Revisionismo e identidade: o 1916 irlandés

En Irlanda levan uns meses cunha curiosa polémica. Este ano conmemórase o centenario do Alzamento de Pascua, un dos acontecementos capitais do proceso de liberación de Irlanda e que mesmo, historiograficamente, considérase de algún xeito o inicio do declive do Imperio Británico. O Alzamento de Pascua foi un punto e aparte no proceso de loita pola independencia: aconteceu no centro de Dublín, remexeu conciencias e acabou con todos os seus líderes fusilados. A partir dese momento o regueiro de sangue rebelde medrou o seu cauce e déronse os episodios máis duros de enfrontamento entre os fenianos e o exército británico.

A polémica veu porque o goberno irlandés decidiu iniciar o programa conmemorativo (que toca eidos moi diferentes) cun vídeo absolutamente delirante. Antes de seguir gustaríame que o vexas:

E agora estaraste a preguntar: onde se fala do alzamento? Pois si, unicamente no sitio que o viches. No primeiro segundo da liña do tempo inicial. Para calquera irlandés medianamente sensible este vídeo é unha afrenta. Para os demáis, sinxelamente escandaloso. Non só non se lembra aos patriotas que morreron tralo alzamento, senón que ademáis o vídeo convírtese nun absoluto lamecús a Inglaterra, coa Raíña Isabel e David Cameron (David Cameron!) aparecendo no vídeo, con mensaxes sobre a reconciliación e a colaboración. Calquera goberno títere dun país invadido tería máis escrúpulos que os neocons e liberais que dominan nestes momentos o Goberno irlandés. Só lles falta pedir perdón por alzarse!!! O escándalo foi tan grande que o vídeo desapareceu da canle oficial gubernamental de Youtube coa que conmemoran o centenario.

A polémica non se fixo de esperar. Aquí tedes unha excelente argumentación ao respecto, que pasa pola seguinte tese. A gravidade deste revisionismo histórico que procura solapar exactamente o que fixeron os rebeldes irlandeses. Hoxendía, a iso se lle chamaría -alomenos desde os vencedores- terrorismo. E, sobre todo, os acontecementos de 1916 supoñen unha perigosa inspiración: rebeldía, acción, inconformismo. O goberno irlandés foi tan torpe que no canto de edulcorar eses termos -como fan todos os neocons astutos- xenerou a máis absoluta parodia de si mesmo e da súa ideoloxía acomodaticia e subornidada a Londres. A Irlanda actual observouse nun espello dramático.

Os vídeos-resposta foron o seguinte paso. Este que poño é do Sinn Fein. Ten tamén un dubidoso gusto audiovisual, pero é un exemplo de como moitos irlandeses enfocaron doutro xeito un centenario que debera dar lugar a unha reflexión profunda sobre a Irlanda actual, a división da illa a nivel territorial, a crecente división social e o seu rol na Europa actual e a súa relación co Reino Unido.

9 Comments

  1. 24 / Xaneiro/ 2016

    O do primeiro video é flipante!

  2. Luís
    25 / Xaneiro/ 2016

    Eu destacaría tamén a música. O vídeo institucional emprega a música irlandesa máis tópica (versión festeira-modernuqui) e cunha letra cantada en irlandés. Unha música irlandesa que soa tan de consumo e tan neutra como o “flamenquito facilón” que se emprega no Estado Español. Ao final, forma parte da mensaxe: o vaciado de contido dos símbolos nacionais, rebaixados a elementos de consumo “multicultis” e universais. Abrirse ao mundo e perder a identidade; dúas cousas que son vendidas como indivisibles. Neoliberalismo en cantidades industriais.

  3. 25 / Xaneiro/ 2016

    Completamente de acordo. A música marca o ritmo, e nunca mellor dito.

  4. Rapeteiro
    26 / Xaneiro/ 2016

    Este tema non o vin na prensa española por ningún lado. Igual é que leo pouco pero sospeito que non hai moito interese en darlle visibilidade ao levantamento dun grupo de terroristas, nin facer ver que un país apareceu en Europa hai cen anos independizándose do Imperio Británico.
    Tamén pode ter que ver nesta a ausencia o costume de ignorar todo o que pasa fora de España se non ten que ver coa Bolsa ou co terrorismo.

  5. Luís
    26 / Xaneiro/ 2016

    Rapeteiro, eu máis que a Bolsa ou o terrorismo, diría que o fútbol. E non pretendo poñerme demagóxico. É unha realidade medible o tempo que se adica aos deportes (básicamente fútbol) nos informativos do mediodía das grandes canles do Estado. Hoxe mesmo sen saír da información de ámbito europeo, referencias testemuñais ao que está a acontecer en Moldavia, nada sobre Ucraína (aínda que a guerra continúa)
    Minutos despois, as bágoas e palabras dun futbolista catalán que recibía un premio, repetidas (dúas veces); e tres minutos para falar dos supostos problemas anímicos dun coñecido xogador estranxeiro do Real Madrid.
    E todo isto, nunha canle que pretende ir de “progresista”.

    Nese sentido, o silencio sobre a polémica arredor da conmemoración de 1916, penso que non é pola compoñente secesionista ou violenta do feito histórico. Penso que -sinxelamente- é impensable que en España se lle dea cobertura a unha noticia como esta, tendo en conta que noticias obxectivamente máis importantes e de maior relevancia internacional, teñen pouca ou ningunha cobertura. Non vou a insistir máis porque nos saímos do tema, pero é interesante -non sei se Manuel lle adicaría un post- comprobar como ao longo dos últimos lustros a cobertura da información internacional nos medios españois foi perdendo tanto cantidade como calidade.

  6. 26 / Xaneiro/ 2016

    Os dous tedes razón. Hai dous feitos indiscutibles nese sentido: a caída de corresponsalías internacionais nos medios españois de todo tipo, pero tamén a representación da realidade mundial que figura desde hai décadas neses mesmos medios. É unha realidade moi determinada no que funcionan criterios que teñen que ver con axendas de determinados grupos -políticos ou económicos- sobre outros grupos.

  7. Antón
    26 / Xaneiro/ 2016

    Esta polémica do revisionismo xa ven de atrás.O de aghora é outro caso máis de varios asuntos que da historia irlandesa fixeron os revisionistas distorsionando a visión que se sostiña da historia “excesivamente” nacionalista.
    Naturalmente que caben matices por suposto! pero como se dí español ” se les ve el plumero”.Hai legados incómodos para certas visións que se fan da narrativa histórica que, lembremos, faise desde o presente . O que delata a posición ideolóxica de cada quisque. Non vale caer no relativismo postmodernista. Non vale todo por igual e as consecuencias éticas dos feitos históricos son ás veces ineludibles , aínda que se lles queira quitar ferro. Poño un caso de cómo hai temas que se repiten na historia por causa e obra duns pouquiños para non cambiar nada . O clásico tópico “E que non se pode/podía facer nada” que hoxe tamén se oe.
    Pois ben tamén iso foi o que se dicía na famosa Fame irlandesa de 1845.Xa declarada a fame tremenda en Irlanda os terratenentes británicos seguían a exportar alimentos afora para seguir gañando cartos en lugar de aliviar a . terrible fame que se estaba producindo diante dos seus ollos.Ah ! e ademáis prohibían que se recibiran en porto calquera carga de alimentos para evitar unha suba de prezos que afectase á súa economía. A deles, claro, non a dos seus pobres aparceiros. Mesmo houbo un responsable do goberno británico Trevelyan que dixo unha frase histórica que deberiamos lembrar ” O xuízo de Deus enviou a calamidade ós irlandeses para ensinarlles unha lección ” Este era un férreo defensor do laissez-faire, ou máis comunmente liberalismo. A que estas palabras soan inquietantemente coñecidas hoxe en boca dos neoliberais? Pois ben as consecuencias da Great Famine irlandesa son incontestables. Milleiros de mortos ( millóns) e outros tantos que ante a catástrofe humanitaria sen igual na historia de Europa ( e do mundo) emigraron pola forza para escapar da morte No presente momento Irlanda non pasa dos catro millóns e pico de habitantes cando antes da fame eran 8 millóns.E xa pasaron ben de anos

  8. Luís
    29 / Xaneiro/ 2016

    O mellor, a sacerdotisa protestante.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará