninguén se pon encarnado, nin se sinte incómodo nin similar. Nun minuto ti tes toda a información e logo decides por calma. Por desgraza esta práctica, que se fundamenta nun gran respecto ao cliente, é moi pouco habitual na costa do país. Lembro outro lugar onde tamén se seguía escrupulosamente o protocolo: o añorado Casa Manolo, en Caldebarcos (Carnota), desgrazadamente pechado. Eu podo entender que non se queira andar imprimindo todos os días unha carta con prezos distintos, pero hai xeitos de ofrecer toda a información ao cliente de maneira perfectamente elegante.


Arroz de centola

En Casa Ríos é fundamental pedir a empanada de millo da casa -faise nunha panadería próxima. É estupenda, na liña das empanadas tradicionais de millo da zona. E a partir de aí, abandonarse ao produto. Os peixes, cando veñen enteiros, filetéanse en sala no estilo clásico, cunha excelente presentación. O arroz de centola é tamén notable. O prezo: con viño incluído, dúas medias racións e plato principal, andará nos 30-35 euros por persoa. Un custe razoable para produto das nosas rías de calidade, servido de maneira impecable e nun entorno coidado, elegante e moderno.

Sen dúbida, unha das opcións máis recomendables para disfrutar do produto do noso mar nas proximidades de Compostela.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará