Animando un universo literario

Non é, desde logo, un booktrailer, nin quere selo. Está inspirado en O Anxo Negro pero non segue ningunha convención comercial, nin quere facelo, só narrar, contar e buscar o equilibrio entre a imaxe, o movemento, a trama, as personaxes. Estes case sete minutos de vídeo elaborados por Sole Felloza son unha pequena xoia que imaxina un filme ao redor da miña novela O Anxo Negro (Xerais, 2016), e entresaca del esceas que se montan aquí. Unha proposta creativa e artística que foi para min, como escritor, unha auténtica revolución.

En primeiro lugar, porque ti fixas un texto, chegas ao acordo de edición final coa editorial e a historia, en teoría, parece morrer aí. Pero o mundo actual é transmedia: debemos crebar os convencionalismos da industria (un libro? un programa de TV? un cómic?) porque temos a tecnoloxía e os medios para poder facelo, para facer que unha historia avance en múltiples direccións. A miña emoción nesta proposta creativa estivo nun punto determinado: era como se as personaxes deran un pasiño máis alá do libro. Obviamente, nun texto ti fas elusións, non podes describir todo, non podes contar un ambiente, o interior dunha casa, con todo detalle. Pero todo iso xorde no momento no que hai que plasmalo visualmente. E non só iso: as personaxes teñen un carácter que se aprecia no seu movemento, na súa cara, na súa ollada.

Vivimos escenas emocionantes. Momentos clave da novela que, cando de súpeto se recrean nun páramo desolado, batido polo vento, parecen converterse en reais. Este é un vídeo para ver antes da novela, xa que logo, pero tamén e sobre todo para ver despois de que esta sexa lida, porque aporta cousas novas sobre o que acabas de vivir nese texto.

Disfrutádeo.

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará