Porta do Sol: unha coidada cociña de base tradicional

Quen sexa afeccionado á estrada N-525, que vai de Santiago de Compostela a Ourense, estará comigo é que é unha auténtica estrada da carne. No ano 2006 escribín neste blog un post chamado Na busca dos praceres da carne na estrada Santiago-Lalín, que durante moito tempo foi a entrada máis vista no blog pero, claro está, por xente que buscaba en google outros praceres da carne que non eran exactamente as barbacoas e churrascos aos que eu me refería.

O caso é que calquera oportunidade de diversificar esta oferta debe ser benvida: estamos falando dunha estrada que percorre concellos fantásticos con innumerables opcións para facer excursións, coñecer patrimonio cultural e natural. Limitar ao churrasco e pouco máis -aínda que sexa, en xeral, de boa calidade- era unha mágoa para un camiño que é percorrido con moita xente que busca coñecer o interior de Galicia. Así que unha gran alegría está na apertura, hai uns meses, do restaurante Porta do Sol, en Lamela. Lamela é esa aldea da estrada que está antes de Bandeira, e que é famosa sobre todo pola churrasquería O Gaucho, que os fins de semana reúne a centos de persoas no acto de papar unha boa cantidade de carne á grella a un prezo moi económico (eu gosto moito deste sitio tamén, agás da cervexa servida en vaso de tubo).

O Porta do Sol, un negocio familiar, restaurou un antigo edificio de principios do século XX para ofrecer un comedor coqueto no que ofrecen unha versión da cociña tradicional actualizada no servizo e na presentación, pero mantendo a esencia dunha comida caseira e de interior. No noso caso pedimos unhas croquetas de primeiras (de choco, camarón e creo lembrar que de xamón), para facer sitio a un excelente arroz de cocochas e vieiras, unha das especialidades da casa (22 euros/persoa). Non é barato o prato (hainos de mellor prezo, claro) pero é que nin cocochas nin vieiras se agasallan nos mercados. O caso é que é un pratazo, unha auténtica referencia que compensa a viaxe ata Lamela para degustar un arroz moi meloso, que no noso caso ademáis de cocochas e vieiras, chegounos con ameixas.

Todo isto acompañado dun bo servizo de viño e, para postres, unhas filloas recheas dun fino chiculate belga. Con viño (perdín a marca, pero teñen un excelente Ribeiro de colleiteiro) aproximadamente uns 35 euros por persoa que, cambiando o arroz por outra cousa, andarán nos 28 euros.

Sen dúbida, a N-525 xa ten nas súas marxes un establecemento que, malia a súa mocidade -unha vida de poucos meses- xa conseguiu elevar os estándares gastronómicos da estrada e crea unha icona a partir da cal perderse por esas pistas e descubrir os pazos, os castros, os mosteiros e a fermosa natureza agraria desta zona límite entre o Deza e o Ulla.

Fotos feitas cun iPhone 7: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará