Cal do Barqueiro, o último refuxio da resistencia

Esta historia comeza e acaba con escenas dignas dun filme. Imos situarnos. Na dura posguerra, Xosé Carbón, de aquela un rapaz de Lavandeira, foi axudar a un vello da aldea. O vello tiña unha fraga nos canóns do río Eume, e quería construír unha canle desde o río para levar a auga ata alí. Así que aquel home falou con varios rapaces, entre eles, Carbón. A fraga ficaba nun lugar remoto, lonxe das casas e das aldeas, un lugar solitario no medio de ningures, no fondo dun canón. Carbón remontou un pouco o río para buscar o lugar axeitado no que comezar a construír a canle, e de súpeto veu algo que o deixou teso. Nun lameiro, había numerosas pegadas de botas. En si iso xa era inusual, alí no medio de ningures, pero había un detalle máis: as botas tiñan un tacón circular, e non rectangular. Carbón quedouse de pedra e foi xunto ao vello. “Tío Pepe”, díxolle Carbón, “aquí anda xente estraña. Veña a ver”. O vello achegouse ata o lameiro e cando veu as pegadas das botas comezou a borralas. “Imos parar”, dixo de súpeto, “e ti non digas nada, que cos teus compañeiros xa me apaño eu. Pero non digas nada, eh?”. E o vello explicoulles aos outros rapaces que non ían continuar, que había que deixar o traballo. Era demasiado esforzo para pouco rendemento. E así marcharon de aquela fraga, e deixaron aquel lugar tranquilo.

Malia iso, Carbón vería máis veces a aqueles homes. Os últimos resistentes á ditadura de Franco. Afoutos guerrilleiros da IV Agrupación, que se movían sen parar na zona de Ferrol, As Pontes, Fene, Mugardos, aos pés mesmos da base naval e da propia cidade natal de Franco. Sobre todo, vía as pegadas de aquelas botas de tacón circular nas corredoiras, nos lameiros, nos pasos dos regatos. “Tiñan o tacón circular porque así podían camiñar mellor sen prender nas silveiras ou no mato”, explicounos Carbón. E Cabrón borrábaas sempre: como unha sorte de sombra benéfica, facía desaparecer os trazos dos guerrilleiros no monte sen que eles mesmos se decataran. E non era o único: a densa rede de apoios fixo posible que resistiran trece anos no corazón da represión franquista. Aquí, nas fragas do Eume, estivo o último refuxio da IV Agrupación Guerrilleira, dos resistentes do Norte de Galicia. O lugar aínda existe. Case inaccesible, protexido pola frouma, pero aínda se conserva.

O Día das Letras galegas fun visitalo. O BNG do concello coruñés de Cabanas organizou un roteiro destinado a coñecer este importante lugar de memoria. Partimos da aldea de Lavandeira para descender pola ladeira do Rego da Lagoa. Non era moita distancia, pero as condicións de acceso son moi duras. Hai algúns tramos que hai que descender por cordas, e outros de gran complicación, sen camiños claros. A antiga base guerrilleira fica aló embaixo, no tramo máis recóndito do río. Comezou a estar activa ao redor dos anos 46-47, e asegúrovos que hai que chegar a ela para entender moitas cousas do dura que debeu ser a vida desta xente.


Forno da estrutura rectangular

Ao chegarmos abaixo, o primeiro é a sorpresa. Un regato bule entre as pedras, a humidade pálpase por todas partes, a vexetación estoupa e as pedras están recubertas de carrizo. E unha pequena pero espectacular fervenza elévase no alto. Camiño polo lugar esperando a seguir ata o refuxio, ata que alguén me di: “Era aquí”. Era aquí? E aquí decátome como, de algún xeito, a camuflaxe aplicada polos guerrilleiros segue a funcionar. En primeiro lugar, porque non esperas que ninguén poida vivir aquí, nun lugar tan fermoso á vista como durísimo para a saúde e os ósos. E é certo. De súpeto comezo a ver cousas sorprendentes. Porque cada pedra grande ten muros que pechan as aberturas e oquedades, ficando no seu interior pequenas covas. Aquí, alá. Hai unha grande na que observamos unha plataforma de pedras que permitía nivelar a superficie. E máis alá aparece outra que é como a evidencia para os escépticos. Unha estructura rectangular máis grande, que no seu momento tivo chan de cemento, e nun dos seus estremos, con claridade, un antigo forno. Non hai dúbida. Estamos na base de Cal do Barqueiro, último refuxio da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia. Aquí, nestes lugares, chegou a haber unha emisora portátil, máquinas de escribir e unha impresora Minerva coa que se editaba El Guerrillero-Órgano del Ejército Guerrilleiro de Galicia. Aquí ficaban os guerrilleiros doentes e desde aquí partían e volvían en expedicións e accións militares.


Polas datas, este exemplar de El Guerrillero podería estar impreso na base de Cal do Barqueiro

Connosco vén un home que non para de falar. “Se eu falara deles, non me chegaría un día enteiro”, cóntanos. El descríbenos a escena, que quedou tan gravada na memoria local, da caza de Riqueche e o seu destacamento, oito guerrilleiros, en Pazos (Monfero). Fálanos de como levaron aos guerrilleiros no carro dun home da aldea para soterralos no mosteiro, nunha foxa común, pero polo camiño o sangue dos mortos enchoupaba as rodas e as xuntas do carro. Aquel home está alí abaixo, mirando o lugar. “Aquí tiña que vir Feijóo”, di el, “pero non virá”. E repite: “pero non virá”. É o único momento no que fica calado.

Obviamente, a cultura material que existe é mínima. As chouzas foron destruídas tamén polos veciños anos despois, pero nunca foron grandes edificios. Parece ser que se construían entre os penedos, se tapaban cunha lona e por riba da lona ramallada verde para camuflar. Estaban pensadas para non ser vistas. Pero visto na distancia, lembroume ás ruínas dos mosteiros altomedievais galegos, con varias habitacións, estruturas e socalcos tamén ao redor dunha fervenza, nun profundo canón no que pouca luz entra.


Estrutura rectangular esmorecida

O certo é que tralas dificultades para chegar o sitio, o lugar devórache a conciencia. O sentido de lugar aquí é fundamental. Porque es consciente do aillamento, da dura elección do sitio, da necesidade dun lugar remoto nun territorio ultrapoboado como Galicia, da elección dun sitio con duras consecuencias para a saúde desta xente (frío, humidade, etc.). Alguén fala de que o sitio debería estar recoñecido e sinalizado e preparado o seu acceso. Aquí, á fin e ao cabo, concentrouse a última resistencia do occidente galego a unha terrible ditadura fascista que nos cambiou o futuro. De algún xeito, este foi o último lugar libre da Galicia occidental.

Pero alguén tamén di: “E mira ti se alguén vén e pinta neste sitio unhas cruces gamadas ou unhas esvásticas”. E tamén quedas dubidando. Mirade o que pasou estes días na Coruña coa exposición do movemento obreiro. Isto non é un santuario, pero é un lugar da memoria e da dignidade. Un lugar que merece un respecto. E por desgraza, neste país, o respecto aínda se consegue co secreto.

A fin da base de Cal do Barqueiro, ao igual que o inicio deste relato, tamén é digno dun filme. Parece ser que os guerrilleiros chegaron a implementar un sistema de alarmas cunha bocina eléctrica. Había tamén dous puntos de vixilancia en penedos sobre o propio refuxio. O 18 de xullo do ano 1950 a bocina comezou a soar. Unha partida da Garda Civil aparecera na zona, pero os guerrilleiros, grazas á alarma, tiveron tempo de prepararse. Cóntase que uns e outros, guerrilleiros e gardas civís, ficaron apuntándose, os uns aos outros, no estreito canón do río. E aconteceu algo incrible. Decatáronse de que se se liaban a tiros non ía sobrevivir ninguén de ningún bando. Así que a Garda Civil foi retrocedendo lentamente, monte arriba, e os guerrilleiros fuxiron río abaixo, abandonando para sempre Cal do Barqueiro ou Cal do Foxo, a última base da guerrilla occidental galega.

NOTA: este é un dos casos nos que prefiro non divulgar directamente as coordenadas do lugar polos motivos antes expostos. Seguen a existir fascistas con gañas de facer dano. Se alguén quere visitar a Base Guerrilleira, pode escribirme un correo electrónico a magago@gmail.com e con gusto pasareille as coordenadas.

NOTA2: Agradezo a Henrique Sanfiz, director de Radio Fene, que me remitira esta valiosa ligazón. Unha entrevista ao señor Xosé Carbón, memoria viva da resistencia antifranquista na comarca de Ferrol.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará