Créase a Rede do Patrimonio Cultural

Queremos que este sábado sexa un día moi importante para o patrimonio cultural galego. Desde hai moitos anos, sabemos que en Galicia temos unha paradoxa: cóntase con entidades civís moi activas na defensa do patrimonio cultural da súa localidade ou comarca, pero carecemos dunha ferramenta de coordinación que permita unir a estas entidades entre si para compartir información, intercambiar coñecemento e emprender campañas conxuntas que beneficien a todos aqueles interesados. Internet nos últimos anos foi permitindo que se estreitaran lazos entre moitas entidades, que xa comezaron informalmente a realizar este traballo. O que estamos facendo é dar un paso adiante. Un paso, no meu punto de vista, moi importante.

O día 3 de xuño, ás 11 da mañá, no Salón de Actos do Museo do Pobo Galego, celebraremos unha xuntanza aberta para a constitución da Rede do Patrimonio Cultural. Un instrumento sinxelo e flexible que permitirá ás asociacións de carácter local emprender accións conxuntas en defensa do patrimonio cultural en ámbitos que rebasan o seu territorio, nomeadamente o autonómico. Esta xuntanza está convocada por un grupo de entidades que nos puxemos de acordo para facer esta coordinación previa, pero todas as entidades civís vinculadas ao patrimonio cultural están convidadas a participar, nomeadamente asociacións/colectivos. Ollo, vir á xuntanza non compromete á nada, pero cremos que é moi importante que as entidades locais poidan contribuír a crear ferramentas que as axuden a ser máis visibles pero tamén a ser máis influíntes para conseguir cambiar as cousas. Iso si, faremos unha declaración aos medios finais declarando a súa constitución coas entidades que finalmente se adhiran.

Aquí tedes a declaración conxunta inicial, no que se explican os obxectivos da Rede e os mínimos de funcionamento que acordamos as entidades convocantes. Se queredes participar, podedes inscribirvos no formulario que está ao final da declaración, ou clickando aquí.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará