Festival Atlántica: dous paseos pola Compostela oculta

Pois como xa sabedes, chega agora en marzo o Festival Atlántica e imos celebrar con el o gusto polas historias! Desta volta, o Festival convidoume a facer dous espectáculos que, outra vez, contan relatos distintos e alternativos de Compostela. Unha Compostela na que sucederon moitas cousas ao longo de mil anos de historia, e nas que non todo, nin moitísimo menos, foi o Apóstolo e o Camiño de Santiago. Os meus espectáculos de narración oral tentan reivindicar a Compostela habitada e vivida: a dos veciños, a humildes pero tamén dos poderosos, a das historias sorprendentes que nos conectan, a das historias incómodas ou dos pequenos relatos do diario. Son espectáculos camiñados, como conversas entre amigos.

Compostela Negra: No rueguen a Dios por el

Por unha banda, debido á enorme demanda que tivo A Compostela Negra o ano pasado, este ano recuncamos. Trátase dun relato sobre os crimes máis sonados de Compostela (nesta ligazón tes unha descrición, pero ollo, que é o post e, polo tanto, as datas, do ano pasado), que realizaremos camiñando pola cidade. Será o 15 de marzo, xoves, ás 18 horas. Podes reservar praza en festivalatlantica@gmail.com e ten un custe de 6€. Atención porque apenas o anunciamos e xa están voando as prazas, así que se queres acompañarme, fai a reserva canto antes.

A Almáciga: cando as periferias explican o mundo

Este é un espectáculo camiñado que me fai moita ilusión facer, xa que vivín no barrio compostelán da Almáciga durante varios anos. Facémolo en colaboración co Centro Xove. Espazo cultural para a mocidade de Compostela que está alí, na Almáciga. Neste paseo descubriremos por que ás veces un lugar aparentemente á marxe dos grandes titulares da cidade vale para explicar toda a evolución do lugar desde hai máis de cincocentos anos. Coñeceremos batallas reais pero tamén simuladas, modelos artísticas improvisadas, relatos de marxinalidade e integración, emigrantes colonizadores, bares inspiradores, ducias de aforcados e un dos grandes segredos da cidade. Asegúrovos que vaivos sorprender o que tal se pode contar deste barrio. Será o 20 de marzo, martes, ás 18.30 horas e podes facer a reserva no Centro Xove da Almáciga, no teléfono 681601960 ou en centros@serviplus.org. É un espectáculo de balde. Teñen prioridade os mozos e mozas de 14 a 35 anos.

E lembra que en Atlántica hai moitos máis espectáculos. Podes consultar o programa completo aquí.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará