Volve o Festival Atlántica de narración oral

Sole Felloza dicíao hoxe á mañá na rolda de prensa. Cando comezou a organizar o Festival Atlántica na primeira edición, Cándido Pazó díxolle: “se aguantas ata os cinco anos todo vai ir ben”. E velaí van xa cinco anos de narración oral! O Festival Atlántica medrou e medrou e podemos dicir que este ano xa é, posiblemente, o único festival escénico galego con sedes en sete cidades e vilas do país. E unha demostración, ademáis, de que é posible unir a concellos con diferentes gobernos ao redor da narración oral, unha das grandes destrezas da nosa cultura e onde Galicia, aínda que non o saibamos, é unha potencia mundial. Así que o Festival Atlántica chega este ano non só a Santiago, senón á Coruña, Ferrol, Vigo, Ourense, Lalín e Teo con espectáculos entre o 15 e o 19 de marzo. Tempo haberá para ir detallando as actividades e os narradores (eu recoméndovos que vos subscribades ao Facebook de Atlántica para enterarvos de todo). Adiántovos que eu tamén farei unha actividade, nas rúas de Compostela, bastante curiosa. Nos vindeiros días cóntovola. :-)

Aquí vai a nota de prensa oficial do FEstival

O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa quinta edición, que se vai celebrar entre os días 15 e 19 de marzo. A presentación tivo lugar este mércores, 15 de febreiro, nunha rolda de prensa que tivo lugar no Museo do Pobo Galego de Santiago de Compostela e na que participaron representantes dos concellos que este ano apoian o festival. Así, na rolda estiveron Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela; Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura, Educación, Deportes, Turismo, Festas e Universidade de Ferrol; Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín; Marta Souto, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo; Rosa M. Díaz Naya, directora da Biblioteca Pública de Ourense; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Os cinco anos de vida de Atlántica coinciden coa súa ampliación xeográfica, un feito que Soledad Felloza sinalou durante a súa intervención cando destacou que “este é o ano da consolidación do Festival Atlántica, pero tamén é o dun importante salto adiante, ao chegarmos a toda Galicia” e que se trata “dun dos poucos festivais escénicos con sedes en toda a comunidade”. O intenso traballo en rede desenvolvido vai significar “que os concellos colaboradores poderán acceder a grandes artistas cunha achega económica modesta”, xa que que levará “case 40 espectáculos en 5 días para todos os públicos”.

Ademais, fieis ao espírito do festival, a programación axunta de novo contadores de países con ribeiras no océano Atlántico –Brasil, Portugal, Uruguai- e convidados doutros mares –Alemaña e Alacante- amais da representación galega. Para Felloza, cómpre salientar “a identificación da cultura atlántica con Galicia” e lembrou que o festival “é a cabeza dunha rede de Festivais do Atlántico que involucra tamén a Madeira, aos Azores, a Lisboa e á Bretaña francesa”. Tamén anunciou que este ano “o Festival Atlántica lle outorga a súa Cornamusa de Honra ao Museo do Pobo Galego, por gardar durante corenta anos a memoria de Galicia”.
Felloza lembrou que a información sobre os contadores e contadoras deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.com) e que pouco a pouco se vai ir desvelando o programa detallado das actuacións e mais o prezo das entradas e dos abonos.
Un festival para todos
Como en edicións anteriores, Atlántica volve programar actuacións para todos os públicos e haberá de novo espectáculos para adultos, mais tamén para cativos, que se van desenvolver nas escolas e nos centros socioculturais dos concellos participantes. Ademais, estas últimas actividades van ser gratuítas por mor da colaboración dos propios centros. O carácter inclusivo do festival reafírmase coas sesións de contos para bebés e co espectáculo en lingua signada, unha novidade da pasada edición que volve este ano.

Sobre a foto: Na mesa, de esquerda a dereita, Pilar Faxil, concelleira de Cultura e Educación de Teo; Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago de Compostela; Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica; Suso Basterrechea, concelleiro de Cultura, Educación, Deportes, Turismo, Festas e Universidade de Ferrol; e Lara Rodríguez, concelleira de Cultura de Lalín.

One Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará