Festival Atlántica 2018: A palabra pide paso!

Un ano máis, xa temos unha nova edición (e van seis) do Festival Atlántica de Narración Oral, que xa é un dos festivais de narración oral con máis actividades de toda a Península Ibérica, e que dirixe Sole Felloza. Será entre o 13 e o 21 de marzo, en oito concellos galegos (Santiago de Compostela, Ferrol, Vigo, Teo, Lalín, Pazos de Borbén, Ourense e A Coruña) que colaboran entre eles para conseguir unha programación internacional de contacontos que inundan Galicia de palabras e sonoridades. Isto é o que máis me gusta de Atlántica: que demostra que estas cousas son posibles, que corporacións de diferente signo político poden colaborar sen problema ningún para conseguiren reducir custes e combinar unha retribución digna aos artistas coa posibilidade de traer unha excelente programación a concellos grandes e pequenos.

A verdade é que este ano hai moitísima programación interesante e contacontos impresionantes. Convídovos a que lle botedes un ollo no web oficial. Eu tamén farei un par de actividades que, aínda que xa as explicarei máis en detalle dentro duns días, podedes facer a reserva xa (dígoo porque xa sabedes que despois voan) nos contactos que se indican na web.

Vémonos en Atlántica!

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará