O Anxo Negro: desvelamos o argumento e a portada

Pouco a pouco vanse abrindo portas para O Anxo Negro, que en poucos días estará nas librarías. Entrementres, xa podes coñecer máis sobre a historia e a portada. O libro recolle unha historia de historias, un cruce entre realidade e ficción onde os limites os pos ti, lector. Cando escribín este libro, pensei en xente coma min, xente que lle gusta disfrutar coa literatura, viaxar coa imaxinación e facelo con paixón, entretemento e diversión.

Así que nesta novela hai de todo: hai corazón, hai pensamento e hai un ritmo frenético. Aquí está a sinopse oficial (pero polo que descubrín, os lectores da novela farían outras moitas lecturas distintas):

A principios dos anos 80, Nicolás Bren, capitán retirado da Mariña Mercante, recibe un estraño encargo por parte dos veciños dunha parroquia montañesa da Costa da Morte: recuperar a figura roubada dunha Santa Mariña da que son moi devotos.

A investigación emprendida polo capitán, xunto cos veciños da parroquia, levaraos a transitar pola trama dun sistema corrupto e a descubrir os incribles vínculos da talla cun dos instantes decisivos da historia de Europa.

Unha novela trepidante coa que Manuel Gago se mergulla nas raíces profundas da cultura popular galega.

En breve vas recibir a última das sorpresas antes da presentación oficial, que xa te adianto que será o xoves 26 de maio ás 20 horas en Compostela. Para coñecer máis detalles agarda aos vindeiros días, pero xa te adianto que será unha festa que non te poderás perder. Como te dicía, a última das sorpresas antes da presentación será inagardada, poderosa e diferente. Fica atento ou subscríbete ao Anxo Negro no web.

Aquí podes consultar a ficha en Xerais.

6 Comments

  1. S. Lorenzo
    1 / Agosto/ 2016

    Parabéns pola novela. Comenzou a modiño, presentando ós personaxes, a situación, adíante e atrás no tempo, e cando me quixen dar conta xa non podía para de ler. Unha boa historia, pedazos de vida entrelazados e un final que me emocionou moito. Botarei de menos a esa xente de Cereiro ;)

  2. 1 / Agosto/ 2016

    Moitas grazas! Foi feita con moito coidado e agarimo para que a disfrutarades. ;-)

  3. Mercedes
    2 / Outubro/ 2016

    Mi primera novela en Galego, esa librería de Ponteceso que me la recomendó, me habló del autor y del blog que agradecida le estoy, hace una horas que la acabé y como me ha gustado!!! ha despertado mis ganas de aprender un poco más de Galicia, a terra da miña nai.

  4. 3 / Outubro/ 2016

    Ola, Mercedes, pois é unha grande honra que te iniciaras na literatura galega co Anxo Negro. Moi agradecido pola miña parte!

  5. Edycarregal
    27 / Setembro/ 2017

    Magnífica novela!! Unha novela “chea”!!
    Chea de sensibilidade, donde o voar do maxín enche a realidade! Tí, Gago, coma ninguén, as nosas contornas naturais e culturais, da Terra galega, a traveso do teu “Anxo” fuches quen de amosares! Parabéns, Gago, por guiarnos no percorrer deses marabillosos lares.

  6. 27 / Setembro/ 2017

    Moitas grazas!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará