Presentamos o Mapa Sonoro de Galicia

Con gran pracer presentamos hoxe, como simbólico agasallo de Nadal, o Mapa Sonoro de Galicia do Consello da Cultura Galega, un proxecto que tiven o pracer de coordinar e que parte de máis de 500 documentos sonoros de carácter etnográfico, antropolóxico, lingüístico ou de sons ambientais ou humanos.

A clave destas coleccións era a súa capacidade de achegar valor engadido aos documentos a través da xeolocalización: a través do posicionamento dos rexistros sonoros nos lugares nos que foron gravados (respectando sempre cuestións de intimidade das fontes, cando é o caso), damos información clave para entender as cuestións das que se fala. Desde as variantes lingüísticas da lingua galega, ou a preeminencia dun tipo de historias, contos ou melodías sobre as outras. A través do Mapa Sonoro de Galicia se pode apreciar e disfrutar a diversidade cultural, lingüística, paixasística e social do país. Deste xeito, podemos escoitar ouvear lobos no Xistral, saber da pesca no banco sahariano, sentir da aparición do demo en Mazaricos, ou escoitar unha chea de cantares de reis. Hai rexistros sonoros que son unha auténtica gozada.

Fixemos unha web para pasar horas escoitando recursos sonoros, e confiamos en incorporar novas coleccións sonoras. Tamén convidamos a quen teña coleccións de audio de carácter etnográfico, antropolóxico, de audio ambiental, e lle apeteza incluílas neste repositorio con todas as garantías, pode escribirnos. Temos unha ferramenta estupenda para poder xestionar a subida de material e ir publicando gradualmente, e deste xeito poñelas en acceso aberto cara o mundo. Aquí tedes máis información sobre o Mapa Sonoro de Galicia e os seus créditos.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará