Ribeiras sacras ocultas: o Santomé de Baroña

O xeito no que construímos o sentido dos lugares hoxe en día lévanos moitas veces a pensar que son únicos. E parece que as cousas só teñen valor se son únicas ou pioneiras ou primeiras. É o caso da Ribeira Sacra e a súa singular concentración de mosteiros e igrexas entre o Miño e o Sil. A realidade é que toda Galicia é unha ribeira sacra, só que en moitos sitios aqueles pequenos cenobios altomedievais ficaron abandonados, colapsaron durante as importantes reformas monásticas que se deron en Galicia pola volta do século XII e a chegada do Císter. Na actual Ribeira Sacra simplemente tiveron máis sorte, perviviron e se engrandeceron.

Moitos dos canóns dos nosos pequenos regatos e ríos da costa atlántica gardan a testemuña do mesmo fenómeno que cristalizou aló por Lugo e Ourense. Lugares remotos, tan fermosos como difíciles para a vida. O canón do río Pedras na Pobra garda a Misarela pero tamén, augas arriba, a Casa do Conde e a Corte do Santo. Cando se fundou Toxosoutos en Lousame xa eran vellos os espazos sacros do río Tambre, o mosteiro de Corenza, a capela de San Gregorio e pode que un terceiro onda a central. En Boiro os vikingos queimaron outro que aínda non sabemos ubicar. Poderiamos seguir así, percorrendo unha xeografía sacra de lugares remotos, preto das confluencias de ríos, onde se estableceron antigos eremitas ou as familias aristocráticas fundaron aqueles primitivos cenobios.

Aproveitando as vacacións, o outro día visitamos unha destas localizacións, que coido que vén a facer máis ampla esta lista de pequenos refuxios monásticos da Galicia medieval. Este atópase en Porto do Son, un concello no que hai unha interesantísima actividade medieval que non está estudada no seu conxunto. O Santomé atópase na parroquia de Baroña, xusto na caída do regato do mesmo nome desde Montemuíño. Hoxendía este territorio está colonizado polo eucalipto, pero nas fotos antigas podemos ver como estas soedades aínda tiñan algúns prados, carballeiras e a pedra espida. Segundo nos contou Arufe, o veciño que nos levou ata alí, a tradición do Santomé é fortísima entre a xente de Baroña. A existencia dunha capela -algún veciño fala de “cenobio”- que sen dúbida nos remonta a época medieval porque de alí apareceu un sartego enorme que foi trasladado por un veciño á aldea próxima. Aínda que moita da pedra do Santomé foi levada seguramente para as casas, baixo a espesísima capa de frouma pódense apreciar alomenos dous edificios (un deles, pola orientación, podería ser a capela) con bos sillares de canteiría, socalcos, etc.

A capela non está protexida no PXOM nin parece catalogada por Patrimonio da Xunta, a xulgar polo Inventario do Patrimonio Cultural dispoñible en liña, pero é raro que non figure noutro tipo de documentación. Cando estas capelas colapsaban, ían vellas ou perdían os seus patróns e rendas os visitadores arcebispais ordeaban derrubalas. Seguro que nese tipo de documentación podemos atopar referencias a este antigo lugar sagrado, esquencido dos tempos e tapado pola pel do bosque. Calquera cousa que saibas, tamén cho agradezo que nolo contes nos comentarios!

Localización da capela de Santomé en patrimoniogalego.net

One Comment

  1. Alex
    12 / Agosto/ 2018

    A Comunidade de Montes de Baroña limpouna o ano pasado e pronto se fará unha restauración

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará