Eunate: 33 portas para abrir o aire

Fotos: Sole Felloza

Eunate non fica lonxe de Pamplona, a uns vinte e poucos minutos, nun fermoso val ao pé do Camiño de Santiago. E alí, no medio, érguese unha das máis famosas igrexas de Navarra, unha xoia do románico de finais do século XII. De Eunate, da súa pranta octogonal coma o templo de Xerusalén e a súa galería porticada de 33 arcos, tense escrito moita literatura fantástica, con pouco fundamento. É un dos típicos sitios que aparece en canta guía esotérica do Camiño de Santiago hai.

Non imos concederlle espazo a esas teorías, porque Eunate non as precisa para erguerse, poderosamente, como unha arquitectura chea de suxestións. Pénsase que, se cadra, había un despoblado aquí, unha aldea medieval desaparecida. Para os galegos, estes despoblados do centro e noreste da Península resúltanos absolutamente exóticos. Alguén que abandonou a súa terra para irse a outro sitio? Como pode ser?

Non puidemos pasar ao interior, xa que os horarios da capela son un tanto peculiares (se queredes vela por dentro, buscade o número de teléfono e chamade antes), pero só polo exterior hai cousas que sobrancean fermosas. A capela, deliberadamente alta, convértese nunha icona para un camiñante canso, un faro de terra de fe cando fica aínda un longo camiño. E a galería porticada, que unha vez acolleu unha necrópole, outórgalle ritmo ao románico, eleva o edificio coa súa ruptura do aire: induce á paixón pola xeometría, as formas e a linguaxe da materia, esa gramática espacial de luces, sombras e volumes.

Algúns verán un sentido esotérico a esas trinta e tres portas que no XIX se inventaron que querían dicir 100. Eu vexo, sobre todo, o prodixio da arquitectura, cando os mestres arquitectores eran, case todos, anónimos, pero xa sabían outorgar sentidos ás pedras.

2 Comments

  1. 3 / Febreiro/ 2018

    Un dos meus lugares favoritos de Navarra, como unha casiña de bonecas na que podes atopar moitos elementos a tamaño reducido. A última vez que estiven nela soaba música clásica no interior que lle daba un aire trascendental á visita.
    Saúdos, coma sempre unha gozada visitar Capítulo 0 e as fotos de Sole, coma sempre, marabillosas.
    Parabéns.

  2. 3 / Febreiro/ 2018

    Moitas grazas, Pilar!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará