Serj: “O mesmo que fago eu nas miñas cancións vino en O Anxo Negro”

Con trinta e tres anos, Serj é un notable músico da Costa da Morte. O seu último álbum é Velaivén, e está inmerso na composición dunha nova e prometedora ópera rock. Compuxo a banda sonora do proxecto audiovisual baseado en O Anxo Negro e nesta entrevista cóntanos a súa visión da música e a de compoñer sobre unha novela. Porque diso trata o seguinte desafío de O Anxo Negro, antes da súa presentación oficial. Sería posible facer non un booktrailer do libro, senón un trailer dun filme sobre a novela? Como sería, que contaría? Mañá martes 17 pola noite, Día das Letras Galegas, os suscritores de O Anxo Negro recibirán en primicia este trailer dunha versión cinematográfica posible da novela, un experimento audiovisual a cargo de Sole Felloza que non vos deixará indiferentes [clicka aquí para subscribirte]. E, para o resto, distribuirase o mércores pola mañá.

Como empezaches na música?
Cando era pequeno, debía ter oito ou nove anos, era un neno regordete. Había unha clase de gaita na aldea do lado e meus pais apuntáronme para que fora en bicicleta e así adelgazara. Así foi! Da man dun profe de gaita chamado Suso Baamonde.

Es dunha zona na que a música tradicional segue moi viva.
Pasamos por un momento de auxe a finais dos 90 co boom de Carlos Núñez. Séguese mantendo algo, hai moitas asociacións de nenos e nenas, a Carballeira de Zas, pero todo o boom do folk xa non é o que era.

Que outras influencias tes?
Desde o folk, música étnica, tradicional, rock progresivo, pop… Todo o que sexa música e transmita emocións. É importante esta batalla entre o cerebro e a emoción. Hai moitos músicos que se sinten obrigados a facer música para músicos, pero o importante é transmitir emocións, con independencia do xénero. Todo o que cae nos meus oídos escóitoo con moita paixón. Por iso lamento tanto o que está a pasar hoxe coa música. Grupos moi bós con moi pouca visibilidade.

A Costa da Morte márcache moito na música.
Eu entendo que calquera persoa que fai un produto artístico, sempre botas parte de ti e ti formas parte dun contorno inmediato. O clima pode condicionar moito a maneira de ser non só a nivel individual senón tamén social. Nós vivimos nun sitio que marca carácter polo clima, polo orografía, pola cultura e a sociedade.

En Velaivén vin un músico de moito talento, pero tamén que andaba á busca do seu propio estilo.
Totalmente. Non é tanto unha busca dun estilo senón unha maneira de expresarse. Non busco un estilo propio, pero dado que pertenzo á Costa da Morte e teño as miñas experiencias propias, iso nótase. Flúo da maneira que me sae.

Chámame a atención de que as túas cancións, no seu desenvolvemento, son pouco previsibles.
Quero que o oínte manteña o interese, pero iso é renunciar a cousas. A unha persoa non iniciada pódelle custar un chisco porque non é previsible. Tento manter o interese polo que está sonando, e de que maneira se consigue iso? Dándolle riqueza estrutural, harmónica, e cambiando as estruturas.

E a que renuncias?
A moito público, a ese que se deixa seducir polo primeiro que lle chega aos oídos.

Non te cortas un pelo en denuncias sociais.
Cando falas de temas tan delicados como a situación política e social, a música non deixa de ser un divertimento. Eu admiro moito a moitos cantautores. Un artista ten que reflectir o que vive e denunciar o que sexa preciso. Ti mira, John Lennon cando estaba nos Beatles as súas cancións foron un boom, pero na súa segunda etapa Lennon cambiou a súa música e as cancións comezaron a ter unha profundidade bestial, como Imagine…Creo que unha vez que fas unha canción debes transmitir algo con ela.

Que parte de músico es individual e que parte é grupo?
Eu fago cancións, fago todos os instrumentos e logo rodéame de músicos incribles como a xente que me acompaña agora, para os directos.

Estás preparando disco novo?
Si , e non ten nada que ver co anterior. Vai ser un disco bastante conceptual, unha ópera rock. É un disco con catro actos, con tres temas cada acto. Creo que vai sorprender. A idea fundamental é unha muller que sae da súa zona de confort: isto quere dicir a súa parella, o seu traballo…esta muller emprende unha viaxe que se vai volcando en cada canción. Aquí xogamos coa linguaxe, e queremos crear unha atmósfera en cada canción que te transporte.

Como afrontaches o compoñer a banda sonora dunha novela como O Anxo Negro?
Pois con moita emoción ao ser unha das primeiras persoas en lela. Con moito entusiasmo, traballando para un libro desa calidade narrativa, tan entretido, que me tivo en vilo durante uns días. Foi un enorme desafío, porque estamos falando dun tema longo para apoiar unha experiencia audiovisual que espero que se convirta en filme algún día. Foi desafiante e gratificante ao mesmo tempo e é curioso o que pasa que, cando un ten toda a liberdade do mundo para crear ás veces tes unha sensación de vertixe. Sen embargo, cando a túa creatividade se restrinxe, é como unha inxección…

Se tiveras que escoller unha personaxe do libro…
Home, á miña avoa de pequena chamámoslle Mamá Lilita, e na novela hai unha personaxe importante chamada Mamá Sula. O mesmo que fago eu coas cancións vino tamén en O Anxo Negro, porque xogas con diferentes momentos temporais e ambientacións. O momento da Guerra Civil resultoume moi emocionante…e os malos encántanme, sobre todo Servando!

Foto: Sole Felloza

Be First to Comment

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará