Sobre os clubes de viños

No último ano teño tan pouco tempo libre que tiven que tomar medidas para disfrutar de algunhas cousas, como pode ser o viño, no que perdes moitísimo tempo (perdes ou gañas, todo é relativo) investigando e buscando novos sabores. Como eu creo nos prescritores, na xente con criterio na que confiar para algo, decidinme subscribir a dous clubes de viño que me fornecen de viños novos mensualmente, cubrindo unha parte importante do meu consumo e da miña curiosidade.

Non sei como lles irá en termos de números a estes clubes de viños no Estado. Existir seguen a existir e o servizo que fornecen é interesante e de calidade. Recibo os viños con regularidade e preocúpanse de que me chegue, se ven que me retraso en ir recollelos (como nunca estamos en casa ás horas de mensaxería, preocúpome eu de ir buscalos ás centrais de transportes). Un aspecto importante dos clubes de viños tamén é o aforro: por un custe fixo mensual ti recibes viños que, moitas veces, están por riba dese valor. Ás veces as adegas fan una oferta especial porque lles interesa dar a coñecer un viño e ti, como consumidor dentro dun grupo de consumidores especializados, benefíciaste diso.

E despois está outra cuestión: o factor sorpresa. Haberá consumidores aos que lles gusta ter todo medido e controlado, pero eu non son deses. A min encántame a lotería de abrir, coma un neno pequeno, as miñas caixas de viño en canto chegan para curiosear a que me enfrento. Ese é un dos aspectos máis divertidos. Ademáis, os clubes proporcionan pequenas revistas que son unha gozadas, explicando os viños, a súa cata e os produtores.

Coméntovos os dous clubes que eu emprego. O Enolobox de Todovino, do que xa falei aquí, e que funciona coma un tiro, con viños de carácter máis sinxelo e aberto, pero estupendo para que non se quere complicar a vida (tres viños por mes) e logo o gran achado deste ano, o Club Vignerons, de Bodeboca.com. Este é cousa fina. Bodeboca é unha tenda de viño que traballa con seleccións bastante especiais e é unha oportunidade de adquirir viños de gama media-alta a prezos lixeiramente máis baratos que en tenda física (eu calculo que hbitualmente, 3-4 euros máis baratos). Pero o Club Vignerons é especial, porque está especializado en pequenos viticultores e en proxectos moi singulares, así que a maior parte das veces estamos a falar de viños moi diferentes, moi interesantes na súa elaboración pero tamén nas súas procedencias. Recibes dúas botellas por mes pero eu creo que este foi un dos meus acertos enolóxicos do ano. Estou encantado co Vignerons. En serio, se vos gusta este mundo, probade porque paga a pena descubrilo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará