“Olla podrida” para curar do frío e da neve

Hoxe os montes de Navarra, os outeiros e picos que levan dos vales ata a Llanada de Álava, e de alí aos desfiladeiros de Pancorbo, o vento traía a neve e a neve volvía irreal o mundo, mergullando nun estremo silencioso. Estiveramos percorrendo fascinantes interiores románicos no rural vasco, e tiñamos os pés tan conxelados como intrigado e alzado o ánimo. Así que collín o teléfono e chamei para reservar na mellor olla podrida de Burgos.

Que non está en Burgos, senón nun lugar de prodixiosas historias: o mosteiro de San Pedro de Cardeña. Hai tantas cousas que contar aquí, deste cenobio hoxe nas aforas da cidade castelá, que escápanse do sentido deste post, que é falar desta fantástica pota castelá xa glosada por Cervantes e moitos outros. Aínda así, o mosteiro, hoxe colonizado polos trapenses, tamén ten o seu punto gourmet. En fin, que eu me refiro máis ben ao Mesón El Cántaro, un pequeniño restaurante xusto enfronte do mosteiro. Comedor pequeno, cheminea prendida e mesiña ao carón das labaradas: que mellor se pode pedir para dixerir románico?

A ola podre, ou a ola podrida, é un cocido castelá e, polo tanto, sen patatas. É un membro máis da familia de cocidos ibéricos, que glosan ao porco entre abrollares de auga, cada un co seu carácter e o seu punto. Na olla burgalesa, primeiro sérvese o potaxe, un poderoso plato de fabas vermellas, para pasar despois aos sacramentos: ou sexa, a morcilla, a orella, a costela. Todo cociñado moi lentamente, todo para desfacerse na boca, todo case ao límite. Un prato en dous tempos, no que a temperatura, como é lóxico, resulta fundamental para que todo funcione cao punto.

Pedide un bo viño da terra, e algúns dos postres da casa. Sobre 20 euros por persoa. Un lugar ideal para facer un alto nunha viaxe pola zona e degustar a gastronomía do norte de Castela sen necesidade de meterse á cidade de Burgos, e co mosteiro como lugar ideal para dar un paseo posterior.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará